Els Joglars, María Adánez e El Brujo protagonizan a nova tempada de teatro de Afundación

Os abonos teatrais para as obras da primeira parte de 2017 estarán á venda entre o 21 de decembro e o 12 de xaneiro
Cartel de ‘Lulú’
photo_camera Cartel de ‘Lulú’

Catro obras compoñen a temporada teatral de Afundación para a primeira parte de 2017 en Pontevedra. Trátase de ‘Zenit: la realidad a su medida’, ‘Lulú’, ‘Misterios del Quijote’ e ‘El contador del amor’. Os abonos para a temporada, que supoñen un aforro dun 20% no prezo das entradas, estarán á venda entre o 21 de decembro e a 12 de xaneiro en www.ataquilla.com.

‘Zenit: la realidad a su medida’, de Ramon Fontserè e Martina Cabanas, traerá a Els Joglars a Pontevedra o 16 de febreiro. A obra propón unha reflexión sobre a mala praxe xornalística a través da historia dun gran xornal, ‘Zenit’. "Observamos con detalle as súas oficinas, o día a día dos xornalistas, as amizades e obrigas dos seus propietarios, o enfrontamento entre o xornalismo ético e a voracidade do medio…", explica Afundación sobre o argumento da peza.

‘Lulú’, de Paco Becerra, poderase ver o 12 de marzo. "Trátase dunha obra na que a protagonista se refuxia na casa que un home viúvo comparte cos seus dous fillos; xerando unha atmosfera de magnetismo que vén acompañada de sucesos misteriosos". María Adánez protagoniza esta historia xunto a Samuel Viyuela, ou David Castillo.

Rafael Álvarez dirixe e interpreta en solitario ‘Misterios del Quijote’, unha homenaxe a Miguel de Cervantes. A montaxe chegará á cidade o 29 de abril. 

A temporada pecharase coa obra ‘El contador del amor’, unha adaptación de Julián Quintanilla baixo a dirección de César Lucendo, que se poderá ver o 14 de maio. Protagonizada por David Mora, Norma Ruiz e Antonio Zabálburu, a montaxe trata os perigos de ter á parella como máxima confidente. "Diana e Agustín: tras anos de feliz matrimonio, deciden confesárense as súas aventuras extramatrimoniais. Isto arrástraos a unha profunda crise, chea de sospeitas lexítimas, acusacións e celos, pois ningunha mentira está exenta de consecuencias e ningunha verdade exenta de perigos".

Comentarios