viernes. 03.07.2020 |
El tiempo
viernes. 03.07.2020
El tiempo

Castelao artista (1905-1920)

Cando se cumpren 130 anos do nacemento de Castelao e 100 da súa chegada a Pontevedra, a ‘súa’ vila, diferentes actividades reflictirán a xenialidade da súa figura. Unha exposición no Museo de Pontevedra reflexiona sobre a súa faciana artística

NO ANO 1905 aparece asinada unha acuarela por Daniel Rodríguez C. considerándose como a súa primeira manifestación artística. A partir desa data Castelao asume a súa condición de creador e busca desenvolver a súa carreira a través do traballo no taller, a realización de exposicións, a publicación de debuxos ou o concurso en certámenes artísticos. Temos, polo tanto, a Castelao tentando consolidarse como artista e como creador, situacións que co devir do tempo iránse vendo modificadas pola súa achega ideolóxica ou política que faran da arte un elemento de concienciación social.

Percorrer a exposición que se vén de inaugurar no Museo de Pontevedra é atoparse con esa procura da identidade dun creador, espallándose en diferentes direccións pero sempre cun claro alicerce dende o debuxo, no que era un auténtico mestre. Tanto no formato pequeno dos seus debuxos, caricaturas ou acuarelas, como nese tránsito aos grandes lenzos o debuxo funciona como un valor de toda a obra. Como bo artista, alguén que procura darse a coñecer o primeiro que ten que facer é construír unha imaxe, artellar un discurso visual a partir da súa propia esencia como creador e así atopamos unha chea de apuntamentos dende os primeiros momentos sobre como debía ser esa representación personal. A partir de aí atopámonos cos primeiros tempos de Castelao como pintor, pezas nas que as figuras teñen unha vital importancia, dende a necesidade de ir conformando unha serie de tipos ou identidades que posteriormente iranse recuperando en obras sucesivas, e iso xunto coa configuración dunha serie de motivos que tamén serán recuerrentes ao longo da súa obra: elementos da paisaxe, longos ceos azuis, piñeiros, profundos verdes; tamén elementos arquitectónicos cun achega etnográfica, coma igrexas, valados, cruceiros e outros humanos, coma personaxes típicas ou romarías.

Cando se cumpren 130 anos do nacemento de Castelao a 100 da súa chadada a Pontevedra, a 'súa' vila, diferentes actividades reflictían a xenialidade da súa figura. Unha exposición dno Museo de Pontevedra reflexiona sobre a súa faciana

Cada vez máis seguro de si mesmo o tamaño das obras medra, e é cando chegamos ao seus grandes lenzos, a ese monumental ‘Tríptico dos cegos’ encargado para decorar as paredes do Balneario de Mondariz no que a figura do cego, moi habitual na súa pintura, asume unha dobre función, a da solidaridade e a empatía de quen xa comezaba a perder moita visión e a metáfora dun pobo tantas veces cego ante o que sucedía nel. Xunto a eles pezas como ‘O emigrante’ ou ‘O regreso do Indiano’ xa conxugan a esas figuras simbólicas daquel tempo, con todo o seu significado, e unha mirada ao medio, a unha natureza característica do noso territorio coa que o espectador pode empatizar e sentirse emocionado. En todos eles podemos ver a un pintor que coñece moito da Historia da Arte, que procurou ver no Museo do Prado aos mestres flamencos, a nomes como Patinir, cuxas paisaxes proxectadas dende un punto de vista elevado, no que se empregan verdes e azuis e se enche o cadro de pequenos detalles, están detrás destas outras paisaxes.

Tamén o mundo urbano ten cabida na obra de Castelao, a dos personaxes da nova burguesía, as reunións de xente, os clientes dos cafés... a súa obra énchese de referencias dos movementos postimpresionistas con ecos de Toulouse-Lautrec e tamén do modernismo que influíu en obras como a espectacular ‘A tentación de Colombina’, chea de elementos simbólicos que aluden ao lugar para o que estaba previsto, o pontevedrés café Royalty. Fronte a esas grandes pezas tamén se rebela outro Castelao, o da caricatura, o de quen dende o pequeno formato amosa a súa grandeza artística. Pezas frescas e cheas de maxia, capaces de captar ao representado cuns poucos trazos.

Remata a exposición cunha porta que se deixa entreaberta, a do Castelao comprometido dende a arte. Trala creación das Irmandades da Fala en 1916 traballa entre ese mesmo ano e ata 1918 no álbum ‘Nós’, un dos cumios do seu traballo, un berro a carón dos máis desprotexidos fronte ao poder dos poderosos. O artista Castelao xa pensa no seu pobo.

Castelao artista (1905-1920)
Comentarios