'Calypso', unha fábula pop para asubiar de noite

Voadora intenta recompoñer o mundo cada noite. Non é un desexo poético. É o argumento da máis recente obra da compañía. 'Calypso' é unha fábula pop contada con moitas máis imaxes que palabras. Un conto con ilustracións na que mentres todos durmimos o mundo desaparece e volve montarse. Mágoa que o volvan deixar tal e como está
Un instante de 'Calypso, a última montaxe teatral de Voadora
photo_camera Un instante de 'Calypso, a última montaxe teatral de Voadora

Discutimos moito máis a interpretación das cousas que as cousas mesmas. É un vicio fácil que recoñece, no fondo, que unha grande parte dos argumentos que utilizamos teñen máis que ver co lugar desde o que miramos que co que estamos mirando. As cousas son sempre as mesmas, pero nós vémolas moi diferentes. Quizais por iso a política é un asunto retoricamente precario e cambiante que, lonxe de ser a acción sobre o posible, é o reino das opinións interminables.

Voadora é un grupo pop. Iso quere dicir que a súa intención é máis transformadora en como se contan as cousas que no que hai que contar. Pode ser lucidez, porque todo está contado e o que hai que contar segundo pasa o tempo ten máis que ver con como o entendemos que con como é. Voadora é un grupo pop: está afeito a ser heterodoxo, a facer citas sen respectar as xerarquías académicas e a comportarse con alegría diante das convencións. É un grupo pop e non só porque en cada un dos seus espectáculos as cancións son asubiables no melódico e cun retrouso que a memoria non ten problema e traer a primeira liña polas mañás. É pop porque o importante para eles é a combinación dos elementos incluso máis que os elementos mesmos. Así sexan Shakespeare ou Barrio Sésamo.

Calypso é unha fábula con ese mesmo ton entre amable e pedagóxico. Coas súas advertencias sobre o presente e o futuro e cos pequenos cadros cómicos para ir construíndo unha historia que é moi grande de transfundo e moi lixeira de superficie. Tres personaxes que, cada noite, reconstrúen a realidade mentres a humanidade dorme. Nós imos durmir e o mundo esvaece, os tres personaxes aplícanse en volver a colocar todo no seu lugar. Todo. Os monumentos e os cepillos de dentes. Ese inmenso traballo é apuntado pola obra como unha explicación, tal que un cometido laboral que por veces deixa fírgoas no operativo. Voadora prefire adornar os detalles que meterse nas fonduras. Como nas fábulas que, de lonxe, era o xénero máis pop de toda a literatura considerada clásica.

Como nos vellos libros ilustrados, Voadora compón a historia renunciando a falar para o espectador. Como nos contos, vai facendo un relato indirecto, con voz gravada e textos proxectados sobre esa cuarta parede que, seguramente, é o artificio máis evidente e non sei si decisivo do teatro do século XX. A cuarta parede é removida simbolicamente por máis que siga aí. Entre eses personaxes que reconstrúen a vida a este lado do telón e nós. Calypso envía o relato desde o textual mentres que no escénico desenvolve outra escrita, esta vez escénica, co seu imaxinario particular no que se ensamblan algunhas imaxes rehabilitadas desde a cultura popular, mensaxes sobre as tormentas do presente e unha heterodoxia da posta en escena posta ao servizo da ortodoxia visual da compañía. Entre elas os entremeses musicais con coreografías que responden a ese humor desenfadado e retador con que Voadora interpreta o mundo.

Como todo o pop, Calypso é unha obra estetizante. Está moi preocupada por saírse do canon, incluso de varios deles, e insiste moito no estilo. Unha grande parte do discurso da montaxe está respaldado polo estilo. Unha parte considerable do discurso da obra é o seu estilo. Voadora vai sempre máis inclinada á escritura escénica. A desenvolver un relato visual a través de imaxes que, igual que os estribillos das cancións, queden fixadas na memoria. Imaxes como melodías das cancións pop. Son imaxes con poder de sedución e se teñen un pero é aquel que procede da condición humana. As imaxes acaban por mandar sobre todo o resto. Os primates somos cativos das imaxes. Pero xa que é así, mellor estas. Mellor estas que esa insistencia testana dos telediarios por contarnos o mellor dos mundos posibles.

Calypso ten algo de ópera pop e de composición pictórica. Ten algo de declaración de principios feita para lembrar onde estamos. É un manifesto visual e para a cultura literaria ten algo de contradición. Para a escénica, en cambio, é unha consecuencia: non se pode traballar para os ollos sen ter en conta os seus códigos. O teatro, por veces, esquece esta condición. Voadora conta o reinicio constante do mundo e a pesar de que, nominalmente, aproveita a ocasión para sinalarnos os paradoxos e os desafíos da vida atropelada, a obra ten un certo aire melancólico. Fai as advertencias desde esa amabilidade na que o espectador pode encontrar refuxio. As solucións, de momento, non son argumento teatral. Aínda que xa falta menos. Hai unha melodía confortable na narración de Calypso. Pero isto tamén ten que ver coa música pop. Porque incluso as cancións máis decididamente dramáticas ofrecen o acubillo de cantalas aínda que sexa para un mesmo. Ofrecen esa posibilidade case única de asubiar as penas como se fosen alegrías.

Comentarios