Jueves. 16.08.2018 |
El tiempo
Jueves. 16.08.2018
El tiempo

PRESAS FÁCILES

"Custoume contar as preferentes sen carraxe"

A unanimidade xeral sobre o seu talento, dentro e fóra de Galicia, sitúa a Miguelanxo Prado como un dos nosos creadores máis senlleiros e universais. Cada traballo, saído de horas e horas ante o papel, convértese nunha referencia e unha xoia do noso entramado cultural, ese mesmo que aínda parece mirar por riba do ombreiro ao cómic como gran manifestación artística. ‘Presas fáciles’, o seu novo traballo, amosa un novo xeito de facer cómic na súa traxectoria. Apegado á realidade dun xeito comprometido, Miguelanxo Prado afástase da cor e arrisca cun debuxo menos xeneroso.

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

Amiens —onde se pode contemplar unha exposición sobre a súa traxectoria na biblioteca da universidade—, Miguelanxo Prado conversa dende a amabilidade e a tranquilidade do interese que sobre a súa obra hai en Francia, país, como Bélxica, no que a cultura do cómic leva moito máis tempo enguedellando a lectores e a administracións para converter á banda deseñada nun elemento cultural de primeiro orde. A partir de aí, falamos da banda deseñada en Galicia e tamén, como non, do seu último traballo, recén chegado ás librarías, Presas fáciles, un xiro na súa maneira de facer, afastado da cor e pegado a unha tráxica realidade da que ningún creador se pode arredar, como foi a venda de preferentes á xente da terceira idade dentro dun ruín negocio argallado de xeito consciente por gran parte do sistema financeiro.

‘Presas fáciles’ amósase como un traballo moi diferente ao feito antes.
Si, é distinto. Éo por dúas cuestións. Unha, porque nunca fixera xénero, e menos policíaco, e outra, porque é a miña obra máis pegada á realidade máis inmediata. Aínda que é unha ficción, como advirto no prólogo, é unha ficción o resultado final, o conxunto, pero moitos dos elementos que a constrúen están tirados da realidade e así podemos identificar situacións, noticias ou mesmo cifras que se dan. Iso si que é a primeira vez que se produce.

É de valorar ese non darlle ás costas a realidade e facelo dende o cómic como un medio que acada moito impacto fronte ao lector.
O cómic ten unha capacidade de penetración social inmensa. Iso é certo. Dentro da modestia do medio, comparativamente con outros, é así, sobre todo se se teñen en conta os custos de produción da televisión ou do cinema. A súa perdurabilidade é distinta; a ligazón cos libros é moi especial. Esquecemos das películas, pero o vínculo do libro ou do cómic a partir da imaxe é máis potente e vai facer que estea sempre na nosa libraría.

Hai algún momento concreto en todo este tempo do fraude das preferentes no que dixese: "Basta, teño que facer algo arredor disto"?
Si, moi claramente, e está contido nas dúas primeiras páxinas do libro que, aínda que anuncian o que vai a vir despois, eu non quería renegar delas, xa que funcionan como me funcionou a min cando estaba almorzando coa miña muller e na radio escoitamos que un matrimonio de anciáns viña de suicidarse porque non podían facer fronte á execución dun embargo, xa que garantiran na hipoteca dun fillo. Este quedara en paro, o banco executou a hipoteca que quedaba sen cubrir e foi sobre esa garantía que era o piso dos pais, que ademais non tiñan cartos porque perderan o seu diñeiro nas preferentes. Cando o escoitei: "Branco e en botella. Esa é a historia que teño que contar".

Que lle custou desenvolver máis, o guión ou ese debuxo tan diferente ao doutras ocasións?

O que máis me custou foi controlar a carraxe. Según avanzaba na estructura do guión e coñecía máis datos sobre esa problemática o cabreo era meirande, pero creo que conseguir facer unha narración equilibrada na que falo da imposibilidade de xustificar, dende o punto de vista social ou colectivo, que as institucións non defendan as vítimas. Falamos de algo argallado e perfectamente planificado dende o primeiro momento por todo un entramado profesional; non foi unha única sucursal, foron moitos bancos. Cando iso é así o impensable é que o sistema en xeral (Europa, Banco de España, Ministerio de Facenda...) non defenda os seus cidadáns. É impensable. A narración non se deixa levar por esa rabia; custoume moito esa renuncia, incluso dende o ideolóxico. E tamén, falando do debuxo ao non empregar a cor. Vin claro que esta historia non a podía contar en cores, non porque fose un policíaco e lle dese un aspecto máis clásico, senón porque para min a cor non é simplemente decorativa, é unha parte moi importante do meu traballo e do meu código coa que me comunico co lector. Ten unha carga estética importante que leva o lector a situacións anímicas concretas. Neste caso, esa ausencia de cor é un xeito de comunicar, de evitar que o lector se poida quedar prendido dunha viñeta gozando dela. Eu non quería que se quedase nunha viñeta dicindo: "Que bonita!". E iso tamén o levei ao propio debuxo; eu creo que dos meus libros é o que ten un debuxo máis espartano, menos xeneroso estéticamente. Evitei a espectacularidade.

Outra novidade é que a natureza, moi presente nos seus traballos, se substitúe polo urbano?
Si. Nese senso hai un cambio brutal. Foi ata certo punto un proceso persoal que foi moi interesante para min; volver a contornos urbanos como os que fixen no principio da miña carreira. Resultoume moi agradable o de debuxar rúas e espazos urbanos, xa que me deu a oportunidade de saldar unha extrana conta persoal que tiña pendente, xa que en 16 ou 17 libros de cómic, nunca empregara a miña cidade como espazo narrativo no que contar unha historia longa. E, aínda que moitos dos espazos son inventados, si é certo que hai suficientes escenas de rúas da Coruña que pode identificar a xente que a coñeza.

Como administra as victorias un autor de éxito coma vostede?
Hai unha cousa moi sabia que lle escoitei a algún amigo escritor e é que, cando me convertín en profesional e coñecín grandes mestres percateime, de que, cando entrabamos máis nos afectos, amosábanme o seu medo ante o vindeiro libro por se lles gustará ou non aos lectores. Iso é unha vacina magnífica. Por moitos premios ou louvanzas, se o seguinte decepciona... iso colócate no teu sitio.

Como xorde a exposición en Amiens?
Pois como parte do cotián. Cerca de cen orixinais forman parte de exposicións en diferentes certames. Moitas veces as invitacións incluso son excesivas e teño que rexeitar algunhas, como o convite para ir a Curitiba antes de fin de ano ou a Bolivia. Os autores de cómic publicados a nivel internacional somos as pezas típicas para calquera programa dun salón do cómic. Unha cuestión que por outra banda é inquedante, xa que ter tantos orixinais viaxando e montándose e desmontándose non é moi agradable, pero forma parte dese lado público que vai máis alá do teu traballo de creación.

Esa mostra poderase ver en Galicia?
Non. Son mostras que se organizan e preparan especificamente para un sitio determinado, en función dun número de pezas ou dunhas temáticas ou, como neste caso, unha retrospectiva, que procura dar unha visión completa da miña obra antes de publicar en Francia, en xaneiro, Presas fáciles.

Argallar iso en Francia e non en Galicia pode amosar o moito que nos queda por facer aínda arredor do cómic?
Nós no salón Viñetas desde o Atlántico montamos entre dez ou quince exposicións de autores diferentes, cun mínimo de 40 pezas por autor e cunha duración dun mes. Agora ben, facer este tipo de exposicións itinerantes e movelas por Galicia para que poidan chegar a máis publico é algo moi complicado. A cantidade de materiais, o custo dos seguros e os transportes, xúntase con que non é algo fácil ter que desprendernos de tantos orixinais. Nese sentido, máis que itinerancia, ás veces perdemos un pouco as referencias. Se nos vamos á fundación Mapfre ou ao Thyssen a ver unha exposición que dura tres meses, alí vamos. Aquí hai un, ou case dous anos, houbo unha exposición miña no Museo das Peregrinacións, en Compostela, tamén importante, con moitos materiais. Se tes interese pois podes achegarte dende Lugo ou Pontevedra, facelas itinerar é algo moi complexo e caro. As exposicións si que son importantes, aínda que moitas veces dise que estes traballos están feitos para formar parte dunha publicación, como un xeito de espertar o interese do público, ao descubrir un autor ou un libro que se descoñecía.

Que bota vostede en falla en Galicia para limar esa distancia con estes países?
Por un lado é necesaria unha determinada vontade colectiva. Pode haber iniciativas individuais, pero despois teñen que contar cun soporte compartido. O caso de ‘Viñetas desde o Atlántico’ é un bo exemplo, xa que bota a andar porque nun momento determinado hai un alcalde interesado no medio, como Paco Vázquez, e un autor con presencia internacional e coruñés coma min. Esa simbiose permite pensar neste tipo de eventos, pero logo a cidade tamén é importante que o acolla, comprenda, e estea a favor de que unha parte do presuposto municipal se destine a el. E por outra parte, e lonxe de terxiversacións, son necesarios os cartos, como para todo nesta vida. Esa idea de que a cultura é a unica cousa que hai que ter de maneira graciosa ou como chovida do ceo arrepíame. E aí chocamos coa realidade. Facer unha exposición custa diñeiro, igual que se dotan outros sectores, e convencer a unha institución para investir nunha exposición non é sinxelo. Habería que ter máis fondos dende o público, xa que non se pode limitar ao ámbito privado exclusivamente.

"Custoume contar as preferentes sen carraxe"