"O cinema, dalgunha que outra maneira, ensíname como vivir"

A carreira do director de cine lugués Igor Fernández non pode ir mellor tras gañar nos V Premios María Luz Morales por As mans de Luís Buñuel, un achegamento á linguaxe non verbal 

igor
photo_camera Igor Fernández. MARC VÁREZ

É o gañador do accésit ao mellor videoensaio sobre audiovisual internacional nos V Premios María Luz Morales. Que se pode atopar no proxecto?

É un achegamento á linguaxe non verbal no cinema de Luís Buñuel desde unha premisa baseada na linguaxe non verbal das mans. Collín de tantas películas como puiden, que se non lembro mal foron 18 ou 19 películas das distintas etapas de Luis Buñuel, e escollín centrándome en planos detalles onde as mans son expresivas.

Por que foi importante para vostede resultar gañador?

Foi un chute de ledicia moi importante, xa que moitas veces son proxectos que non rematan de ver a luz. Ver que nesta ocasión fixen algo que non só viu a luz, se non que ademais contou con este recoñecemento, supuxo un impulso moi importante para min para poder seguir loitando por facerme un oco na profesión.

O seu soño é adicarse ao audiovisual, o accésit sitúao máis preto de poder vivir da profesión?

Resultar premiado é fundamental para poder comezar a acadar certa notoriedade, pero á vez son un pouco pesimista. Todo o ligado coa investigación en España está moi atrasado. Se está atrasado en materias como a saúde e a neurociencia, non quero pensar como está a investigación en cultura.

Cal é a orixe de As mans de Luís Buñuel?

Eu levo moito tempo adicándome ás artes escénicas, pero desde fai aproximadamente 6 ou 7 anos sentín unha fascinación moi grande pola linguaxe non verbal no cinema. En concreto, pola linguaxe das mans e por aqueles directores e directoras de cine que aínda manteñen a arte de contar a través do corpo . O que pretendo é dalgún xeito mostrar aos espectadores que aínda que abandonamos o cine mudo hai decenas de anos, aínda hai partes na narrativa actual contemporánea que radican totalmente no corpo.

Por que se centrou na figura de Luis Buñuel?

O que eu pretendía era revisitar a obra de Luis Buñuel e investigar as principais diferenzas entre a súa curta etapa no cinema mudo e a súa posterior etapa no cine sonoro. Como ambas podían presentar certas ligazóns, por exemplo, amosando a tradición a través da man que mece ou a man que cociña.

Cal foi o motivo de comezar a investigar as mans no cinema?

Todo naceu no momento no que vin a película Only God Forgives do director Nicolas Winding. Puiden comprobar que se regresaba ao cinema mudo dun modo moi consciente por parte do seu director. Así, constrúe toda unha película baseada no xesto dunha man que se abre e dunha man que se pecha. Quedei completamente marabillado polo que estaba a ver, nunca vira nada igual. Para min supuxo un antes e un despois.

Antes de dedicarse ao audiovisual, comezou escribindo crítica.

Cando rematei de estudar tratei de ubicarme na prensa. Cando estudei o máster de Investigación e Cinematografía, a materia que máis me impactou era impartida por un crítico de cine. De súpeto vin a posibilidade de achegarme ao que eu quería desde unha perspectiva máis próxima.

Que supón o cinema na súa vida?

Cando me meto nunha sala de cinema atopo calma, contemplar imaxes en movemento outórgame paz. Non vexo películas para desconectar, todo o contrario, a través delas pemítome conectar conmigo mesmo máis ca noutros aspectos da miña vida. A través de todas esas historias universais que van variando, descobres que o cine está máis próximo á vida do que pensabas nun comezo. As emocións moitas veces conseguen traspasar a pantalla. O cine, dalgunha maneira, ensíname a vivir.

Ten algún proxecto entre mans?

Estou en proceso de desenvolver dous proxectos de curtametraxe. Tamén estou escribindo unha longametraxe que se chama Aqueles que se inmolan. Hai cousas que non podo desvelar aínda.

Comentarios