lunes. 28.09.2020 |
El tiempo
lunes. 28.09.2020
El tiempo

Eurovisión vai de todo isto

A representante de Rusia en Eurovisión, Julia Samoylova. JOSÉ SENA GOULA (EFE)
A representante de Rusia en Eurovisión, Julia Samoylova. JOSÉ SENA GOULA (EFE)

Serbia, Noruega, Dinamarca, Moldavia, Países Baixos, Australia, Hungría, Suecia, Eslovenia e Ucraína acadan pasaxe para a final. Eurodrama na segunda semifinal: Rusia fica fóra

Suecia pode facerche un videoclip perfecto en directo, pero xa cho fixo no Melodifestivalen. E o ano pasado. Alexander Rybak é un vello coñecido para a parroquia eurofán que perde toda a graza con barba de catro días e actitude canallita, mais repetirá na final de Eurovisión da man de Noruega. O espectáculo épico e viquingo de Rasmussen trouxo a neve a Lisboa en maio. As divas mediterráneas de Malta e San Marino dan unha de drama e outra e petardeo, pero este xoves non foi abondo. Os Países Baixos levan un lustro subidos á americana music e aos sombreiros de vaqueiro e quedan un chisco fóra de lugar no escenario de Eurovisión; tanto ten, Waylon estará o sábado do Altice Arena de Lisboa.

Nos catro anos que Australia leva como convidada á causa festivaleira, os seus candidatos lle teñen collido moi ben o tintimán. Jessica Mauboy convenceu con We Got Love. Outros que deron coa fórmula perfecta de Eurovisión son os responsables da radiotelevisión moldava, que desta volta fixeron valer un divertimento en tres minutos con traxes como de presentar o especial de Fin de Ano en Luar da man de DoReDos e My Lucky Day. Será un dos números da final.

Eurovisión vai de todo iso. Laura Rizzotto é de orixe italobrasileira e canta por Letonia unha peza que podería encaixar nalgunha peli de Bond dos setenta. Os húngaros AWS actúan cos pés espidos, como Remedios Amaya, Loreen ou Emelie de Forest, pero poderían ter un oco entre o cento de bandas do Resurrection Fest. Lea Sirk, de Eslovenia, acadou o boleto para a final grazas a un dos mellores espectáculos que se viron onte, paradinha incluída. 

Os países que quedaban do outro lado do telón de aceiro, malia incorporárense máis tarde á festa, teñen ben clariños os principios fundacionais da causa eurovisiva: diversidade e identidade. Serbia, Montenegro, Xeorxia, Eslovenia e Hungría foron as únicas propostas das dezaoito que soaron onte no Altice Arena de Lisboa cantadas nunha lingua distinta do inglés. Tres: Serbia, Eslovenia e Hungría, son finalistas. Mesmo a rusa Julia Samoylova, que precisa un tradutor para descifrar dúas preguntas pactadas durante a gala, interpretou o seu I Wont Break na lingua do imperio. De pouco lle serviu. Por contra, o ucraíno Melóvin, tamén en inglés nunha posta en escena vampírica que ninguén entende moi ben, volverá saír do sartego dentro dunhas horas. O eurodrama está servido. Ata a final.

Eurovisión vai de todo isto
Comentarios