A caída do imperio nórdico

A segunda semifinal de Eurovisión certificou o xoves o pase de Letonia, Polonia, Serbia, Lituania, Australia, Ucraína, Xeorxia, Israel e a gran sorpresa de Bélxica. A final celebrarase este sábado ás 21.00 no Globe Arena de Estocolmo e a española Barei actuará na décima novena posición
La cantante belga Laura Tesoro, durante la segunda semifinal del Festival de Eurovisión
photo_camera La cantante belga Laura Tesoro, durante la segunda semifinal del Festival de Eurovisión

A segunda final de Eurovisión certifica a fin do imperio nórdico. Nin Finlandia nin Islandia, que xa quedaran apeadas na primeira rolda, nin Dinamarca nin Noruega, que foron rexeitadas este xoves polo xurado e o televoto. O rapazolo Frans, representante da anfitrioa televisión pública sueca, será a única voz do bloque do septentrión no festival. E porque non tivo que pasar polas peneiras previas con iso de que vai pola tele organizadora.

As leccións tiradas da segunda semifinal celebrada este xoves inciden nalgunhas das ideas apuntadas o martes. Non estarán os nórdicos, pero si haberá case que unha ducia cancións de produción e/ou factura sueca. O efecto Måns Zelmerlöw -cantante guapo e pop comercial- que lle deu a vitoria a Suecia o ano pasado esténdese ao bloque báltico e Letonia e Lituania conseguiron onte praza na final grazas ao "comodín do buenochismo", que diría o eurofán de Castro de Rei Héctor Anllo -@anllo- , coa salvedade de que Justs e Donny son peores cantantes ca Måns. O báltico que cantaba ben nesta edición, o estonio, Jüri Pootsman, non estará o sábado no Globe Arena.

Tampouco foi afortunada a xeira do xoves para o balkan sound, ao non clasificarse Kaliopi, representante da Antiga República Iugoslava de Macedonia e unha das grandes divas do rock balcánico. A actuación foi memorable; non esqueceu o seu característico laio de guerra para os máis fieis, pero semella que non foi abondo. A serbia Sanja Vučić -filóloga como a armenia Iveta- será a única referencia balkan na final, cun baladón que é ao tempo un alegato feminista contra os malos tratos.

Non só non haberá o que os 'haters' e detractores denominan 'friquis', senón que tampouco se escoitarán as sas candidaturas petardas que tanto nos prestan ás eurofáns



Cumpriu os pronósticos Ucraína e Jamala sitúase como unha das grandes favoritas para a final. Esta intérprete, de orixe tártara, leva '1944', un tema que fala sobre a guerra que sufriu o seu pobo nese ano e como tiveron que refuxiarse en Crimea. Porque Eurovisión tira os temas que considera "políticos" -a bielorrusa Anastasiya Vikinnova tivo que modificar o seu Born in Belorussia en 2011 por considerarse nostálxico da URSS e Chikilicuatre tivera que prescindir de Hugo Chávez, Zapatero e Rajoy en 2008-, pero o filtro muda en segundo que circunstancias.

Non foi tampouco unha sorpresa a clasificación de Australia, coa cantante surcoreana Dami In, unha moi boa interpretación mais un tema demasiado estándar, e tamén Hovi Star, un cantante máis ca correcto, lle deu o pase a Israel malia que moitas pensemos que o tema é bastante olvidable. Máis chamativa foi a aceptación da proposta do polaco Michal Szpak -chaqueta vermella de estilo austrohúgaro, melena ao ventilador e feituras de cantante de rock sinfónico-, sobre todo despois da polémica na preselección de Polonia pola non clasificación da gran favorita: Margaret.

Merecido tamén o apoio á búlgara Poli Genova, que leva unha das composicións máis audaces e contemporáneas da edición e que xa quedara ás portas da final en 2011, e sorpresivo o que recibiron os xeorxianos Nika Kocharov and Young Georgian Lolitaz e o seu Midnight gold, que semella un descarte dos Blur dos noventa.

O da novísima Laura Tesoro foi o último nome pronunciado por Petra Mede na noite do xoves. Ninguén daba un patacón por esta rapaza belga de orixe italiana de 20 anos que leva un funk titulado What's pressure, pero a peza gañou coa posta escea e este sábado será a encargada de abrir a gran final do Festival de Eurovisión, onde a española Barei actuará en décima novena posición.

Están os eurofans encantados con esta circunstancia, xa que se trata de dúas propostas bailongas e festivas e existía o temor de que unha delas puidese opacar a outra. Aínda así, ollo con Tesoro, que comezou a súa xeira en Eurovisión como trixésima quinta para as casas de apostas e xusto despois da súa clasificación xa era décima.

ONDE ESTÁ O EUROPETARDEO? Avecíñase unha final do Festival de Eurovisión como poucas nos últimos tempos. Non só non haberá o que os haters e detractores denominan friquis, senón que tampouco se escoitarán as sas candidaturas petardas que tanto nos prestan ás eurofáns e que adoitan chegar de Grecia, San Marino, Israel ou dalgúns países do que foi a Comecon. Tampouco será unha edición para a pegada das músicas tradicionais, que adoitan ser outro dos ingredientes habituais do festival: nin folk nórdico nin balcánico nin eslavo o sábado en Estocolmo, salvo algúns retazos.

Disque a cousa vai estar entre Rusia e Ucraína. Como no mapa. Como na vida mesma.


A lingua franca é o inglés máis ca nunca: só rachan coa tendencia uns poucos como a ucraína Jamala (tártaro de Crimea), o francés Amir (aínda que co retrouso en inglés, na mellor tradición do Europe's living a celebration), a italiana Francesca (ídem) e a austríaca Zoë, que con iso de que estudou no Liceo Francés de Viena lle sae cantar na lingua de Edith Piaf.

Moito baladón, moito escandipop (en candidaturas non escandinavas, iso si), un chisco de rock and roll, divismo, rapaces guapísimos e todo tan de radiofórmula convencional que boto de menos que non teña pasado o bielorruso Ivan, co seu holograma espido a bailar con lobos, un traxe como para a Panorama e o mesmo estilismo capilar có elfo Légolas de O señor dos aneis.

E os favoritos? Disque a cousa vai estar entre Rusia e Ucraína. Como no mapa. Como na vida mesma. Tamén Armenia, aínda que a magnífica proposta de Iveta podería verse afectada polo incidente da bandeira de Nagorno Karabaj na primeira semifinal. Suecia sempre loce arriba nas enquisas e Australia ten o seu público. Hai quen teme un batacazo do francés Amir, que antes das semis era un dos grandes favoritos, e non convén perder de vista Italia. Oxalá unha boa posición para a búlgara Poli Genova, porque o merece. Que non lle conten lerias: isto é Eurovisión e pode pasar calquera cousa.

Ata que chegue o momento dos 'douze points' é tempo de gozar dun espectáculo que o ano pasado reuniu 200 millóns de persoas de todo o mundo fronte ao televisor. Desta volta, ademais de retransmitirse en directo en Australia e China, Eurovisión daralle a benvida ao público de Estados Unidos. Para facer valer a vitola de gran evento, actuará como artista convidado no intermedio Justin Timberlake, como na mesmísima Superbowl.

Comentarios