'Amigos ata a morte' inicia no Morrazo unha "segunda volta" da súa exitosa xira

A comedia protagonizada por Xosé A. Touriñán, Ledicia Sola e David Amor retoma o percorrido polos teatros galegos iniciado en outubro tras unha moi boa acollida do público. A primeira parada será en Cangas este mesmo sábado
Cartaz de 'Amigos ata a morte'
photo_camera Cartaz de 'Amigos ata a morte'

Tras unha éxitosa xira, Amigos ata a morte inicia unha "segunda volta" para "os que se quedaron sen ver" esta divertida comedia interpretada por Xosé A. Touriñán, Ledicia Sola e David Amor.

Así o conta Touriñán, que asegura que quedaron "moi contentos" coa boa acollida de Amigos ata a morte nunha primeira volta na que percorreron boa parte dos teatros galegos. "Mellor imposible. Enchemos en todos os lados", explica o humorista.

Esta forte demanda animounos a continuar a xira co obxectivo de que os que en outubro non tiveron a oportunidade de coñecer aos protagonistas deste triángulo amoroso poidan facelo agora nalgunha das dez localidades nas que actuarán nos próximos dous meses. 

Touriñán, Sola e Amor retomarán a xira este mesmo sábado. Será no Auditorio Municipal de Cangas do Morrazo ás 20.30 horas. O 5 de marzo Amigos ata a morte recala en Vilagarcía e os días 10 e 11 volve a Pontevedra. As entradas xa están á venda.

'BUSCANDO ARDEBULLO'. Esta segunda volta da obra coincide coa estrea do programa Buscando Ardebullo (TVG), na que Touriñán, Marcos Pereiro e Manolo Pereiro percorren varias vilas galegas para coñecer aos seus habitantes. O espazo arrincou este martes con moi boa acollida entre a audiencia e cos seus protagonistas "encantados".

Comentarios