Eva Rodríguez Quiroga: ''Utilizo el apellido Kiro en el trabajo como homenaje a mi abuela''

Con tan só 4 anos súa avoa subiuna a un escenario a cantar Pídechas o corpo e hoxe, o corpazo de Eva Kiro pídelle seguir dando presitixio a tan querido apelido artístico. Aos seus 20 anos vén de quedar entre as quince máis guapas do Top Model of the World, celebrado na illa xermana de Usedom.

P.
Antes de nada noraboa polo posto de Alemaña. Non está nada mal.
R. Grazas. Estou moi contenta porque foi unha experiencia; representar a España e quedar entre as 15 mundiais foi impresionante.

P. ¿Desde cando é modelo?
R. Con tan só 11 aniños fixen a primeira sesión de fotos. Desde aí xa me encantou e quixen seguir. Pero a esa idade as mamis dinche “primeiro tes que estudar e logo xa te dedicarás a iso”, e non me metín nunha axencia ata os 18 anos.

P. ¿Abriralle algunha porta o certame alemán?
R. Isto foi un concurso de beleza, pero a min o que me gusta é a pasarela, e nun futuro quero ser actriz. O que pasa é que me apaixona o mundo da moda e como me van saíndo cousas, aí estamos.

P. ¿E fixo algún piniño como actriz?
R. Fixen un anuncio para Gadis e outro para Caixa Galicia e aos poucos, empezando. Pero o máis importante, como en calquera oficio, é a formación, e por iso este ano voume ir a Madrid a estudar arte dramática.

P. Compatibilizando logo as pasarelas cos estudos.
R. Si. En xullo vou facer as probas de acceso á escola de Cristina Rota, na que espero que me collan.

P. ¿Utiliza o apelido Kiro?
R. Si, utilízoo para todo o que fago de traballo. Gústame moito facelo porque a miña avoa para min era o mellor e así polo menos quédame o seu apelido artístico, como unha homenaxe a ela.

P. ¿Algunha vez lle abriu portas?
R. Si, aínda que eu nunca quixen que por ser neta de tivese máis oportunidades que outras mozas, pero sen querelo si que me abriu portas porque Kiro é moi famoso e recoñécenme. Pero eu nunca dixen en ningún cásting que son a neta de Ana Kiro, porque se me collen quero saber que é porque vallo, e non por outras cousas.

P. Polas súas veas corre sangue de artista. Gústalle a moda, a arte dramática... ¿Nunca lle tirou en cambio a música como a súa avoa?
R. Si, a min gústame moitísimo cantar, de feito fun a clases de canto. O que pasa é que como ela deixou o listón tan alto dáme pánico pórme a cantar porque nunca chegaría a ser o que foi ela. Por iso o aparquei un pouquiño, aínda que iso non significa que nunca vaia cantar; non o descarto.

P. Estaba moi unida a ela, ¿apoiábaa no de ser modelo e actriz?
R. Si, claro. Ela era a que máis me entendía, o meu grande apoio. Acompañábame aos cástings, dábame consellos... Era perfecto porque eu tiña calquera dúbida e ela sempre estaba aí.

P. ¿Hai algún consello que lle dera en vida e que siga ao pé da letra?
R. Que nunca deixe de ser eu mesma e que teña os pés ben postos na terra (risas). Este mundo cambia algunhas persoas, pero eu penso seguir o seu consello sempre.

P. ¿Como leva a súa falta?
R. Está a custarme moito superalo, porque era alguén moi importante na miña vida e moi necesaria. Non hai día que non me acorde dela; gustaríame contarlle tantas cousas... Ou por exemplo que puidese verme en Alemaña.

P. Sendo da súa raza chegará lonxe.
R. Agora só quero formarme como actriz, que é o soño da miña vida. “Vou dúas horas diarias ao ximnasio, pero non son de dietas e as modelos gústanme con curvas”

P. Ten un físico de impresión. ¿Cóidase?
R. Si, hai que facer moitísimo exercicio, vou todos os días un par de horas ao ximnasio, e logo hai que coidar tamén a alimentación e a pel. É sacrificado, pero se che gusta...

P. ¿É de dietas, agora que están tan de moda?
R. Non, eu só como san, sacando os doces e os fritos.

P. Nas pasarelas téndese a suprimir as curvas.
R. Eu son unha muller con curvas, teño cadeiras, e o físico que me gusta é un corpo que se vexa que é unha muller, non un escarvadentes andante. Non me gusta iso de que as modelos teñen que ser fraquísimas. Teñen que ser mozas normais, como as que despois van comprar esa roupa que ti loces.

P. ¿Algún truco de beleza confesable?
R. Non, simplemente que a pel se estraga moito co sol e hai que protexela moitísimo porque é a túa carta de presentación.

P. ¿Que top model é para vostede un referente?
R. Gústanme moitísimo Miranda Kerr e Martina Klein.

P. ¿E unha actriz?
R. Pois a Paz Vega idolátroa, encántame.

P. ¿E un director co que lle gustaría traballar?
R. Pois soñando... ¡como non, Almodóvar! (risas).

P. Haberá quen se pregunte se esta moza tan guapa ten mozo...
R. Ah, non non, agora mesmo non hai nada de nada (risas).

P. ¿O seu hobbie preferido para o tempo libre?
R. Gústame moitísimo ir ao cine no tempo libre, encántame.

Comentarios