Exhibicións e visibilidade

Unha feira é un lugar para comprar e vender. Na cultura, non tanto. Na cultura hai certa aversión a falar de cartos agás cando son os emolumentos propios

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

UNHA SOCIEDADE baseada na comunicación obriga ao exhibicionismo. Unha cultura con problemas de existencia está obrigada a visibilizarse. Son dúas actitudes situadas en puntos diferentes da mesma liña. A canción de visibilidade, como os boleros de amor, canta sempre ao que falta. Pode parecer un asunto emotivo, pero ten moito máis de supervivencia. No caso de que sobrevivir non sexa o asunto máis emotivo de todos.

Escoitando os discursos que rodean os feitos culturais pode parecer que a cultura galega está aí por estar. Que se deixa estar por ver se alguén torce a cabeza por casualidade e acaba por dar con ela e dálle por quedar para o seguinte. Esta semana celebrouse o mercado das artes escénicas galegas, tamén coñecido como Galicia Escena Pro, tamén coñecido como Feira. Sentimentalmente, a denominación Feira ten unha caída histórica. Pero nunca me clasifican entre os autores sentimentales. Poñamos que é unha opción de comodidade e de estética descoidada. Un mercado, como calquera centro comercial, é un espazo convencionalmente establecido no que uns van vender e outros mercar. No teatro galego —e en calquera das artes escénicas— sempre queda a impresión de haber máis xente que vende ca xente que compra. Esta non é unha sensación cultural nin de escenario. A sensación é que vaias onde vaias sempre hai máis xente dedicada a vender que a comprar. É unha suposición inquedante porque, seguindo un comportamento capitalista primario, máis oferta que demanda ten que dar nun abaratamento da mercadoría. Pero eu non vexo que os prezos baixen. No teatro galego tamén sucede así, pero ocorre que non sabe exactamente por que, a talento artístico igual, os espectadores, incluso algúns profesionais, aplauden con máis gana obras de fóra. Vou matizar: de fóra de Galicia. É un comportamento sen analizar porque o grande exemplo de espectáculo contemporáneo é o fútbol e nel case sempre se aplaude máis os da casa.

Na Feira o público é maioritariamente profesional por esa banda non vale para estudar os comportamentos dos espectadores. Galicia Escena Pro é unha actividade que demostra o carácter altamente institucional do mercado escénico galego. Os liberais, os que queden, non deberían escandalizarse tanto. A cultura sempre foi promovida por quen tiña cartos para facelo, fosen monarcas ou bispos, burgueses adiñeirados ou oligarquía. A institucionalización do mercado cultural galego é unha democratización máis das que estaban aparelladas a aquel avance político que supuxo cambiar as aristocracias por estados. Pero a memoria é fráxil e as comenencias infinitas e por iso a cantarea de que as cousas deben financiarse soas. As eléctricas saben perfectamente que os mercados funcionan mellor cando están regulados. Do que se queixan é de que o Estado regule a favor dos consumidores. Virtudes cómicas do esperpento.

Todo teatro debe ter os seus espectadores. E os espectadores teñen que ter as ganas de ir a ese teatro e teñen que querer pagar polo que ven. Nun sentido moi amplo, este é un dereito irrenunciable. Tamén sabemos que as cousas nunca son tan simples. Que se todo quedase nas mans que manexan os cartos os rapaces seguirían sen ir ao colexio. Os espectadores teñen que estar, teñen que mirar e teñen que contribuír. Nunha sociedade tan capitalizada, tan mediada polo económico, case parece broma que o diñeiro sexa a medida para todas as cousas menos para a cultura que, polo visto, non ten dereito a participar nese motor que está movendo o mundo e que non é o sexo. Tampouco o amor: sigo sen formar entre os sentimentais.

Por veces parece que os espectadores para a cultura galega son como os terracistas dunha cidade no verán: moito mirar para o que pasa sen acabar de sumarse. Tamén sucede coas manifestacións. Pero son outro xénero. Reciben invitacións a participar, reciben beneficios económicos indirectos e non se deciden a levantarse da comodidade dunha cadeira con consumición en calquera casco antigo. Desde os escenarios, desde a cultura, percíbese esa indiferenza e, como resposta, ofrécese esa versión sobreactuada da visibilidade que é o exhibicionismo. Ademais dos ataques continuados de ego que tantas veces van aparellados ao artisteo, en Galicia a cultura está obrigada ao exhibicionismo porque, do contrario, a desaperciben. O teatro séntese na necesidade de explicar unha e outra vez unha circunstancia á contra, a chamar a atención como fillos desatendidos. Non é un discurso que os espectadores queiran escoitar e responden con certo cansazo como se non fose asunto seu. Ese ser ou non ser do asunto forma parte da lección que non se aprende nunca: nunha sociedade baseada na explotación e na comunicación do seu disimulo, todo debería ser problema de todos. Segundo dicía meu pai, non había que se queixar porque niso consiste madurar. El tampouco foi un sentimental.

Comentarios