#Eurodrama e #eurodracma

Pasan á final de Eurovisión Rusia e Armenia, dúas das favoritas, Azerbaixán, Países Baixos, Hungría, Croacia, Austria, Chipre, Malta e, por primeira vez, Chequia. Quedan fóra Islandia e Grecia
El cantante ruso Sergey Lazarev, durante la primera semifinal
photo_camera El cantante ruso Sergey Lazarev, durante la primera semifinal

Maio é tempo de flores, proídos, angustias e eurodramas. Entrégaste á primeira semifinal do Festival de Eurovisión a corazón aberto e a primeira, na fronte. A túa favorita no pasa o corte e non estará na final do sábado. Votaches, dúas veces, por SMS -xa chegará despois a factura-, pero nada. Islandia non está entre os dez elixidos desta rolda clasificatoria que o gran público español esquece que hai por iso de que TVE forma parte do Big Five e pasa directamente á gran gala do sábado.

A vida da eurofán é dura. Este martes quixen pedir a miña baixa como europea. Un pouco polo de Greta Salóme, que é como se chama a cantante, violinista, compositora e runner -quen mo había dicir a min- islandesa que non cantará o sábado no Globe Arena de Estocolmo, e un moito polo infame teatrillo do intermedio, con ballet dedicado ás persoas refuxiadas. Semella fóra de lugar, gratuito e ata obsceno. Innecesario e vergoñento nunha Unión Europea que dista moito de estar á altura das circunstancias en tantas cousas. Defender Eurovisión nun ámbito tan hostil coma o español e o galego, para que a televisión pública sueca e a Unión Europea de Radiodifusión che veñan con estas marandangas que acaban por lles dar a razón aos haters e che deixan con cara de parva.

De volta á semifinal a nova é que Islandia queda fóra. Non porque fose miña favorita, senón porque aínda o martes a medianoite Greta Salóme estaba nas apostas por diante de Barei. #JeSuisGretaSalóme. #PrayForIceland e todas esas cousas que se poñen no Twitter. Son dous anos consectivos para o país máis eurofán do mundo -98% de share o ano pasado- sen chegar á final e desta volta semellaba que para a proposta de Greta, a medio camiño entre o goticismo de Nightwish e o medio tempo nordifolk de Of Monsters and Men, era pan comido.

Outro dos favoritos que quedou no lado equivocado da clasificación foi o novísimo representante estonio Jüri Poostman, coa súa voz grave, a cara de susto e o seu traxiño 'slim fit' e, quizais, o verdadeiro eurodrama sexa desta volta un eurodracma, xa que por vez primeira na súa historia Grecia non estará na final do sábado. Iso significa que o grande público non escoitará a proposta do grupo Argo, que mestura elementos tradicionais e rap e, por riba, canta en grego (e nin sequera en variedade estándar). E se nalgo ten sentido Eurovisión é para achegar aos públicos de todo o continente, aínda que sexa unha vez ao año, estas músicas das periferias de Europa. Esta semifinal, asemade, foi tamén cruel para o balkan sound no ano no que regresaban Bosnia e Herzegovina, que non se clasificou, e Croacia, que decidiu apostar por un achegamento nada balcánico á 'Biophilia' de Björk que a levará á final.

Moito se fala do petardeo de Eurovisión, das divas de ventilador, do schlager, o eurodance e o escandipop, mais dun tempo a esta parte no festival arrasa o folk americano, como o que este ano levan os Países Baixos, ou beyoncés de baladón para Armenia, o país de orixe das irmás Kardashian. Tampouco falla que se un ano triunfa un cantante solista, ao seguinte abunden. E aí as candidaturas de Hungría e Rusia, mozos guapos con estándares pop non moi diferentes do 'Heroes' de Måns Zelmerlöw. Na banda das excepcións, a austríaca Zoë Straub, que na edición na que ata TVE claudica ao inglés fixo valer o seu naïf 'Loin d'ici' cantando en francés.

E o xoves, máis eurodrama.

Comentarios