Combarro canta por terceiro ano ó ritmo da mellor música de taberna

A III Mostra da Canción Mariñeira puxo a nota musical a unha Festa do Mar pasada por auga
A Carpa do Mar acolleu, por terceiro ano consecutivo, a Mostra da Canción Mariñeira
photo_camera A Carpa do Mar acolleu, por terceiro ano consecutivo, a Mostra da Canción Mariñeira

Despois de tres días gozando dun tempo solleiro e caloroso, a choiva e as nubes fixeron acto de presenza na Festa do Mar de Combarro. Aínda así, as malas condicións meteorolóxicas non foron impedimento para que, durante o día de onte, se levasen a cabo os eventos programados.

Durante a tarde, foron chegando ó peirao da Chousa as embarcacións tradicionais que, posteriormente, participaron na Regata Pamplina. Mais o prato forte chegou a partires das 21 horas. A terceira Mostra da Canción Mariñeira, que tivo lugar na taberna instalada na Carpa Mariñeira, reuniu arredor da música tradicional ós grupos máis representativos do canto taberneiro. Así, as actuacións de As Chaneiras, Os Ghalos de Curral, Vento Mareiro, Tarxa e Son de Combarro, que prolongaron os seus cantares máis alá das 23 horas, puxeron o punto e final á penúltima xornada da XV edición da Festa do Mar de Combarro.

A partires das 20 horas de hoxe terán lugar as derrareiras actuacións da mostra. Os Diplomáticos do Acordeón, Sondakí e Muiñeiros do Sarela pecharán, por terceiro ano consecutivo, a Mostra da Canción Mariñeira. A última xornada da festa comezará ás 11.30 horas coa XX Concentración de Embarcacións Tradicionais. Ás 19 horas terá lugar, na Praza da Chousa, o certame de bandas de gaitas. Logo, ás 21 horas, clausurarase a Mostra da Canción Mariñeira e, finalmente, ás 22 horas, a orquestra ‘The Boys Machine’ despedirá dende a Praza da Chousa a décimo quinta edición da Festa do Mar de Combarro.

Comentarios