Berto Yáñez: "Non coñezo a Gayoso; parece un tipo riquiño e con sentido do humor"

É informático, cofundador de A Navalla Suíza e creador dos bots que controlan en Twitter @unsaudo e @unhavella e do xerador de poesía galega
Berto Yáñez, en O Vicedo
photo_camera Berto Yáñez, en O Vicedo

Que é un bot?
Un bot (ou robot), no contexto das redes sociais, pode entenderse como un programa informático moi sinxelo cuxa misión é actualizar un perfil de Twitter, Facebook, etc.… Por poñer un exemplo simple: poderíamos facer un programa informático que de cada pouco escribise un tuit dicindo a hora que é nese momento. Iso sería un bot, moi sinxelo e pouco vistoso, pero un bot.

Como xorde o de crear un bot?
A min interésame dende sempre explorar a capacidade dos computadores para crear contido que pareza creado por humanos. Nesa creación non ten que ver tanto a intelixencia nin a creatividade, cousas das que carecen os computadores, se non os algoritmos e a aleatoriedade. Levo moito tempo a experimentar con iso e algúns deles teñen forma de bot. Por outra banda, é simplemente divertido, polo que me gusta facelo.

Hai 10 anos xa dese bot tan exitoso que foi o ‘Gerador Automático de Poesía en Galego’, por que poesía en galego?
O xerador de poesía era unha ‘mirada crítica’ a esa lírica contemporánea tan críptica e complexa de entender. Foi un experimento que propoñía que mesturando versos ao chou de poemas se podían crear outros poemas que tiñan tanto ou máis sentido que os orixinais. Gustou moito no seu momento; por algo sería.

Cantas parroquias e lugares de Galicia mencionou xa a súa conta de Twitter @unsaudo?
Pois saúda un novo cada 15 minutos, día e noite. Agora mesmo está preto dos 700, moi lonxe dos 37.308 topónimos oficiais recollidos pola Xunta de Galicia. Chegará a esa cifra a finais de agosto do 2016.

Que cre que opina Gayoso deste bot? Faríalle ‘follow’?
Non o sei. Non o coñezo, pero parece un tipo riquiño e con sentido do humor. Penso que Gayoso non ten conta de Twitter coñecida, pero á conta oficial de Luar fíxolle bastante graza.

"O xerador creaba poemas con máis sentido que os orixinais, usando versos ao chou"


Comezará o bot a saúdar a xente cando acabe coas parroquias?
Non. Cando por fin saúde a todos os topónimos mandará un saúdo final e terá un merecido descanso despois dun ano funcionando sen parar. Pero si que me gustaría facer un bot no futuro que interactúe máis coa xente e que non se limite a mandar tuits de xeito tan pasivo.

@unhavella é outra das súas contas de Twitter. Que pasará cando o bot remate co Volga (Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega)?
Sempre existe a posibilidade de que repita rimas, pero o Volga ten milleiros de palabras diferentes e polo tanto moitas combinacións posibles entón é pouco probable que as repita a curto prazo.

Canta imaxinación ten que ter o creador dun bot? E canta maña?
Ningún dos programas informáticos que hai detrás dos bots que fixen ata o de agora é moi complexo. Ademais, o código fonte deles está dispoñible para que calquera poida experimentar con el. E en canto á imaxinación, supoño que hai que ter a mesma que cando te pos a crear calquera outra cousa; simplemente é que os ingredientes que proporciona internet son diferentes.

Hai algún programa ‘máxico’ para ‘'dummies'’ da informática que nos poida a axudar a crear un bot?
Pode que exista. Eu non coñezo ningunha, pero buscando en calquera buscador sobre como crear un bot aparecen centos de resultados, moitos deles con exemplos paso a paso e código xa case feito.

Algún outro bot ronda pola súa cabeza?
Quédanme moitos por facer e teño moitas ideas. Como dixen antes, o que me gustaría sería facer un bot que interactue máis coa xente, que conteste ou poida ter unha conversa ou algo similar. Obviamente non sería nada parecido a unha conversa cunha persoa real, pero o resultado pode ser divertido.

Cre que os bots se farán co mundo ao máis puro estilo Hollywood?
Non creo que pase iso pero si que penso que os robots cada vez nos axudarán máis a facer moitas tarefas cotidianas e penso que é moi interesante o futuro de entendemento que temos por diante.

Cal é o seu bot?
O último que fixen, ata que faga o seguinte

Comentarios