Lunes. 19.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 19.11.2018
El tiempo

Diversidade, non enfermidade

Unha marcha contra a transfobia social celebrada en Murcia. EFE
Unha marcha contra a transfobia social celebrada en Murcia. EFE

As persoas transexuais deixarán de ser enfermas mentais. En 2022 a OMS considerará está condición unha desorde sexual. Unha decisión rexeitada polo colectivo trans, que pide que se  despatoloxice.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) publicou a semana pasada a actualización da Clasificación Internacional de Enfermidades (CIE), que, como novidade, exclúe a transexualidade da lista de trastornos mentais. A OMS intégraa agora nun novo epígrafe denominado ‘condicións relativas á saúde sexual’ e catalógaa como ‘incongruencia de xénero’. Esta nova listaxe (CIE-11) non entrará en vigor ata 2022 para substituír a actual (CIE-10), vixente desde 1990, ano no que a homosexualidade foi eliminada da mesma.

Malia que a noticia foi anunciada como un grande avance e en España incluso foi aplaudida pola Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans y Bisexuales (FELGTB), a maior parte do colectivo trans non se amosa satisfeito, xa que a medida non responde á reivindicación pola que levan décadas loitando: a despatoloxización total da súa condición.


«O que fixo a OMS é unha campaña de relacións públicas, de vender fume» (Diana)

Mentres que a OMS argumenta que mantén a transexualidade  na CIE- 11 para que as persoas deste colectivo «poidan obter a axuda sanitaria cando a precisen», xa que en moitos países, entre eles España (non en todas as comunidades), sen un diagnóstico non teñen acceso ao tratamento, o colectivo trans demanda a saída da transexualidade de calquera catálogo que fomente a discriminación, a derogación de todas as leis contrarias á diversidade sexual e o dereito á autodeterminación de xénero.

«O que fixo a OMS é perigoso, desinformativo, hipócrita e nefasto. O que fan é coller unha patoloxía, renomeala e pasala a outra categoría patolóxica. Pero segue sendo considerada unha enfermidade. Isto é unha campaña de relacións públicas, de vender fume». Así de rotunda se amosa Diana, unha muller trans de 43 anos afincada na comarca de Pontevedra que, ademais, é intersexual (persoa que nacen cunha mestura de signos biolóxicos masculinos e femininos), «Tamén é mentira que a despatoloxización non é posible se se queren garantir certos servizos médicos. Hai países como Malta, Arxentina, Dinamarca, Irlanda e algún máis nos que xa se despatoloxizou ás persoas trans e intersex cunha garantía de servizos asistenciais xustos e básicos. Pero hai lobbies aos que non lles interesa», engade Diana.

«Chamar desorde a algo que é parte da diversidade humana é dicir que outra cousa é máis válida» (Amizando)

Non menos crítica se mostra Daniela Ferrández, unha moza transexual de 29 anos que preside a asociación LGTBI Amizando, centrada no ámbito trans. «O da OMS foi un lavado de cara. O que fixeron foi quitar a transexualidade do catálogo de enfermidades mentais, pero crearon un catálogo novo de desordes sexuais para incluíla. Nós o que pedimos é que saia deste tipo de manuais porque entendemos que o camiño lóxico é a despatoloxización total, tal é como din as leis estatais que están sendo aprobadas ultimamente en Madrid, Valencia, Canarias... e como o establece a proposición de lei integral de transexualidade e intersexualidade que rexistrou Unidos Podemos no Congreso dos Diputados en febreiro. Ademais, a nova catalogación da OMS entrará en vigor a partir de 2022, o que  implica que para que haxa unha nova terán que pasar 15 ou 20 anos máis. Por iso non o celebramos, vémolo como unha oportunidade perdida», lamenta Daniela ao tempo que recalca que esta é unha opinión que comparten outras asociacións que, como Amizando, forman parte da Plataforma por los derechos Trans.

 «O camiño que estamos a coller as asociacións trans é ignorar a OMS porque cando ti chamas ‘desorde’ a unha cousa que é parte da diversidade humana estás dicindo que hai outra que é máis válida. A transexualidade non é unha enfermidade. Esa  é a mensaxe das últimas leis e a mensaxe pola que loitamos nós», subliña.

Diana. «Unha persoa trans é simplemente unha persoa que vive nun sexo ou se identifica cun sexo que non é o que lle asignaron ao nacer e vai facer ou xa fixo un proceso de transición», aclara Diana para non deixar lugar ás dúbidas. «Pola súa banda, as persoas intersex, que nun 40% dos casos aproximadamente tamén fan esa transición, somos identificadas moitas veces na infancia ou na adolescencia porque non cumprimos os estándares dun sexo feminino ou masculino entendido de maneira normativa, reducionista, patoloxizadora e binaria. Hai moitísimas condicións intersex: pode ser unha cuestión hormonal, xenital ou cromosomática -explica respecto á intersexualidade-. No meu caso foi unha cuestión xenital e hormonal. Os meus xenitais non tiñan unhas características que consideraran normativas. Asignáronme o sexo masculino porque era co que os médicos vían máis similutude e máis capacidade de normativizarme. Durante catro anos puxéronme inxeccións de testosterona sen o meu coñecemento nin consentimento».

«Con 9 anos xa vira o estereotipo dun home cun vestido facendo rir á xente» (Diana) 


Aínda que Diana non soubo que era unha persoa intersex ata os 21 anos, xa sabía que era unha muller desde ben pequena. «Eu sabía que non quería vivir toda a miña vida como home, como me asignaran. Pero eran os anos 70, principios dos 80, e optei obviamente polo silencio e a autorrepresión, pero tamén protestaba. Tiven a típica conversa de preguntar ‘por que dicides que son un neno?’. Mais non era unha nena feminina. Iso de xogar con bonecas é algo que tamén está estereotipado e no meu caso non se cumpriu. Tampouco me vestín nunca con roupa cualificada de muller. Fun a clases de kung fu e, de feito, logo tiven que usalas porque sufrín bastante violencia no colexio», lembra Diana.

No instituto tivo unha vida «moito máis normal». «As miñas mozas -Diana é lesbiana-, os amigos e as amigas non me percibían como o típico rapaz, porque nunca me viron machista, pero non percibían máis», conta. Logo cursou o seus estudos universitarios fóra da súa cidade natal e, ao rematar, marchou ao estranxeiro. Tras superar as dúbidas e o desánimo que lle provocou coñecer o seu historial intersex («durante uns anos pensei que era un home con problemas médicos, hormonais ou psicolóxicos»), aos 23 anos comezou a pensar na transición. «Cando empecei a indagar, decateime de que o proceso estaba moi medicalizado, moi estandarizado, moi psiquiatrizado. Logo, nove anos despois, tiven que pasar por iso».

Así, con 33 anos, vencido o medo, Diana comezou a presentarse como muller («ao principio en todas partes menos no traballo») e despois iniciou a terapia de sustitución hormonal, imprescindible para cambiar o rexistro e ter un DNI coa identidade real. Neste aspecto, Diana móstrase moi crítica coa Ley de Identidad de Género de 2007. «O único que mellorou  foi que non esixe a operación xenital -ata entón obrigatoria-, Pero esixe o diagnóstico de disforia de xénero e dous anos testemuñados por un endocrino de terapia de substitución hormonal, un requisito especialmente doloso», denuncia. 
«É unha lei patoloxizadora. É violencia estrutural e institucional -insiste Diana-. Porque ti tes que solicitar que che diagnostiquen como unha enferma mental, proximamente, grazas á OMS, como unha persoa cunha disfunción sexual. Tes que pedir ti ese dignóstico, que non é clínico porque non hai unha análitica para saber se son unha muller ou un home trans. Daquela é unha anamnese. Vanche preguntar a túa vida, van xulgar as túas vivencias, a túa linguaxe, como te presentas, como te moves, como falas... Para diagnosticar estante xulgando desde unha norma social».

Aínda que se lle aplicou a lexislación española, Diana realizou o cambio rexistral no estranxeiro. «Vivía como muller o 100% do tempo e xa era percibida como muller que son, pero tiven que ir á psiquiatra, á psicóloga e á psicoterapeuta para poder acceder á endocrinoloxía médica. Tiven auténticos interrogatorios. A min as peores cousas que me dixeron saíron da boca do persoal médico. Chegaron a dicirme ‘por que fas isto se te deitas con mulleres?’», recorda. «En total pasei tres anos e medio sen papeis conforme á miña aparencia, o meu nome, o meu corpo e a miña vida. Nese tempo quedeime tres meses sen ingresos, se houbese sido máis, que fago? Aí é cando moitas de nós se tiran á prostitución e algunhas acaban na trata», advirte.

«E que fas cando non podes tomar estróxenos porque tes un problema de densidade ósea ou risco de tromboembolia? -pregúntase Diana-. Vas ter que renunciar a vivir como muller que es? Por outra banda, cada unha ten os seus tempos. Ao mellor ti necesitas reafirmarte e loitar pola túa vida e o teu corpo sen tomar aínda eses estróxenos». Ademais, salienta que «as persoas trans temos configuracións xenitais moi diversas». «A discriminación non depende dos nosos xenitais. Eu sempre fago a broma de que teño unha cousa ou outra dependendo de onde estou -afirma-. A xente que sabe que son unha muller trans pensa que teño un pene, a xente que non o sabe pensa que teño unha cona. Mais cando na rúa os tíos se poñen parvos e me acosan, eses non me piden a partida de nacemento».

Hoxe, dez anos despois da súa transición, Diana é unha firme defensora do colectivo trans. «Eu non teño ningún problema en dicir que son unha muller trans no activismo, aínda que con oito e nove anos xa tiña escoitado e visto ese falso estereotipo dun home cun vestido facendo rir á xente. A sociedade xa me tiña dito que isto é case o peor que se pode ser. Xa tiña escoitado chistes e comentarios moi deshumanizadores, xa tiña visto reportaxes, xa coñecía o estereotipo da pornografía, da muller que fai traballo sexual... Eu coñezo compañeiras que tiveron que facer traballo sexual e apóioas. Moitas veces a traballadora sexual vese empuxada a iso coa lexislación, a exclusión social, o desemprego, a precariedade, as violencias, a marxinación...». 

Por todo iso, a loita de Diana vai moito máis alá: a súa causa é o feminismo. «Cando empezamos a ser percibidas só como mulleres que somos, sen que saiban a nosa historia, impáctannos as violencias machistas igual que ao resto. Entón nós precisamos feminismo tamén. Eu son feminista», conclúe.

Daniela. Pola súa banda, Daniela Ferrández fixo a transición hai catro anos, cando tiña 25. «A nós no colexio non nos ensinaron sobre diversidade -explica-. Unha vez que ao profesor lle preguntaron sobre Bibi Andersen (hoxe Bibiana Fernández), el respondeu ‘é un home e sempre o será’. Eu crecín con esa información. Ata que non tiven a oportunidade de contrastala e de saír desa imaxen estereotipada de muller trans con falda e tacóns que me daban os medios e que a min non me representaba non puiden verbalizar o que eu sentía. Eu tiña a miña carreira (Historia), o meu máster, a miña parella... e o que me dicía a sociedade era ‘ti fas unha transición e vaste quedar na miseria’. Eu non quería iso e negábamo».

Mais cando se decidiu a dar o paso todo foi «rápido e doado», tanto no que respecta á aceptación familiar («non me atopei con ningún caso de rexeitamento») como no tocante ás esixencias legais, aínda que, ao igual que Diana, lamenta «os trámites vexatorios polos que hai que pasar». Por iso, explica, «agora a meirande parte das persoas trans están a falsificar os informes, algo que demostra o obsoleto que está o sistema. Ademais, isto é algo bastante lóxico na medida que, dependendo da comunidade autónoma na que nazas, vas precisar eses informes ou non».

Así mesmo, Daniela, como Diana, critica o trato recibido por moitos médicos. «Curiosamente, cos especialistas que se supón que están formados no tema foi cos que máis problemas tiven. O que quere dicir que o modelo sanitario con respecto a este tema está moi atrasado. Non é normal que vaia facer unha radiografía e a persoa cando llo digo me trate super ben e cando vou ao especialista me trate como unha merda», sinala.

«Antes non fun infeliz , pero non tiña unha felicidade plena» (Daniela)


Hai ano e medio, Daniela deu por rematada a transición, que no seu caso durou 18 meses. «Depende da persoa. Eu, desde que vivo como unha muller sen ningún tipo de altibaixos por este tema, considero que rematei a transición. Hai persoas que a alongan máis, outras fana rapidamente. Eu quixen rematar canto antes, pero aínda hai cousas que quero facer. Teño programada unha ciruxía en agosto. Pero iso non quita que eu na miña vida diaria sexa considerada unha muller», precisa.

E como muller que é séntese plenamente feliz. «Menos mal que superei ese medo de contalo porque agora sei realmente o que é ser feliz. Antes non fun infeliz -aclara-, pero non tiña unha felicidade plena, o que pasa que non era consciente. Sempre poño o símil de que a min a miña nai púxomo gafas con sete anos e cando as probei alucinei porque eu pensaba que o mundo era borroso. E eu era feliz vendo o mundo borroso, pero realmente non estaba vendo o mundo como era», conta Daniela.

Con todo, segue a ser considerada unha enferma. «Agora mesmo son investigadora predoutoral na universidade e teño unha vida como calquera outra persoa, pero por ser trans son unha enferma e a OMS vén de reiteralo, cando -engade- está demostrado pola propia historia que persoas trans e homesexuais existiron desde sempre, o que pasa é que sempre as patoloxizamos. Nos anos 90 conseguimos que se admitira a diferenza de orientación sexual como parte da diversidade humana despatoloxizándoa, vai sendo hora que se faga o propio coa transexualidade». 

Lei integral de transexualidade
O pasado 23 de febreiro, Unidos Podemos rexistrou no Congreso a primeira proposición de lei integral de transexualidade e intersexualidade de carácter estatal. O texto reivindica a transexualidade como unha expresión máis da diversidade, non como unha disforia de xénero, e está inspirado na lei andaluza aprobada en 2014 e impulsado por organizacións de transexuais e as asociacións de pais e nais de menores.

Un dos obxectivos é acabar coa desigualdade territorial que existe en España, onde só Cataluña, Madrid, Navarra, País Vasco, Andalucía, Canarias e a Comunidad Valenciana aprobaron leis para mellorar a atención deste colectivo.

En Galicia o PP rexeitou o ano pasado a proposta impulsada por organizacións de persoas transexuais e defendida por En Marea, PSdeG e BNG.
 

 

A despatoloxización real e a inclusión social, os obxectivos 
Diana, Daniela Ferrández e Cristal Caride ondean a bandeira da diversidade e demandan unha serie de cambios legais e sociais.

- Lexislación. Daniela Ferrández, como presidenta de Amizando, defende a lei integral de transexualidade e intersexualidade de carácter estatal rexistrada por Unidos Podemos. «É unha lei que leva a despatoloxización a todos os ámbitos da vida: ao colexio, á sanidade , aos medios de comunicación...», sinala.

Tal e como contempla o proxecto de lei presentado en febreiro, Diana destaca a necesidade «dunha lei que cambie a de 2007, unha lei despatoloxizadora que elimine o requerimento de diagnóstico psicolóxico ou psiquiátrico e que che permita cambiar os papeis antes de ningún tratamento médico», aspecto no que coincide tamén Cristal.

«Se as hormonas lle sentan a cada persoa de maneira completamente diferente e se as persoas cisxénero (aquelas cuxa identidade de xénero coincide co sexo que lles foi asignado ao nacer) tamén son completamente diversas, non poden regular a nosa aparencia para que a diversidade sexa menos visible. Hai mulleres trans que son top models e outras que non poden ou non queren adaptarse aos ideais normativos de feminidade», subliña Diana.

Así mesmo, aplaude tamén que  a proposta de lei trans inclúa  «unha serie de medidas de inclusión social, que teñen moito que ver con medidas de apoio á inserción laboral, e a inclusión das administracións públicas ou do estado, sobre todo de corpos policiais, persoal sanitario, administración e xudicatura, nos programas de estudo e sensibilización».

-Violencias machistas. Tamén é urxente «loitar contra as violencias xerais e máis específicas que sufrimos as mulleres trans e intersex porque aí xúntanse transfobia e misoxinia -precisa Diana-.Por fortuna en España non teñen asasinado ultimamente a ningunha muller trans, pero o ano pasado en Brasil foron 144 persoas trans, a maioría mulleres, e de 2013 a 2017 en EE UU mataron a 88 mulleres trans. E somos só unha de cada 500 cisxénero», subliña.

-Estereotipos. «A sociedade en xeral venos a través dos estereotipos de películas e series de Hollywood, nas que  ves un tío que se está maquillando e  poñendo un vestido -denuncia Diana-. Falo de series como ‘Transparent’, que van de sensibles e abertas e son nefastas. A primeira vez que me vin ben reflectida foi en ‘XXY’ e o ano pasado en ‘Unha muller fantástica’.

Diversidade, non enfermidade
Comentarios