O Día das Artes Galegas homenaxeará ao arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota

Núñez Feijóo presidirá o acto institucional, o 14 de abril no Teatro Principal de Pontevedra

Alejandro de la Sota. DP
photo_camera Alejandro de la Sota. DP

A Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) homenaxea no Día das Artes Galegas 2018 ao arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota. Aínda que a efeméride ten como data oficial de celebración o día 1 de abril, ao coincidir este ano domingo e cos festexos de Semana Santa, a organización acordou trasladar o acto institucional ao sábado 14 de abril.

A conmemoración celebrarase cun acto no Teatro Principal de Pontevedra, ás 19.00 horas, que contará coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño; ademais doutras autoridades e representantes do ámbito cultural galego.

Ademais, a Real Academia Galega de Belas Artes organizará outras actividades complementarias para homenaxear ao arquitecto, como unha exposición que se inaugurará proximamente nas rúas de Pontevedra ou un ciclo de conferencias sobre a súa obra arquitectónica.

"Sen dúbida pode e debe ser considerado unha das personalidades galegas máis influentes do século XX e, probablemente, o máis notable de entre os arquitectos españois da segunda metade dese século. A súa obra esténdese por toda España e, loxicamente en Galicia, onde os seus edificios son dos máis estudados e publicados da nosa Arquitectura Moderna", manifestou a Real Academia Galega de Belas Artes a través dun comunicado.

Alejandro de la Sota Martínez (Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996) foi un dos arquitectos españois mais prestixiosos e recoñecidos do seu tempo. A súa arquitectura, desde os seus inicios na profesión, enlaza co pensamento máis avanzado do Movemento Moderno europeo. 

Desde as súas propias realizacións, nas súas diferentes ocupacións como arquitecto, no Instituto de Colonización, funcionario na Dirección Xeral de Correos, e como docente na Escola de Arquitectura de Madrid, "a influencia da súa obra e do seu pensamento foi inmensa, —sinala a Academia— tanto na súa contorna xeracional como nas décadas posteriores, chegando ao momento actual, en que unha gran parte dos arquitectos españois considéranse os seus discípulos".

A súa obra foi recoñecida e valorada nacional e internacionalmente, exposta e publicada en EE UU, Alemaña, Francia, Reino Unido, Alemaña, Suíza e Italia.

Comentarios