Escasa placidez

Hai centos de historias dos 40 anos de franquismo, pero sempre se pode ensinar unha cara nova das traxedias vividas. Iso é o que fai Antonio Cazorla en 'Miedo y progreso' (Alianza Editorial)
Final de la Copa del Generalísimo de fútbol celebrada en 1957 en el estadio de Montjuich
photo_camera Final de la Copa del Generalísimo de fútbol celebrada en 1957 en el estadio de Montjuich

Entre as declaracións estrambóticas dos políticos españois nos últimos anos a miña preferida é aquela de Jaime Mayor Oreja, quen non tivo reparo en definir o franquismo como unha "época de extraordinaria placidez". Nun país máis ou menos normal estaría procesado por dicir tal cousa e, dende logo, a súa carreira política tería menos futuro cá miña como crítico, que xa é dicir.

Por sorte a historia vén sempre a corrixir estas barbaridades. Hai centos de historias dos corenta anos de franquismo, pero sempre se pode escribir unha máis e ensinar unha cara nova das traxedias vividas. Iso é o que fai Antonio Cazorla, profesor español nunha universidade do Canadá, en Miedo y progreso. Los españoles de a pie bajo el franquismo (Alianza Editorial).

O relato de Antonio Cazorla ten uns alicerces moi sólidos: os que proporciona a experiencia persoal. Nas primeiras páxinas atopamos a historia da súa familia, unha prole numerosa e pobre que residía en Almería e sobreviviu a eses anos de "tranquilidad" a base de traballos de ínfima calidade, privacións e esforzos ata que alomenos un dos seus membros conseguiu incorporarse a unha vida con máis futuro e posibilidades e menos esforzos.

Tamén ao principio atopamos o mandamento básico que rexe este tipo de obras: o de establecer diferencias entre a historia canónica e a que fan as persoas de a pé. Xa saberán que eu son afeccionado a esta segunda. Podemos contar o franquismo dende o palacio de El Pardo, o palco do Bernabéu, os gabinetes ministeriais, as reunións da Falanxe ou as do contubernio de Munich —recentemente analizado con mestría por Jordi Amat, por certo—. É a perspectiva máis usual e non deixa de ser válida. Pero as decisións tomadas en todos eses e outros lugares caían a peso sobre o pobo, ese ente informe ao que os libros de historia non sempre fan o debido caso.

Todo o libro xira arredor dunha tese que desmonta comentarios que se escoitan con sorprendente frecuencia: con Franco non viviamos mellor, senón peor. De feito, guerra á marxe, España quedou nun estado de insoportábel pobreza xeral durante anos a causa do proxecto autárquico levado a cabo ata o cambio de rumbo que o réxime deu en 1959, nada menos que vinte despois do remate da guerra incivil.

Para probar a súa opinión Antonio Cazorla recorre sobre todo a fontes documentais da época, tanto libros escritos con certo afán folclórico —non se trataba de analizar aos pobres senón de ver o extravagantes que eran— como documentación interna e confidencial da Falanxe e os distintos gobernos civís. E así debuxa un panorama de enormes problemas que agora, sentados como estou diante dun ordenador e rodeado de centos de libros, semellan propios de hai tres séculos e non tres décadas ou pouco máis. A fame, os terríbeis traballos do campo, os problemas de afastamento, a pobreza endémica en Galicia, Estremadura e Andalucía.

E tamén un panorama de cambios. Porque namentres o franquismo paralizaba España, o mundo marchaba e arrastraba os españois. Había benestar en Venezuela, Brasil, Alemaña ou Suíza e para alí marcharon millóns de compatriotas. E tamén o había en Madrid, Barcelona ou Bilbao se comparamos estas cidades con Becerreá ou Cervantes. Afastados da terra, deixaron atrás as formas de vida e os costumes. Agromaron novas formas de vestir ou peitearse, novas músicas, novas conductas sexuais e matrimoniais; pero tamén novas formas de pobreza, diversións perigosas como as drogas e, en xeral, aquel submundo que tan ben se retratou en Perros callejeros e as súas secuelas.

A placidez foi escasa, como vemos e como relata Antonio Cazorla. A confusión entre contigüidade e causalidade leva a moitos a equivocarse no xuízo ao réxime franquista. Ben, iso e o feito de que, como tamén sinala o autor, a Transición deixou intactas boa parte das estruturas do réxime, o que facilitou a supervivencia das ideas subxacentes ás mesmas. Pasarán anos e seguiremos escoitando a cantilena, ata que todos podan ler libros coma este e ver a realidade por si mesmos.

Comentarios