Eurovisión, máis que un festival

O que comezou en 1956 como un festival da canción europea no que participaron sete países é agora un monstro que move a millóns de persoas en todo o mundo, moitos deles eurofans que hoxe só teñen un plan: gozar de Eurovisión.

GRAF4060. LISBOA, 10/05/2018.- Fotografía facilitada por RTVE de los españoles Alfred y Amaia rodeados de eurofans, antes de participar en la final de Eurovisión. EFE/RAÚL TEJEDOR
photo_camera Alfred y Amaia rodeados de eurofans, antes de participar en la final de Eurovisión. EFE/RAÚL TEJEDOR

É o maior programa de entretemento do mundo, cunha audiencia global de 1.500 millóns de persoas espalladas por todo o planeta. De feito, mesmo en China e Estados Unidos se transmite o concurso. Todo, absolutamente todo o que se move arredor do Festival da Canción de Eurovisión adquire magnitudes xigantescas, desde o investimento do país organizador (entre 18 e 40 millóns de euros, aínda que Azerbaixán en 2012 investiu arredor de 100 millóns) ata a masiva afluencia de eurofans -habelos hainos, e moitos- que viaxan ata o miolo para gozar do festival en primeira persoa, pasando polos profesionais implicados (2.000 persoas relacionadas coas diferentes delegacións e máis de 1.500 xornalistas).

Despois do fito logrado por Salvador Sobral en Kiev, este ano a cita é en Lisboa, cuxo aeroporto aumentou o tráfico de chegadas nun 37% estes días. Así, as rúas recibiron a avalancha de máis de 40.000 fans de Eurovisión chegados de todo o continente, os máis afortunados para asistir xa ás semifinais e mesmo aos ensaios e a gran maioría para presenciar esta noite a gran final, que terá lugar no Altice Arena, localizado no Parque das Naçoes, onde se celebrou no seu día a Expo’98. Aínda que moitos verán o concurso desde a icónica Praça do Comércio, onde se instalou un ‘Euro Village’ con grandes pantallas para seguir o espectáculo en directo. 

Desembarco español. España é, tras Portugal, o segundo país con maior numero de compradores de entradas, que se esgotaron a unha velocidade vertixinosa. Malia que os eurofans españois son moi viaxeiros e adoitan desprazarse sexa cal sexa o país organizador, a proximidade de Portugal impulsou aos españois, moitísimos deles galegos, a facer equilibrios coas súas axendas e os seus petos para poder apoiar coa súa presenza a Amaia e Alfred, representantes de España con Tu canción. Para moitos deles será a primeira vez que vexan un Festival de Eurovisión sobre o terreo. Contan os que xa o viviron que é unha experiencia única. Ver para crer. 

Para Marta Veiga, xornalista de El Progreso de Lugo e eurofán, será a súa segunda vez. "Estiven en Düsseldorf en 2011, para facer a cobertura especial da participación da luguesa do Incio Lucía Pérez, a primeira galega que representou a RTVE nun festival de Eurovisión. Verónica Codesal, de Guitiriz, acudiu por Bélxica dentro do grupo Urban Trad, que quedou segundo na edición de 2003 -explica a xornalista desde a capital portuguesa-. Ao ser a segunda vez, o choque de realidade xa o levara en Alemaña, a primeira vez. É algo inmenso e moi ben organizado. Percibo este ano, por exemplo, un máis exhaustivo control de seguridade ca en 2011". 

Aínda que hoxe é o gran día, Lisboa comezou a ferver o 29 de abril, data na que as 43 delegacións participantes comezaron os ensaios. Mais foi esta semana cando os eurofans desembarcaron en masa na capital lusa. 

É o maior programa de entretemento do mundo, cunha audiencia global de 1.500 millóns de persoas espalladas por todo o planeta. De feito, mesmo en China e Estados Unidos se transmite o concurso.

"O ambiente adoita ser fantástico. A xente é agradable e, malia a concentración elevadísima de persoas, é moi raro que se produzan altercados -conta Marta Veiga-. Ao ser un evento que se caracteriza por ser LTBGi-friendly, evítanse moito comportamentos homófobos (e mesmo misóxinos) que outras manifestacións masivas levan canda si. Desta vez viaxo acompañada, pero a Düsseldorf fun soa. Mais en ningún momento te atopas soa, realmente. As miñas experiencias son inmellorables. Os compañeiros da prensa son moi colaboradores. A comunidade española de eurofans é unha das máis grandes de Europa e, polo que respecta aos galegos, falo por min cando aseguro que boa parte de nós celebramos o triunfo de Salvador Sobral do ano pasado como se fose o noso propio. Portugal é un lugar familiar para nós e as participacións da RTP (Rádio e Televisão de Portugal) son case que escoitar galego en Eurovisión".

O certo é que un eurofán non ten tempo para aburrirse porque o que sobra son cousas que facer, que ver, que vivir... "Algúns que acompañan as delegacións que teñen que pasar polas semifinais (todos os países, menos os anfitrións e o Big Five: Italia, Reino Unido, Francia, Alemaña e España) levan xa máis dunha semana por aquí. Hai xente como os xornalistas de This is Galicia Calling, Eurovisión Spain (que ten varios galegos) ou Wiwibloggs que reserva as súas vacacións para vivir e/ou informar sobre Eurovisión -salienta Veiga-. Os eurofans chegan a Lisboa cos deberes feitos, xa viron as preseleccións de cada país, coñecen as cancións, traduciron as letras e elaboraron en YouTube as súas listaxes de favoritos. Aquí veñen gozar: confirmar sensacións, coñecer xente e acudir ás festas que se celebran cada noite no Euro Village da Praça do Comércio".

Mais, inevitablemente, é un concurso e as apostas están aí. "Netta, de Israel, viña como gran favorita, pero os ensaios están a subir as opcións de Eleni Foureira, unha potente diva grega de ventilador que representa a Chipre cunha canción de título español, Fuego, e factura sueca -precisa Marta Veiga-. Amaia e Alfred gustan e cáenlle ben aos eurofans que seguiron a súa historia en Operación Triunfo, pero só uns poucos moi entusiastas lle ven opcións a Tu canción. Considérana demasiado Disney e cren que, logo dunha balada tan especial como‘Amar pelos dois, a portuguesa que gañou o ano pasado, será difícil estar á altura neste 2018 cun tema romántico".

Respecto á canción española, a xornalista galega lembra unha anécdota destes días: "Un home suízo preguntoume que lle pasa a TVE para pasar de Su canción, con Betty Misiego, a Tu canción, con Alfred e Amaia". Malia que as cousas non pintan ben para os españois, Veiga non perde o optimismo: "En Eurovisión pode pasar calquera cousa e resulta moi refrescante que o festival viaxe ao sur de Europa e que a RTP, a canle pública portuguesa, estea a cumprir as expectativas que se lle supoñen ao meirande espectáculo musical televisivo do mundo".

Coñecementos para ser eurofán

Eurofans en Eurovisión 2018 en Lisboa. Marta VeigaNon hai eurofán que se prece que non saiba que Eurovisión é o programa de televisión máis lonxevo do mundo. Celebrou a súa primeira edición en Lugano (Suíza) o 25 de maio de 1956 con sete países como participantes e desde entón non deixou de medrar.

Dúas vitorias españolas. España gañou o festival en dúas ocasións: en 1968 con Massiel e o famoso La la la e en 1969 con Salomé e  Vivo cantando, malia que nesta ocasión foi un premio compartido con Reino Unido  (Lulu), Países Baixos (Lenny Kuhr) e Francia (Frida Boccara). Á historia do festival tamén pasaron as tres veces que España marchou de completo baleiro, con cero puntos. Foron Víctor Balaguer en 1962, Conchita Bautista en 1965 e Remedios Amaya en 1983. 

Irlanda, líder. Irlanda, con sete vitorias, é o país que máis veces gañou o festival, ademais de contar co único intérprete que resultou vencedor en máis dunha ocasión: Johnny Logan, como cantante, como cantante e compositor e como compositor.

Sobral, o máis votado. Na historia máis recente de Eurovisión destaca Salvador Sobral, o gañador de Portugal en 2017, que tivo 758 puntos e chega á edición deste ano como artista máis votado do concurso.

Perdedores. Países como República Checa, Croacia, Hungría, Chipre ou Bulgaria non gañaron nunca. Malta é o país que conta con máis participacións sen ter gañado nunca.

Australia. Pese ao nome, Eurovisión non é un concurso puramente europeo. O organizador é a Unión Europea de Radiodifusión (UER), polo que todos os países que pertencen a esta unión poden participar no certame. Australia debutou en 2015 como parte do 60 aniversario do concurso e para premiar a fidelidade dun país por emitir o festival durante máis de 30 anos.

Os rivais de Amaia e Alfred
Tralas semifinais, 26 países participarán hoxe na gran final da 63 edición de Eurovisión. Segundo as apostas, España quedará na metade da táboa. Entre os favoritos figuran os seguintes países:
▶ Israel, coa canción Toy, interpretada por Netta Barzilai. Potente e bailable, comeza a capela coa cantante imitando a unha galiña e a súa temática é feminista. Salvador Sobral cualificouna de "horrible".
▶ Chipre, representado por Eleni Foureira, coñecida como a Beyoncé de Eurovisión. A canción, Fuego, inclúe pirotecnia e unha medida coreografía.
▶ Francia, co dúo Madame Monsieur e a canción Mercy, sobre unha nena refuxiada que naceu nun barco de salvamento.

Comentarios