miércoles. 25.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 25.05.2022
El tiempo

"Ao non ser nomeados polo xurado cremos que seriamos os primeiros"

Fran Siera. RTVE
Fran Siera. RTVE
O baile tradicional galego tivo o seu oco no Benidorm Fest grazas á candidatura de Terra e ao traballo de Fran Sieira, responsable da danza que forma o espectáculo

Unha revolución pareceu chegar ás televisións nacionais o pasado mércores grazas á actuación de Tanxugueiras no Benidorm Fest, onde interpretaron Terra procurando representar a España no festival de Eurovisión. Xunto a elas marchou un grupo de artistas para elaborar a mellor candidatura posible. Maquillaxe dourada, efectos visuais, vestiario, iluminación... E baile tradicional galego no centro. O coreógrafo que armou a danza e que se pode ver xunto a elas é Fran Sieira, que actualmente cursa os seus estudos de danza no Conservatorio de Lugo.

Como está o estado de ánimo despois da primeira semifinal?
Moi contentos, sentimos o calor do público e de Galicia ao outro lado da Península. É unha pasada. Estamos alucinando coas cousas que lemos en redes e co apoio da xente.

Imaxino que sobre un escenario como o do Benidorm Fest os nervios flúen sós. Debe impresionar.
Dicindo a verdade, houbo máis nervios nos ensaios. Olaia e Artur chegaron o propio mércores, tivemos só 15 minutos para a proba de son e de escenario e de ensaiar a proposta sobre o escenario. Elas botáronlle ovarios porque con tan pouco tempo... Pero nervios en escenario? Non, en tal caso serían previos porque era pouco tempo de ensaio. Si que había presión, iso si. Pero unha vez pasado o momento, queda a emoción e a resposta por parte do público.

Non se fala doutra cousa. O tema do xurado, que parece ser que non concordou co público. Houbo unha colisión de opinións.
A verdade é que eu non o entendín ben, non eramos penúltimos. Quen entenda de artes escénicas poderá compartilo. Elas estiveron brutais e non eran quintas. Xa sabiamos que isto era televisión, porque viñamos avisados e tamén temos experiencias, pero quedas co corpo un pouco raro logo de vivilo, de ver ao público. Ao non ser nomeados polo xurado ao comezo, pensabamos que iamos ser os primeiros! Con isto non quero dicir que merecésemos ser os primeiros nin gañar, pero que desde logo, quintos ou penúltimos, como se prefira ver, non somos.

Claro, a realidade do público é outra no seu caso, radicalmente confrontada.
Mira, cando baixamos a almorzar hoxe (polo xoves), recibimos unha morea de felicitacións do resto de candidatos e tamén por parte do seu equipo. Por motivos de xustiza e organización, entre nós non podemos vernos ensaiando, descoñeciamos os tipos de propostas que había por cada candidatura e o que presentaba cada equipo. Entón, recibir o recoñecemento pola súa parte é significativo... Loaron moitos aspectos, o detallismo, por exemplo.

"Non quedamos moi contentos, tiñamos outra produción pensada. Perdéronse moitas partes significativas"

Cada presentación busca potenciar a súa proposta, entendo que ve diferencias entre elas.
No resto de propostas pois considero que non había o mesmo traballo coidado ao milímetro, de coreografía, de traballo visual que no noso espectáculo estaba moi currado e non se apreciou case. Moi currado. Tivemos en conta moitos aspectos. Non lle resto o valor nin desprezo ao resto de candidatos e presentacións, para nada, pero pola nosa parte sabemos que había un traballo de moita calidade e pensado detrás.

Vostede é unha das caras visibles da posta en escena de Terra. É tamén o cerebro tras a coreografía?
Si! Son o coreógrafo. Preguntáronme se me gustaría ir con elas e formar parte. Aida é tamén bailarina na miña compañía de danza xunto a Artur, o outro bailarín e compañeiro. O baile entre ambos e a coreógrafía xeral corre á miña conta.

Non debe ser sinxelo poñerlle baile a un tema como Terra. Que procuraba engadir co seu baile á composición?
O que intentei amosar a tradición en si mesma, que o noso baile tradicional é forte, limpo, elegante e estilizado. Collín trazos do máis puro pero quixen que fose accesible e rachar coa idea típica que pode haber co folclore, en concreto, cara o noso folclore.

Pero tamén busca facelo actual, certo?
Terra precisamente conxuga eses dous universos de tradición e vangarda. Claro, é unha danza tradicional nun contexto actual. Para poder levarlla ao público e para que a acolla, telo que facer a través do clásico pero dándolle un punto, un toque. É facelo accesible, pero noso.

"Intentei amosar a tradición en si mesma, que o noso baile tradicional é forte, limpo, elegante e estilizado"

Apostou porque bailase unha parella de dous homes, aínda que o traicional dicte que sexa unha mixta, de home e muller.
Tradicionalmente si, home e muller é o que se entende como o parella de baile. A danza folclórica galega que conste que leva xa tempo con estas mudanzas e non se fai estrano no noso contexto, nin para nós mesmos. Pero quixen que xunto a tres mulleres bravas e fortes como elas fosen dous homes bailando, representando e dando unha imaxe real de que Galicia vai cos tempos presentes. En efecto, unha parella de bailaríns poden ser dous homes.

Logo da valoración do xurado, manteredes a mesma coreografía e espectáculo?
No que á danza se refire queremos manter o mesmo, outra cousa é a parte de realización. Non quedamos moi contentos, tiñamos outra produción pensada e non saiu o que nós queriamos. Perdéronse moitas partes interesantes e significativas do número, planos de nós bailando, ou de cando Aida se suma á danza... Viuse como en planos moi xerais. O aturuxo, por exemplo, iso tiña que petar e quedou baixo. A nosa directora da presentación está traballando con Televisión Española e a organización desde xa para mellorar niso, na realización. Máis que nada, para que se aproxime ao que tiñamos pensado. Hai cousas que mellorar e agardamos que así sexa.

De cara a final do sábado, podemos agardar entón por una versión perfeccionada e que se achegue á mellor cara de Terra, certo?
Queremos pensar que de cara á final do Benidorm Fest na noite de mañá poderán amañarse estes pequenos problemas técnicos e que todo saia como está pensado, iso esperamos. Hoxe (polo xoves) tocou ensaio e teremos moito máis tempo a conectar co escenario, co equipo e intentaremos levalo mellor. Temos outros ensaios e agora contamos con máis oportunidades para darlle un sentido completo.

Dentro do Benidorm Fest non se pode desperdiciar nin un momento, non? Imaxino que é un escaparate moi poderoso para vostede.
Coido que este é momento para aproveitar algo tan mediático como o Benidorm Fest, servirnos do foco que hai sobre nós e a nosa cultura sirva para amosala ao mundo. Porque, efectivamente, non hai fronteiras. Agora gozamos de interese e o público está prestando atención. Elas están conseguíndoo nun contexto que se soñaba.

"Ao non ser nomeados polo xurado cremos que seriamos os primeiros"
Comentarios