''Hay quien dice que hacemos telebasura, pero entretener es un trabajo muy digno''

A xornalista Carlota Corredera (Vigo, 1974) marchou a Madrid por motivos laborais por un mes e quedou 12 anos. Hai 9 deu o salto ao mundo da tele, onde monstros como Jordi González en TNT, María Teresa Campos en El Laberinto de la Memoria ou Ana Rosa Quintana en Sabor a Ti estiveron baixo as súas ordes.

Desde abril de 2009 dirixe xunto a Raúl Prieto Sálvame diario, que o pasado xoves celebrou o seu programa número 200. Tras un intenso día de traballo, recoñece divertida que é a primeira vez que a entrevistan a ela. Pois méritos non lle faltan.

Pregunta: ¿Con cal dos presentadores aos que dirixiu queda?

Resposta: Con Jorge Javier porque é co que máis traballei –imos polo cuarto programa–, se ben con Ana Rosa estiven dous anos e medio e Sabor a ti foi a miña escola televisiva.

P: Tes ‘feeling’ con Jorge Javier...

R: É moi fácil traballar con el, e iso que é especial, pero como todos os presentadores, que son unha caste aparte aos que hai que saber coidar e ser duros cando toca.

P: ‘Sálvame’ é un dos programas máis criticados e á vez máis vistos. ¿Onde radica o seu éxito?

R: Sálvame chegou nun momento no que a xente estaba cansada dos magazines clásicos. É un programa sen complexos cuxo éxito radica no presentador e nos colaboradores que ten; todos son como realmente son e a xente empatiza con esa naturalidade.

P: Teñen o peor do mellor aí metido...

R: Efectivamente, xa Jorge Javier o admitiu no seu día. Os colaboradores dan moita guerra; son especiais pero tamén imprescindibles. Sálvame é un pequeno reality e así o vive a xente nas súas casas.

P: ¿Cústalle mantelos a raia?

R: Moitísimo. Tes que ser paciente e moi psicóloga, pero tamén ter man dura e gañarte o seu respecto.

P: O plató parece unha anarquía. ¿É esa improvisación real?

R: Hai moitísimas cousas que ningún de nós sabe que van pasar. Hai marxe á improvisación, pero tamén moito traballo detrás. Cada día reunímonos durante dúas horas e decidimos os temas a tratar, tras o que se fan os guións.

P: As agresións verbais están á orde do día no programa...

R: Si, pero as discusións e piques entre os colaboradores non están guionizados nunca.

P: Na memoria de todos está a pelexa entre Pipi e Jimmy...

R: Ese foi o día máis terrible da historia de Sálvame e un dos que peor o pasei na miña taxectoria. Doeume que se dixera que estaba preparado, porque a ninguén no seu san xuízo se lle ocorre que dous compañeiros cheguen ás mans.

P:
Supoño que no polo oposto está o día do ‘Ondas’ a Jorge Javier...

R: Foi un dos programas máis bonitos e choramos con el. Era o seu soño, e logo que lle deran o premio máis importante da televisión ao presentador do programa no que traballo foi marabilloso.

P: ¿E como viviu o cambio de look da Esteban?

R: Con moita ilusión porque era algo que Belén tiña que afrontar, e que nós lle aconsellamos motivados polas campanadas, que tamén diriximos os directores de Sálvame diario, Raúl Prieto e eu.

P: Como copresentadora é como a súa homóloga no plató...

R: Eu con Belén xa traballara en Sabor a ti e sinto adoración por ela. É a nosa nena consentida, e iso que tamén dá moita guerra.

P: ¿Saen de copas despois do programa?

R: Eu relaciónome con xente do equipo que non sae en pantalla, porque levamos moitos anos traballando xuntos. E logo con Jorge Javier si que podo ter unha relación fóra da tele, pero co resto de colaboradores non. Eu son a súa directora e teño unha relación profesional con eles, aínda que esta é tan estreita ao pasar tantas horas xuntos que logo ás veces chámanme por teléfono e teño que facer un pouco de psicóloga.

P: Vostede sae en directo cando lle piden permiso para dar novas...

R: Si porque, así como noutros programas só se tratan os temas que están no guión, neste os colaboradores teñen os móbiles e reciben noticias en directo, e nunca van dar unha sen permiso. Aí está outra das claves de Sálvame, que é un programa vivo.

P: 200 programas. Noraboa.

R: Chegar a 200 programas é un fito. Oxalá fagamos outros 200 sen que a xente se canse de nós.

P: ¿Non bota de menos Galicia?

R: Claro, boto moitísimo de menos a miña casa. Se eu estou dous meses e medio sen ir a Vigo xa me empeza a entrar a ansiedade de que vivo no centro do mapa e necesito a miña familia e o mar, a miña ría de Vigo.

  • ''Non son nin de Indhira nin de Arturo, son de Saray que é de Ferrol''

P: Dos 200 programas, ¿con que exclusiva queda?

R: Con calquera que teña que ver cos nosos colaboradores.

P: ¿E cal lle gustaría dar?

R: O embarazo de Belén.

P: Aos que os acusan de facer telelixo diríalles...

R: Hai quen di que isto é televisión indigna, pero eu creo que é súper digno entreter a xente, polo que estou orgullosa do traballo que fago.

P: E o todopoderoso Jaime Cantizano, destronado.

R: Todos os programas teñen data de caducidade, incluído o noso. Donde estás corazón foi líder durante 5 anos e agora xurdiu outro programa que lle está facendo dano. É un logro que celebro porque o mesmo equipo de Sálvame diario puxemos en marcha o Deluxe.

P: Seguro que ten miles de anécdotas...

R: Si, hai tantas... O que pasa é que no estudio de Sálvame vese todo. Á xente encántalle ver o que pasa detrás das cámaras e neste programa ten a oportunidade de facelo, ata o que ocorre nos intermedios. P ¿É Jorge Javier tan ‘broncas’ como parece?

R: Non. O que pasa é que é moi xoguetón e gústalle de cando en vez unha tensión no estudio. En realidade el é súper tímido.

P: ¿E Kiko tan sabichón?

R: Un logro do programa é que mellorou a imaxe de todos os colaboradores. Kiko tiña unha imaxe máis de malo da que ten agora. Todos din que nunca recibiran tanto cariño da xente.

P: ¿Superou Karmele a súa eliminación de ‘Eurovisión’?

R: Recuperouse polo apoio que tivo. Nós pasamos moitas horas axudándoa e ao ver que a xente se envorcou foi un subidón. O programa está a realizar os soños dos seus colaboradores.

P: Falemos de ‘GH9’. ¿É ‘indhirista’ ou ‘arturista’?

R: Nin indhirista nin arturista. Hai cousas dos dous que me parecen impresentables. Eu son de Saray porque é de Ferrol.

Comentarios