Andrés García: ''El padre Casares se inspira en mi forma de misar''

Andrés García Vilariño (Carballo, 1946) defínese como un sacerdote ''pluriempregado'', xa que colabora coa parroquia de Santa Margarita na Coruña, forma pastores laicos e dá clases na UDC.

Pero sen dúbida o que o fixo máis coñecido foi substituír o mítico padre Isorna á fronte do programa da TVG Santa Misa hai case dous anos, o que fai que xa o coñezan pola rúa como ''o cura da televisión''.

Pregunta: Como xurdiu estar na tele?

Resposta:
Pois foi a raíz de que o padre Isorna decidiu deixalo porque a lei dos anos mermaba as súas forzas e pediu a remuda. Como eu xa estivera nos medios, os bispos chamáronme para substituílo.

P:
Deixara o padre Isorna o listón moi alto?

R: Pois a verdade é que si, porque el tiña un estilo de celebración moi cercano á xente. O reto era transmitir a autenticidade do que se está celebrando, como tan ben o facía el, porque a Santa Misa non só é un programa de televisión.

Eu o que fixen foi cambiar o plató de televisión no que el misaba por unha parroquia real, a de San Fructuoso de Santiago.

P:
Cantos seguidores ten a Santa Misa na actualidade?

R: Temos unha cota de share do 25 por cento, polo que só en Galicia andamos entre 20 e 30.000 persoas cada domingo.

P:
Vaia parroquia...

R: Si, e á que hai que sumar a pa-rroquia virtual –da que non hai datos– de xente que nos segue desde o resto de España, América e varios puntos de Europa. Chámannos e escríbennos seguidores de moitos sitios dicíndonos que se senten membros desa parroquia, como unha portuguesa que me chama moitos domingos e sempre me di que ela ten dúas: a que ten fronte á casa e a da Televisión de Galicia.

Unha parroquia moi variada
P:
O perfil dos fieis supoño que se corresponde con xente maior.

R:
Temos que supoñer que é unha comunidade de xente maior, moitos enfermos ou dependentes que non poden saír da casa. Está claro que ás nove da mañá a xente nova está sobando, como din eles, á volta da noite de marcha.

P:
É que adiantaron a misa ás nove e quizais é cedo de máis, ¿non?

R: Iso supón que nos hospitais non poden seguir a misa porque as televisións non se acenden ata as 10. Eu volverei pedir agora que a misa poida ser un pouquiño máis tarde, xa que é un servizo pensado para os enfermos.

P: Recoñéceo a xente pola rúa?

R: Si, hai moita xente que di que se lle fago coñecido, e sempre salta alguén: ''Pero home, é o cura da tele'' (risas). A min gústame que me sigan, pero sempre lles digo que ver a misa pola televisión non é suficiente, hai que ir á igrexa.

Os curas na 'tele'
P:
Sempre houbo debate en torno aos programas relixiosos na televisión. Agora que hai un partido conservador no poder, cre que os debería potenciar?

R: O debate actual é que as televisións públicas son as que deben retransmitir os partidos de fútbol porque é un servizo á cidadanía. Pois os programas relixiosos son un servizo público máis.

P: É o padre Casares un duro rival na pequena pantalla?

R: En absoluto, é un compañeiro entrañable que creo que aprendeu algo das nosas celebracións, xa que algunhas das escenas de eucaristía están claramente inspiradas na nosa maneira de celebrar. O espectador distingue que o seu é ficción, pero a min a serie gústame porque trata o tema relixoso con moito respecto.

P: Vostede tamén o segue a el...

R: En directo non o podo seguir, pero ás veces recorro a internet para ver episodios. Si, si, eu sigo a serie e mesmo fixen comentarios sobre ela nas follas parroquiais.

O galego na Igrexa
P:
Vostede aposta polo galego na eucaristía.

R: Eu aposto polo galego na vida diaria. Gustaríame que o noso idioma fose un vínculo de comunicación e unión.

P: Supoño que lle entristece logo ver que máis que unir está facendo todo o contrario...

R:
Si, porque se está facendo dos idiomas unha bandeira de tipo político-partidista. Se non coidamos o que é distintivo e noso, este mundo empobrécese culturalmente moitísimo.

''A marcha de Jiménez Losantos da Cope non é perda ningunha''
P:
Que tal leva os focos e as cámaras?

R: Nin me dou conta. Do contrario estaría actuando. Creo que o éxito de comunicación que conseguimos o padre Isorna e mais eu é precisamente por transmitir a autenticidade do que se está celebrando.

P: E a maquillaxe?

R: Ben porque é algo moi elemental; quítanme brillos e listo. Ás veces saio cos pelos levantados, porque á parte de escasos téñoos rebeldes, e alguén do público pasa a man pola cabeza para avisarme. Eses despistes acontecen; son as cousas do directo (risas).

P: 
Antes da Santa Misa xa estivera na tele, ¿nunca se lle deu pola radio?

R: Si (risas). Dirixín un tempo o programa relixioso de Cope Coruña e tamén participaba en tertulias da Radio Galega. A radio gústame moitísimo máis que a televisión, é máis natural.

P: Falando da Cope, ¿ve na marcha de Jiménez Losantos unha perda?

R: Eu non vexo onde está a perda (risas). Hai actitudes na radio que non son presentables, nin desde o punto de vista ético nin desde o evanxélico, polo que creo que era desexable a saída dese presentador.

Comentarios