Fernando Ónega: "Dóeme ver que o Rei cometeu erros humanos inxustificables"

Nado en Pol (Lugo) en 1947, Fernando Ónega leva máis de cincuenta anos retratando a realidade política dende dentro 
Fernando Ónega. KIKO HUESCA
photo_camera Fernando Ónega. KIKO HUESCA

É difícil resumir a traxectoria profesional de Fernando Ónega, pasou polo diario Ya, a Cadena Ser, Onda Cero ou TVE. Foi xefe de prensa do Goberno de Adolfo Suarez, e quedará para sempre nas nosas memorias o "Puedo prometer y prometo" que el ideou e que o primeiro presidente da democracia española pronunciou en 1977.

Vostede foi xefe de prensa de Adolfo Suárez, amigo do Rei, que recordo ten daquel Juan Carlos que se estreaba na xefatura do Estado? 
Teño un recordo emocionante. A primeira vez que o vin foi no Pazo da Moncloa un día de Consello de Ministros. Vino nun corredor e dixen: Ostras! Este parece o rei. Achegueime a Suárez e pregunteille qué facía alí. Era unha época de moito terrorismo e o Rei tivera a amabilidade de presentarse para dar ánimos ao Goberno. Sempre vin nel o motor do cambio e tiven a sorte de falar con el como periodista, gustaríame dicir como amigo, pero os reis non teñen amigos.

E como o ve agora? 
Con tristura. Dóeme ver que o home que encabezou o camiño da democracia cometeu erros humanos inxustificables. Trato de separar as debilidades que tivo do que fixo por este país. Pode ser que se estea a cometer a gran inxustiza de ignorar o seu labor durante 40 anos por esas debilidades, xa veremos se delitos, que cometeu durante non sabemos canto tempo.

Mantívose en contacto con el dende que empezaron a sucederse escándalos como o de Botsuana? 
Si, incluso teño mensaxes dende que se foi de España. Non entramos nunca no fondo da cuestión e, se entraramos, sen autorización del nunca o diría.

Vostede esperaba que marchara? 
Non, é máis, tiña referencias de que á alguén da súa confianza lle dixera "Y ahora me quieren echar de España". Eu non contaba cunha decisión tan dura, tanto se foi iniciativa súa como se foi imposición. Empecei a escoitar a posibilidade de que marchara, en fontes moi altas da Moncloa e da Casa Real, un mes antes. Non o vía posible, pero cando se produciu rebobinei e cheguei á conclusión de que foi un pacto, non entre pai e fillo, senón entre Sánchez e Felipe VI.

"Empecei a escoitar a posibilidade de que o Rei marchara en fontes moi altas da Moncloa e a Casa Real un mes antes"

E cre que na Moncloa se sabía onde ía? 
Non. Supoño que o soubo o presidente do Goberno cando xa marchara. Quero pensar que o Goberno, se soubera que marchaba a un lugar do que procede parte do diñeiro polo que o acusan, se oporía e supoño que tamén se oporía o rei Felipe VI.

Unha das protagonistas destes escándalos foi Corinna Larsen, coñeceuna? Que credibilidade lle dá ás súas palabras? 
Só a vin en fotos. Entendo que todo o que dixo ata agora pertence a unha estratexia de defensa. Hai moitas teorías sobre se é unha noiva despeitada, eu non teño a mínima constancia de que fora así.

Ademais de co Rei, tivo oportunidade de tratar coa raíña Sofía? 
Menos, pero teño numerosas mostras de afecto, é unha dona entrañable. Achégase a ti para saudarte e dicirche que te le e te escoita, e parece que é verdade, non por dicir.

Cre que o resultado das investigacións vai determinar o futuro da monarquía? 
Non me atrevo a dicilo. Hai xente que está traballado para que supoña outra palabra que comeza por f, a fin. Concretamente Podemos e os independentistas aproveitan a circunstancia para tratar de levar o país a unha república. Entendo que se abriu o debate vello monarquía-república e que estamos no comezo da súa formulación. Eu penso que non hai maioría suficiente para unha reforma constitucional. Podemos ten menos deputados que na anterior lexislatura e os deputados republicanos do PSOE manteñen unha disciplina de voto que non contempla ese cambio.

Podemos soubo integrarse no Goberno do Estado? 
Si. Hai discrepancias internas, pero penso que Podemos vai chegar, se non chegou xa, á conclusión de que fóra da coalición é pouca cousa. Iso suaviza as diferenzas que poida haber. Penso que entre Sánchez e Iglesias hai un entendemento pragmático moi claro, de apoio mutuo.

"Penso que entre Sánchez e Iglesias hai un entendemento pragmático moi claro, de apoi0 mutuo"

No intento de golpe de Estado do 23-F vostede estaba traballando na Cadena Ser, como o recorda? 
Tiven a sorte de dirixir un equipo que retrasmitiu en directo, durante máis de 20 horas, o golpe. O papel da radio foi fundamental. Un golpe de Estado con información puntual non é igual a un sen informacicón, onde o rumor facilitaría o seu triunfo. Dito sen matices, despois do Rei, a radio foi fundamental para o fracaso do golpe de Estado.

No intento de golpe de Estado do 23-F vostede estaba traballando na Cadena Ser, como o recorda? 
Tiven a sorte de dirixir un equipo que retrasmitiu en directo, durante máis de 20 horas, o golpe. O papel da radio foi fundamental. Un golpe de Estado con información puntual non é igual a un sen informacicón, onde o rumor facilitaría o seu triunfo. Dito sen matices, despois do Rei, a radio foi fundamental para o fracaso do golpe de Estado.

Como avalía o seu comportamento durante a crise do Covid? 
A partir dun determinado momento os intereses de partido empezáronse a impor. Torra pon por diante a independencia e por parte do Goberno non houbo gran interese en dar solucións nacidas dun pacto co PP. Isto empezoñou moito as relacións.

A nivel galego, que panorama contempla? 
O BNG subiu porque ten como lideresa a Ana Pontón, que acertou na forma de facer política e que tivo a fortuna de que os da mesma liña ideolóxica, Podemos, quedaron fóra do patio. A realidade é que hai un goberno de maioría absoluta e catro anos de estabilidade. O gran desafío está no lado da esquerda; entre PSdeG e BNG, a ver quen convence a máis xente. As eleccións tardan catro anos en vir, pero veñen.

Vostede como parte de 65ymás, medio dirixido a xente maior, ve necesidade de lexislar sobre a soidade a esas idades? 
A nova estrutura familiar xoga en contra dos vellos e iso non ten arreglo. Témome que seguirán a estar sós. O único que sei facer é retratar o drama que significa ter que morrer só. Sobre todo ver que houbo cadáveres que ninguén reclamou. Non estou seguro de que as forzas políticas teñan esa sensibilidade, aquí (Madrid) encomendouse a tarefa das residencias á vicepresidencia social do Goberno central. Non vin que fixeran nada. O único que dan son ganas de chorar.

Para rematar, como desfruta das vacacións cando vén a Galicia? 
Teño tres puntos de referencia: onde nacín, Pol; onde estudei, Lugo; e A Toxa. O que me gusta facer é descansar e andar. Dúas ou tres voltas á muralla non hai quen mas quite. Se estou pola nosa terra, andar o que queda de carballeiras, que non son tantas como cando era pequeno. O río tampouco é o que coñecía, está sucio e tapado.

Despois de tantos anos en Madrid, segue tendo morriña? 
Si. Supoño que a morriña nunca marcha. Eu aspiro a non perder varias cousas, unha a morriña e outra o idioma. Unha das formas de non perdelo é falalo, e fáloo todos os días para a radio galega, o que me serve para exercitalo e enriquecelo, porque eu non tiven a sorte de estudalo na escola.

Comentarios