Fermín Bouza: ''El Rey debe abdicar ya que el hijo aún tiene prestigio social''

Fermín Bouza constata a desafección política do momento actual, pero cre que a cousa cambiará “a medida que vaia rematando a crise”.

P ¿A desafección política é hoxe o maior problema da democracia?
R É o maior problema e pon en cuestión a mesma democracia.

P Defínese como falta de credibilidade no sistema e na clase política. ¿Onde está a orixe?

R Hai desafección porque hai crise económica e a xente sensibilízase cando faltan cartos e traballo. En primeiro lugar é necesaria unha escenificación pública de recoñecemento de pecados e culpas e a adopción de medidas claras e contundentes de represión dos corruptos.

P Para a opinión pública, ¿fai máis dano a corrupción ou a mentira?
R A corrupción fai dano; a verdade equilibra o dano.

P Nas últimas eleccións xerais a abstención, o voto nulo e en branco alcanzaron un 30%. ¿Indiferenza ou protesta?

R Non foi unha cifra moi destacada e non é protesta. Medra a desidia, a falta de ganas, o convencemento de que a política non serve.

P ¿O bipartidismo axuda?
R É posible. Pero non é polo bipartidismo en si, senón porque os dous grandes partidos tiveron carencias na xestión e nos casos de corrupción.

P ¿Un imputado debería ser vetado nas listas electorais?
R Teño dúbidas ao respecto. A política non a deben facer os xuíces. Se a imputación é escandalosa e todos sospeitan o peor debe retirarse, pero se é unha imputación normal e o imputado defende a súa inocencia, debe quedar.

P Un límite moi estreito...
R Si, pero hai un límite entre a vontade política e a xudicial.

P Caso Gürtel, Bárcenas, financiamento en B e comparecencias a través dunha pantalla de televisión. ¿Son tempos difíciles para mellorar a relación da sociedade coa política?

R Non se poden eludir responsabilidades. O PP está dando un exemplo de como non se debe levar unha crise deste tipo. Ensombrecer as cousas para que non se entenda nada non serve. É unha postura errónea. O intento vai no sentido contrario. Hoxe a corrupción é o segundo tema de preocupación segundo a enquisa do CIS e a de hoxe é a situación máis grave da democracia; hai que dar respostas.

P Estúdase a reforma dos salarios dos alcaldes. ¿Debería revisarse a permanencia?
R É un tema debatible. Se os pequenos lugares non teñen dereito a un mínimo ingreso, ¿quen vai ser alcalde? Respecto á permanencia, hai que revisalo. É mellor a renovación. Estar moitos anos é perigoso. Un alcalde faise con xente súa, son os amos do Concello.

P Un 93% dos españois votaron a favor de modificar a Constitución. ¿Hai que empezar polos cimentos?
R Si. Modificar a Constitución é moi complexo e ten que nacer de grandes acordos, pero os partidos deben pórse en serio. Todo está en cuestión neste intre: a monarquía, os xuíces...

P Algúns xa defenden a abdicación do Rei no Príncipe.

R Contra a opinión de moitos, é o máis idóneo. O Rei neste intre debería deixar paso ao seu fillo, que ten un prestixio social completo, aínda sen desgastar, e maior preparación. Poden ocorrer cousas; a situación é mala e pode ser peor. E en situacións extremas o xefe do Estado debe tomar decisións.

Comentarios