A baronesa, unha 'vítima' máis da crise

A baronesa Carmen Thyssen anunciou onte nun encontro cos medios de comunicación que o próximo 3 de xullo se desprenderá dun dos seus cadros máis prezados, The lock, de Constable, pois aféctaa a crise e necesita diñeiro.

The lock
poxarase na sala Christie’s de Londres, cun prezo de saída de 20 millóns de libras (25 millóns de euros), aínda que se cre que podería chegar a alcanzar os 40 (50 millóns de euros).

O padroado do Museo Thyssen aprobou que o cadro saíse a poxa, aínda que a baronesa admitiu que lle dá “pena” perdelo, pero que non lle queda outro remedio pola crise. “Síntoo moito, sábeme moi mal pero a crise tamén é para os coleccionistas de arte. De non ser por iso non daría este paso”, apostilou Carmen Cervera.

Ademais, a baronesa recordou que leva 13 anos cedendo gratuitamente a súa colección ao Estado español, co que ten un acordo ata 2013. “A partir de aquí xa veremos. Son optimista”, engadiu.

Carmen Cervera desvelou que esta poxa de The lock contou coa oposición de Francesca Thyssen, filla do barón, quen expresou o seu malestar nun fax ao ministro de Educación, José Ignacio Wert.

A baronesa puntualizou que, “se Deus quere”, non venderá máis obras pois esta poxa permitiralle asegurar o futuro da colección.

DAMNIFICADA POR BANKIA
Este cadro adquirírano o barón e a baronesa Thyssen en 1990 por 10,8 millóns de libras. Do mesmo xeito que a ministra Ángeles González-Sinde, o actual ministro Wert recibiu a opción de compra do cadro de Constable por parte da baronesa. Ambos rexeitaron. “Á ministra ofrecinlle ata pagalo a prazos pero eu entendo que as circunstancias económicas non son as mellores”, sinalou.

O Museo Thyssen é outro dos damnificados polos graves problemas de Bankia. A entidade era patrocinadora nas exposicións fortes, pero desde novembro as conversas quedaron conxeladas.

Comentarios