E ademais: Xuso Jones, Electric Nana e Coral Segovia, no xurado

"España, España; bandera, bandera"

No mellor estilo de Tony Lomba e Elio dos Santos e o seu himno á ‘'rojigualda'’, a política de bandeiras para Eurovisión activou as alarmas ao publicar una listaxe de enseñas prohibidas coa ikurriña a carón da do Daesh. Tras a chispa e o incendio nas redes sociais veu a rectificación, pero que pasa realmente coas bandeiras?

"¿Qué puñetas es lo de las autonomías y los dialectos? Se os va pudrir la boca con el gallego, el catalán o el esukera". Tony Lomba desgañítase antes do retrouso: "España, España; bandera, bandera", un ‘hitazo’ de humor negrísimo e sarcasmo que encaixa perfectamente co que se vivíu este venres á conta da Unión Europea de Radiodifusión (UER) e a súa política de bandeiras para Eurovisión. 

A orixe foi un documento cunha lista "no exhaustiva" e cuxa finalidade "non era ser publicada" –sinala TVE, que cita un comunicado da UER– de exemplos de bandeiras prohibidas para ser introducidas polo público no Globe Arena de Estocolmo, onde o 14 de maio se celebrará a final. Nel, a bandeira do Estado Islámico, a palestina, a de Crimea, a de Kosovo, Nagorno, Norte de Chipre, Donetsk e Transinistria. E a verde, branca e vermella que é a oficial da comunidade autonóma vasca. 

As reaccións non se fixeron agardar. O lehendakari Íñigo Urkullu, do PNV, urxiu a TVE a abandonar o festival se non se procedía a unha rectificación. EH Bildu pediu unha reunión de urxencia coa embaixadora de Suecia en España ante a "criminalización" da ikurriña. Nada fóra do agardado. 

Javier Maroto, exalacalde popular: "Prohibir expresamente la ikurriña en #Eurovision nos ofende a los vascos"

Atoparon os nacionalistas euskalduns un inesperado aliado no exalcalde popular de Vitoria Javier Maroto, en Twitter: "Prohibir expresamente la ikurriña en #Eurovision nos ofende a los vascos. Cada uno que lleve la bandera legal que quiera. Es solo música". 

Recibiron con ledicia os eurofans a indignación de Maroto e mesmo o convidaron a compartir o seu ‘top 5’ [os seus cinco favoritos] de cara a edición que se vén dentro de 15 días. Pero non todo foron risos, tamén houbo quen lle reclamou que a "única bandera nacional" é a española. 

Polo camiño, un día completo con trending topics baixo hashtags como #ThisIsIkurriña e unha polémica que se ten feito eco en medios de Europa e máis aló. 

Non faltaron as chanzas. "De mandar a Kortatu ya ni hablamos" ou "Berri Txarrak a Eurovisión", propoñían as redes sociais sobre un certame ao que concorreron os moi vascos Mocedades ou Sergio e Estíbaliz. 

Xa á noite, Mariano Rajoy envioulle un chío de apoio a Barei, a representante española deste ano, e aproveitou para colocar a foto dunha ikurriña. 

O conto adormecera a media tarde coa petición de explicacións por parte de TVE e do Goberno español e cun comunicado da UER con desculpas polas "sensibilidades feridas". Anúnciase que se eliminará a ikurriña na listaxe de exemplos e emprazan a unha nova normativa oficial que se publicará proximamente, pero non se di que a bandeira vasca deixa de estar vetada, senón que foi un erro que se filtrase a lista negra. 

Todas as bandeiras de rexións ou países non recoñecidos pola Onu están prohibidas no certame

Desde hai seis anos, informan na web especializada EurovisionSpain.com, todas as bandeiras de cidades, provincias, rexións ou países non recoñecidos pola Onu están prohibidas no certame. Isto significa non só que a ikurriña está vetada, senón que tamén o están a galega ou a de Cataluña, a de Madrid e a de Cantabria. Nin Feijóo, nin Puigdemont nin Cifuentes nin Revilla abriron a boca polo de agora. El Sueño de Morfeo actuou cunha bandeira asturiana e Lucía Pérez foi recibida con bandeiras galegas –algunha, estrelada– no Düsseldorf Arena en 2011. 

"El presidente de la corporación [RTVE], José Antonio Sánchez, defiende la legitimidad de la Ikurriña obviando que todas las banderas de España, a excepción de la estatal, están vetadas", sinalan desde EurovisionSpain.com. 

Afecta a circular ás bandeiras de Inglaterra, Escocia o Gales, xa que a única recoñecida é a Union Jack do Guaiominí. En Gran Bretaña a norma tivo tamén o venres o seu eco, pero con moita menos pegada có ‘ikurriña gate’. 

A directiva sobre bandeiras en Eurovisión permite portar enseñas de calquera dos 42 países participantes, así como doutros que concursaron recentemente, como Portugal, Turquía ou Romanía, ao tempo que "tolera" a bandeira do arcodavella –símbolo LGTB– e a da Unión Europea, sempre que non se use con "intencionalidade política". Algúns colectivos eurofans pregúntanse se ten intencionalidade política erguer as cores da UE mentres se escoita ‘You’re not Alone’ (‘Non estás só’) por parte dos representantes do Reino Unido Joe & Jake, un tema que se interpreta como parte da campaña anti Brexit só un mes antes de que os súbditos da raíña Sabela II voten se liscan da casa común. 

A normativa prohíbe tamén as enseñas con mensaxes comerciais ou as que porten ou representen manifestacións ou lemas "de natureza política [que bandeira non é unha representación política?] ou relixiosa, en particular as de territorios desputados", ao tempo que vetan calquera que leve algún texto que estea escrito nunha lingua diferente do inglés. Para incrementar aínda máis a ambigüidade o veto esténdese a bandeiras que os organizadores consideren discriminatorias, ofensivas ou inaxeitadas para o público. 

O da ikurriña do venres súmase á expulsión de Romanía pola débeda da súa televisión pública coa UER. Ao desexo do bielorruso Ivan Aleksandr Ivanov de cantar espido e acompañado de lobos –ao igual que a ikurriña e os paus de selfie, os animais vivos están prohibidos en Eurovisión–. E á perrencha da RAE pola primeira canción de TVE enteiramente en inglés. 

Todo sobre o guión. Porque que sería de Eurovisión sen o eurodrama noso de cada día?, conclúe, cunha cella erguida, o seareiro.

Comentarios