O perfil

F. Castro: "Eu tamén tiven que sacar a mochila do amor romántico"

Desmontar o mito do amor romántico é o eixo en torno ó que xira a última novela de Francisco Castro, 'Amor é unha palabra como outra calquera' (Galaxia, 2016), que presenta o martes 23 en Vigo
Francisco Castro
photo_camera Francisco Castro

A vida de Francisco Castro sostense en palabras. As dos artigos que abanea nas redes sociais, as dos libros que edita en Galaxia e as dos libros nos que, confesa, sempre se ispe. Esta temporada, conta, fala moito de amor, de sentimentos, de emocións e sexo para esmiuzar a historia de Carla, protagonista da súa novela ‘Amor é unha palabra como outra calquera’. "O namoramento é o estado perfecto, pero non a calquera prezo", di o escritor.

¿De verdade amor é unha palabra como outra calquera?

Na contra do libro dicimos "o Amor é unha palabra como outra calquera, ou non". Esta é unha novela de amor, pero é tamén unha novela contra o amor, contra o amor romántico, contra o amor entendido como dependencia. É a historia dunha muller como tantas que pasou toda a vida vivindo na burbulla na espera do príncipe azul, que realmente identifica o seu marido co príncipe azul e sacrifica todo por el. El fai a súa carreira de arquitecto, ela entende que renunciar é un acto de amor, pero a burbulla vai caendo co paso do tempo. Polo medio hai tamén un cadáver que aparece onde non ten que aparecer. A protagonista, que acaba de ser abandonada polo centro da súa vida, vai verse metida no medio dunha estraña morte e a novela lévanos tamén polas investigacións para saber que pasou con esa morte.

P. O libro arrinca cunha cita da película Pretty Woman.

Si, que dito sexa de paso é unha das películas máis ‘apestosas’ de Hollywood, polo que transmite. É dicir, unha pode ser prostituta que non pasa nada que xa virá Richard Gere, multimillonario, a poñerte un pisito. O libro empeza cunha conversa que todos recordamos que é cando Vivian, Julia Roberts, lle di a Eduard, Richard Gere, que quere máis. E el, que é un alto executivo das finanzas, di: "Eu xa sei o que é querer máis, que iso o inventei eu, o asunto é canto máis". E Vivian responde...

P. "Quero o conto". ¿Non?

Quero o conto de fadas. Ves como ti tamén o sabes? Pois esta é unha novela contra o conto de fadas. É unha novela escrita en clave feminista que quere denunciar esa educación que reciben as mulleres para organizar todo o seu mundo das emocións, dos sentimentos e do sexo en función dos homes. A protagonista vaise liberando a medida que transcorre a novela. Vanlle pasando cousas a nivel emocional. Hai unha serie de cuestións que sacoden o seu modus vivendi. A novela transcorre en tres días nos que lle dá tempo a enfrontarse á morte, a si mesma e a revisar todo o que foi a súa vida pasada co seu marido, a experimentar outras formas de sexo... Eu defino esta novela como unha novela sobre o amor, os sentimentos e o sexo.

"O bo é que as escritoras e os escritores galegos non nos diferenciamos para nada do resto das escritoras e escritores doutras linguas da cultura occidental. Por iso tamén nos traducen cada vez máis"



P. Chega esta novela nun momento no que parece imprescindible desmontar o mito do amor romántico, ¿non? Sobre todo cando as estatísticas sobre as relacións entre os máis novos revelan que volvemos cara atrás.

Sempre houbo un fracaso amoroso, poderiámolo dicir así. Edúcasenos en matemáticas, edúcasenos para saber o que é un complemento circunstancial de modo, pero non se nos educan as emocións. Como moito organízanse cursos para previr as enfermidades de transmisión sexual, pero non se educa nas emocións. Neste momento a mala educación amorosa chegou a límites moi preocupantes con rapazas que entenden que é unha mostra de amor que o mozo lles pida as claves do móbil, que as controle a través das redes sociais, que lles pregunte por que aceptan a tal amigo no Facebook... Temos un problema que logo desemboca en violencia de xénero. O libro ten, como xa pasa noutras obras miñas, unha voz narradora moi potente. O narrador, que son eu, métese no medio a reflexionar sobre estas cousas e a interpelar as mulleres e os homes para que nos liberemos da burbulla do amor romántico e nos impliquemos na defensa do amor grande. O estado perfecto é o do namoramento, pero non a calquera prezo.

P. Dixo nalgunha entrevista que a literatura para vostede é luz, aire que respira e toda a súa vida, porque non só é escritor, senón tamén editor en Galaxia e, ademais, imparte obradoiros de literatura.

Sempre digo que son un home absolutamente afortunado por poder estar, vivir e ser nas palabras. A miña existencia desde que empeza o día ata que remata gravita arredor dos libros, da lectura, da edición, da escrita... Iso é o que me configura. Levo 22 libros e quen me coñece sabe que son 22 obras nas que estou espido por completo. Non me vale sen máis facer unha trama, senón que dalgunha maneira quero manifestarme a través da trama. A literatura sálvame a vida, e dáme vida.

P. E ponlle en contacto cos lectores.

Si. Permíteme un exercicio de comunicación constante. Un ‘eu’ que escribe que busca un ‘ti’, que é unha lectora ou un lector. A literatura permíteme tamén, sobre todo a través das redes sociais, recibir a retroalimentación dos lectores, que din o que lles parece. É un exercicio de comunicación brutal. Escribes na soidade do teu cuarto e, de súpeto, hai alguén a quen chegaches. Con esta novela pásame que estou tendo moitísimos comentarios, sobre todo de lectoras que se senten estremecidas nalgún momento, que teñen que reflexionar moitas cousas a partir desta novela. Iso é moi alimenticio para min.

P. Moitas mulleres séntense identificadas coa historia de Carla, ¿non si?

Si, pero tamén eu me recoñezo como alguén que tivo que sacarse de enriba a mochila do amor romántico. Hai que darlle unha volta á educación occidental, e concretamente á educación recibida polas mulleres. O amor romántico é unha máis das extensións da educación machista, falocéntrica e castradora que recibiron as mulleres e tamén moitos homes.

P. Di que a literatura é tamén un exercicio de comunicación. Vostede toca distintos xéneros dentro da literatura, infantil, xuvenil ou adulta. ¿Como elixe o interlocutor das súas historias? ¿Escribe da maneira diferente para cada público?

Cada interlocutor esixe unha música diferente. Cando eu decido escribir para nenos utilizo a linguaxe dunha determinada maneira. Constrúo a estrutura narrativa dunha maneira totalmente distinta que para unha novela coma esta da que estamos falando. Eu non me creo o discurso de moitas escritoras e escritores que din que non pensan no chanzo de idade para o que escriben, que iso logo o elixen nas editoriais. A min cústame crer iso. Eu cando enfoco unha novela infantil, estou pensando quen me vai ler, o mesmo se é unha novela para adultos, e iso condiciona a nosa maneira de escribir.

¿Como ve o panorama da literatura galega hoxe?

Véxoo glorioso. A literatura galega é unha literatura fantástica, moi creativa. Non é mellor que outras do noso entorno, pero tampouco é peor. Temos neste momento autores e autoras cada vez máis recoñecidos. O bo é que as escritoras e os escritores galegos non nos diferenciamos para nada do resto das escritoras e escritores doutras linguas da cultura occidental. Falamos e escribimos das mesmas cousas. Por iso tamén nos traducen cada vez máis. Nese sentido o panorama véxoo moi ben.

¿E a nivel editorial?

Iso é outra cousa. Igual que as librerías, que están caendo coma moscas e xa cando nos metemos na edición en galego as cousas xa son para botarse a tremer. O Consello da Cultura Galega publicou hai dúas semanas o informe sobre os hábitos de consumo cultural en Galicia, no caso da lectura é terrorífico, estamos de segundos pola cola. E aí van galego e castelán xuntos. Se xa se le pouco, a porcentaxe na que se le en galego é ínfima. Iso é un reflexo tamén de como nos percibimos a nós mesmos. Non nos decatamos do terrible que é vivir de costas á nosa cultura. Nese sentido o panorama é desolador. Nese mesmo informe sae que somos os primeiros consumidores de España de televisión. Branco e en botella...

¿Daquela en Galicia hai moito talento, moi bos escritores, pero o que non hai é mercado?

O que nos falla é o país. É durísimo o que estou dicindo, pero é así. Un vai a Cataluña, colle o xornal e le a carteleira de cine e verás que todos os días hai dúas ou tres salas que emiten películas dobradas ó catalán. E estamos falando das películas de Hollywood. O señor Scorsese ou Leonardo Di Caprio, ou quen sexa, saben que cando unha película chega aquí ten que facer a dobraxe en catalán. Os grandes best sellers que se publican en España publícanse ó mesmo tempo en catalán e en castelán. Falamos de miles e miles de exemplares porque hai un país detrás que o consume. Iso non nos pasa a nós. É terrible que os escritores e escritoras galegos sexámolo no noso tempo libre. Que como no meu caso teñamos que roubarlle horas ó sono, as vacacións ou á familia. E, malia todo iso, premiannos fóra e dannos o recoñecemento das traduccións. É realmente un miragre.

Comentarios