El Consello da Cultura presenta un seminario sobre el gallego

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, presentou este mércores en Compostela o seminario sobre 'Lingua, Sociedade e Política en Galicia' -que terá lugar ao longo de catro sesións entre o 2009 e o 2010-, xunto ao secretario do Consello, Henrique Monteagudo, e a coordinadora das xornadas, Alba Nogueira. Monteagudo sinalou que estas xornadas nacen co obxectivo de "implicar a diferentes expertos de distintas áreas de traballo para facer unha reflexión sobre a situación e o futuro da lingua".

Monteagudo explicou que esta é unha iniciativa na que "xa levaban tempo pensando", onde colaboran o grupo de lingua, literatura e comunicación coa sección de pensamento do Consello. Villares fixo referencia a que estas xornadas "tratan de explotar unha liña de traballo que o Consello vén facendo durante un tempo como é a atención á temática de carácter sociolingüística". Pola súa parte, o profesor Monteagudo recordou a confusión existente sobre a situación do galego "onde uns falan dunha situación absolutamente crítica e outros de que non se viviu unha evolución tan negativa".

Situación política do galego
Sobre as recentes críticas do presidente da Real Academia Galega á política lingüística levada a cabo desde a Xunta de Galicia, Ramón Villares explicou que "eu son membro da Real Academia Galega, polo tanto todo o que di o presidente da Academia representa o sentimento xeral dos académicos". No tocante á tensión que se vive sobre a situación do galego, o presidente do Consello sinalou que é bo "que se debata", aínda que engadiu que "esta controversia política non é positiva". Ademais, fixo un chamamento para "retirar na medida do posible do debate cortoplacista da política un valor comunicacional tan importante como a lingua".

Ante a pregunta de se é necesario outro seminario máis de diagnose da lingua cando o que moitos demandan son medidas concretas, Henrique Monteagudo, explicou que "hai moita falta de reflexión sobre a situación do galego", xa que sinalou como un dos grandes problemas do idioma "a improvisación de políticas, solucións e decisións que moitas veces se quedan nun eslogan". Ademais, falou do importante de "poñerse dacordo" para saber cal é a "realidade" do galego entre a liña catastrófica e a que presenta un visión máis positiva, e coñercer así "o índice de efectividade do que se fixo para pensar en políticas de futuro".

Catro encontros ata xuño de 2010
O seminario estará divido en catro partes e a primeira delas terá lugar en decembro de 2009, onde haberá unha diagnose sobre a situación do galego nos últimos tempos e reflexionarase sobre a raíz do debate que se está producindo no plano político. A segunda sesión que se celebrará en marzo de 2010 xirará en torno aos modelos posibles de oficialidade e a regulación lingüística no ámbito educativo. A terceira sesión, tamén en marzo, terá como eixo os medios de comunicaicion e o ámbito socioeconómico. Finalmente, en xuño do ano que vén, recolleranse as principais conclusións e debaterase sobre os modelos para o futuro.

Na primeira rolda das xornadas tomarán a palabra o doutor en Filoloxía Catalá, Albert Branchadell, o catedrático de Socioloxía, Fermín Bouza; o profesor titular da USC, Antón Losada; e o catedrático de Lingüística Xeral da Universidade da Coruña, Mauro Fernández.

A profesora titular Alba Nogueira presentou as xornadas que ela mesma coordina sobre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, onde "vaise reunir un feixe dos principais especialistas europeos". Este convenio internacional foi aprobado por España no ano 2001, onde se acolleu aos niveis de protección das linguas máis elevado existente -neste caso catalán, éuscaro e galego- que implica promover "liñas de ensino nas linguas propias".

Isto implica unha serie de compromisos para os estados, polo que o Consello de Europa ten unha serie de mecanismos para o seu cumplimento. Nogueira sinalou que "xa temos informes de un par de expertos independetes" que viaxan aos países e realizan entrevistas con organismos e representantes da sociedade civil sobre o estado de cumplimento do regulamento.

Comentarios