Cando os tongos marcaban a lei

Daban as doce da noite do venres cando todas as pantallas se acendían de súpeto. O décimo aniversario da Xuventude Galiza Net dera comezo oficialmente, entre berros de tongo e zasca. Coma tódolos anos, vídeos fetiches repetidos ata a saciedade, bromas clásicas e humor escatolóxico.

Faltou unha torta de cumpreanos, pero os 1800 participantes encheron a sala con barullo, discos duros, torres e sacos de durmir. Gamers, informáticos, afecionados, mulleres e amantes das partys déronse cita no Multiusos do Sar, pero todos unidos polo mesmo sentimento friki: unha nova edición da party máis esperada do ano.

Colas quilométricas houbo que esperar para que a tan esperada mochila coa identificación fose entregada correctamente. A intriga de non saber onde estaban os lugares na nova ubicación do evento e sobre todo, a intriga de se sería unha boa idea este cambio de emprazamento fixo a moitos asistentes pasear ansiosamente polo recinto, descubrindo cousas como unha piscina ou un ximnasio, que noutras edicións non sería posible habilitar.

Rapidamente as mesas enchéronse de cables e comida basura. Dende as gradas da pista central do Multiusos podíanse observar gorras grises desexosas de compartir arquivos, descargar, xogar online, programar, concursar ou falar polo chat do DC. Poucos levantaban a cabeza tan sequera para atender as indicacións da organización, o máis importante neses primeiros momentos, era 'viciar'.

Nostalxia e calma
Outra edición máis que pasará á historia sen pena nin gloria, pero que para moitos estivo chea de nostalxia. As noites na XGN volvéronse máis tranquilas. Parece que o aumentar o baremo de idade provocou un envellecemento da asistencia. Tongos illados na noite do venres, algún tuneiro pedindo Techno polos altavoces, pero moi pouco movemento. O animador estrela das últimas edicións, Quim, pasou a madrugada máis calmado ca nunca.

Onde estaban as xincanas nocturnas e as partidas de Street Fighter para os dez primeiros en chegar ao escenario? Cando José Tojeiro e Rick Astley fixeron a súa aparicicón estelar, parecía que a noite se ía animar, pero o ambiente do venres seguiu a ser máis similar a un velatorio do Spectrum.

Foron, sen embargo, os concursos de dobraxe os que fixeron levantar a cabeza da súa pantalla ao gran público. Con eles, chegaron por fin os falsos tongos rodeados de aplausos para os gañadores. Unha noite tranquila que rematou co almorzo do día seguinte, no que abondaron os croissants, pero onde se botou en falta unha cunca de cola cao.

O clásico campionato mundial de lanzamento de disco foi un deses momentos tan esperados por todos, e un dos concursos con maior afluencia. A novidade estelar deste ano foi a posiblidade de utilizar un DVD, máis pesado, igual de xeitoso, pero máis resistente á forza do aire.

Costa arriba e co vento e os gardas de seguridade da Cidade da Cultura en contra, os competidores miraban ao horizonte cunha soa determinación: chegar máis alá do calvo que recollía os CD´s. O premio: un vale de compra de 60 euros nun gran almacén santiagués. En palabras do gañador do concurso: ''non foi sorte, é cuestión de técnica''. A ver se para o ano xa se pode participar con Blue ray.

Comida por 37 euros
Non podían faltar, coma todos os anos, as protestas. Desmotivar á organización sempre foi un dos pasatempos favoritos dos asistentes á party. Curiosamente non se protestou pola falta de mulleres, entre outras cousas pola presenza da fermosa presentadora do evento, e porque a cuota subiu a un 12%.

En cambio, a comida volveu ser o tema estrela en todas as bromas da XGN. 37 euros por almorzar, comer e cenar tres días é caro? Para algúns merece máis que o dado. Outros xa sabían o menú antes de comezar a party: polo ou ensalada de pasta, ou filloas recheas de 'paisaxe', hamburguesas con patacas e ao día seguinte, albóndigas recicladas de hamburguesas.

O buffet libre encheuse de bromas e algúns lembraban edicións pasadas, cando os camareiros servían a comida nas mesas. Un servizo excelente, e o trato dos traballadores, mellor aínda.

Á calor do ordenador
E cando daban as doce da noite do sábado, entre botes vacíos de red bull, coca cola, envoltorios de patacas fritas, cd´s de galinux, e abundantes xornais que nunca foron lidos, algún consursante xa durmía placidamente a carón da súa CPU. Onde mellor que debaixo dos cables para non pasar frío?

Moitos seguen temer deixar o seu equipo en soidade polas noites. Quizais o medo a volver atoparse cun gran pantallazo azul non lles deixa conciliar ben o sono, aínda que nunha party na que os berros abundan a altas horas da mañá, o pantallazo de Windows parece un mal menor.

Este ano, houbo unha maior afluencia de corpos tirados polos pasillos do enorme cuadrángulo. Grandes colchonetas para grandes homes con melenas, durmidos placidamente boca arriba, mentres os da organización custodiaban o seu sono lendo o xornal atrasado. Velaí o espítiu da party que nunca deixa de sorprender.

Os dormitorios volvéronse converter en plantacións de crisálidas envoltas en mantas. Ronquidos na sala dos homes, e coma sempre, tamén na das mulleres. Sendo así, podían obviar os carteis xa que o respeto pola intimidade feminina non é un concepto entendible nun evento no que o 88% dos asistentes son homes.

Noite animada
Os slots quitáronlle o sono a outros, pois parecían non querer estar dispoñibles a ningunha hora. O 'DC', na súa liña de sempre, non quixo funcionar ben. A tarde do sábado algúns pedían slots desesperadamente, outros aproveitaron máis, e foron ás conferencias onde o premio estrela foi o xogo de estratexia máis tongueado de tódalas partys, o 'Imperium'. A actividade no encontro pareceu bulir de repente, e a noite do sábado, estourou, de novo, coma nos vellos tempos.

Concursos de baile nunca vistos, imitacións de Beyoncé con bañadores olímpicos, música a tropecentos decibelios a moi altas horas da mañá, vídeos frikis subidos a youtube, berros desesperados buscando ao Mago Teto (que nesta edición brillou pola súa ausencia), concursos de dobraxe que reflectiron a realidade pornográfica do descargador friki, máis videos de gatos e bebés e a organización berrando dende o escenario, animando a noite máis longa do ano e non deixando durmir aos máis perezosos.

E todo isto, recollido nun especial de vídeo preparado para a ocasión e reproducido case en tempo real na gran pantalla. Resultou ser unha extraña novidade, esta de incluir a unha presentadora e un reporteiro pola party, facendo un seguemento exhaustivo por todos os recunchos do multiusos, buscando temas dos que falar, ou inventando algunha excusa para poder gravar.

Ata 2010?
Case omnipresente, de súptero aparecía co micro por detrás, irrumpindo nas partidas dos gamers. Algúns escapábanlle cando se achegaba coa alcachofa, outros seguían a mirar para as pantallas dos seus ordenadores. Algúns contestaban con desgana, outros con moita ilusión, un ata lle deu un susto de zasca, pero todos se buscaban no proxector minutos despois, cando estas novas XGN se rentransmitían en gran tamaño.

Unha edición chea de nostalxia recordando tempos pasados no Pazo de Congresos e Exposicións. Cando a tradición peta con forza, os cambios tardan en convencer á gran maioría. Pero ao final, as cousas non cambiaron tanto desde antigos eventos. 200 frikis máis, pero os mesmos vídeos de bebés e gatos proxectados na gran pantalla, os mesmos aplausos para José Tojeiro, os mesmos tongos para a organización.

O maior evento informático de Galicia despediuse cunha entrega de premios máis saborosa que a do 2008, e coa incógnita de se nos volveremos ver as caras no 2010. Iso sí, quizais a pregunta xa non sexa, ''en galego, por que non?''. Quizais pasará a ser 'juventud galicia net', ou quizáis este foi o seu décimo e último aniversario. Quen sabe...

Comentarios