Éric Dopazo: "A linguaxe crea realidade e viceversa"

A inclusión de realidades non novas, senón descoñecidas para o grande público, así como a utilización da lingua galega nos novos formatos serán as dúas grandes temáticas da última charla de En3vistas deste ano. E Nee Barros, Éric Dopazo e María Rúa, as persoas elixidas para poñer voz –e luz– sobre elas.
Éric Dopazo. CEDIDA
photo_camera Éric Dopazo. CEDIDA

Cantante e activista trans, Éric Dopazo vén de estrear a canción e o videoclip Eduardita, nunha ollada á figura de Eduardo Blanco Amor como escusa –no mellor dos sentidos– para falar de temas tan trascendentais como a importancia de sentirse ben cun mesmo. Éric, un pirata sen parche, que este venres á tarde atracará no antigo Convento de Santa Clara.

Ademais de ao inglés e ao galego, queren subtitular Eduardita ao euskera e ao asturiano.
Tamén queremos subtitulalo ao andaluz ou a unha lingua estremeña que se está intentando recuperar. O feito de que estean en linguas minorizadas a excepción do inglés, que é hexemónica, é visibilizar a diversidade lingüística. Hai moitas linguas na península e é lamentable que para ser considerado consumible un produto teña que estar en castelán.

Ademais de membro de Piratas sen parche, tamén colabora coa Asociación Arelas.
Arelas é a utopía feita realidade. Ás veces perdémonos moito en debater dentro do propio colectivo, nese sentido pasa tamén na esquerda, e acabamos obviando o evidente: que, se non fora por Arelas, estaríamos vinte pasos por detrás. A existencia desa asociación é algo que creo que debemos agradecer. No meu caso, fágoo con música. O mesmo coa existencia de xente como Laura Bugallo, que leva no activismo desde antes de que eu nacera.

A importancia das etiquetas. Reivindicar as identidades invisibilizadas.
A xente que di iso de "para que queremos etiquetas" adoita ser recompensada por un sistema cishetero-patriarcal, pero se eu son unha persoa trans e non teño nin idea de que me está pasando ao longo de toda a vida, pois necesito palabras novas, necesito etiquetarme. Isto explícao Martina González Veiga: sempre se fala da diversidade como se fora algo alleo. E non poden dicir "para que queremos etiquetas" cando logo as etiquetas si que se usan para matarte ao berro de "maricón". É como que lles pica mencionarnos. É como "como vos atrevedes a existir? Como vos atrevedes a reclamar as palabras?". Pois si, temos termos para referirnos a nós. Non vamos parar de usar as palabras, non vamos a parar de mencionarnos e de existir por moito que intenten obviar a nosa existencia. Xa pasamos demasiado tempo aparecendo de xeito velado nas cancións ou no cine.

Xa pasamos demasiado tempo aparecendo de forma velada

Que opinas do rexeitamento aos neoloxismos?
É unha ferramenta do patriarcado para intentar calarnos. Para dicirnos que non molestemos moito, que non incordiemos. Xa me dirás que difícil pode ser dicir "todes" cando hai xente, que non estudou inglés na súa vida, usando termos propios do inglés: "cupcake", "muffin". Ou palabras que acaban entrando no dicionario como "almóndiga". Non teñen razón. A linguaxe crea realidade, pero esa realidade tamén lle afecta á linguaxe. E se nós temos a necesidade de mencionarnos, síntoo: ímonos mencionar.

Comentarios