Antón Losada: "Boto de menos a Fraga, aínda que non compartín as súas ideas"

O profesor e analistas político ilustrou aos marinenses cunha conferencia sobre a situación política de Galicia e o seu futuro, na que se referiu a Feijóo como un "administrador de fincas"

Antón Losada (esquerda) e Lois Juncal, da plataforma Grupo Aberto. CEDIDA
photo_camera Antón Losada (esquerda) e Lois Juncal, da plataforma Grupo Aberto. CEDIDA

"Boto de menos a Fraga. Aínda que nunca compartín moitas das súas ideas, eu boto de menos a Fraga. Porque cando nos gobernaba Fraga o PP era un partido e Fraga un presidente que institucionalizou a presidencia e a Xunta. Cando Fraga ía a calquera sitio, era recibido e respectado. Era o presidente de Galicia. Agora o que temos e un administrador de fincas. Feijóo ten o mesmo nivel político e visión que o meu administrador de fincas, o que se fai cargo da comunidade de veciños. Cando Fraga era presidente, pintaba moito, pero o de agora non pinta nada". Desta maneira o profesor e analista político Antón Losada comezou a súa disertación organizada pola plataforma Grupo Aberto sobre a situación política de Galicia e o seu futuro inmediato o venres, nun ateigado Museo Manuel Torres de Marín.

Losada explicou aos asistentes que no Parlamento de Galicia "é difícil sacar adiante calquera iniciativa", mentres que ten as condicións para o contrario, xa que "o grupo que goberna ten unha ampla maioría e podería ter feito todo o que quixera", engadiu, mais o resultado é "produción cero". O único que se fixo nos tres mandatos de Alberto Núñez Feijóo foron "só recortes e máis recortes, como bo administrador de fincas".

"Entón, por que segue a gañar as eleccións? Porque non hai alternativa". Así de contundente se mostrou o analista político, que asegura que na oposición hai unha "grande incapacidade" para facer unha alternativa ao Goberno do PP. "Unha alternativa constrúese dende a confianza. A oposición tamén dedicou demasiado tempo a vixiarse entre eles en lugar de vixiar o Goberno. Temos unha oposición fragmentada que se mañá gaña as eleccións non se entenderían entre eles. E todo isto a pesar de que Feijóo é un tipo que quere irse e saír correndo de aquí. Iso é o que transmite. Que se quere ir", indicou Losada.

Na oposición hai unha "grande incapacidade" para facer unha alternativa ao Goberno do PP

PRESIDENTE "TRISTE". O profesor teno claro: "sen dúbida Feijóo é o presidente máis triste e mediocre da historia de Galicia. Galicia é, nestes momentos, un país triste e mediocre tanto por causa do mediocre Goberno como da mediocre oposición".

Así, Losada defendeu que "falta alguén que lle diga a Feijóo 'basta'. Alguén que crea en Galicia. A Galicia que segue ao fronte da pesca mundial e que mal que ben ten as súas tres universidades entre as primeiras do mundo. É preciso alguén que comece a rachar esta ditadura da tristeza. Faltan líderes políticos".

"Necesitamos alguén que nos diga que non somos pobres, nin ignorantes, nin dependentes", defendeu Antón Losada ante decenas de persoas.

O profesor mantivo un longo diálogo cos asistentes respostando ás súas preguntas. Así, xurdiu o tema das pensións, para o que Losada dixo que non se resolve a reivindicación dos pensionistas porque non se quere. "Din que non hai cartos e que por iso non se pode resolver e non é verdade. Só en instrumentos financieiros de inversión hai en España máis de 300.000 millóns de euros cunha fiscalidade ridícula. O problema da actualización das pensións supón en torno aos 3.000 millóns de euros. Bastaría cunha pequena modificación fiscal para acadalos. Pero non se quere", concluíu.

Comentarios