Fin de ponte tinguida de branco

A borrasca Barra deixou un rastro de neve polas cotas máis altas de Ourense e Lugo ► Ducias de familias acudiron ata o Monte do Faro, que rexistrou a primeira nevarada do ano
Unha familia xoga na neve en Monte do Faro, en Rodeiro. DP
photo_camera Unha familia xoga na neve en Monte do Faro, en Rodeiro. DP

ONDAS de ata oito metros, concellos que rexistraron ata case cen litros de auga por metro cadrado (como Forcarei e Fornelos de Montes) e acumulacións de neve por riba dos 800 metros. A borrasca Barra, que acompañou a ponte da Constitución, fíxose notar durante os festivos de decembro e deixou un rastro de neve nas cotas máis altas do interior galego. Pedrafita do Cebreiro e Os Ancares, na provincia de Lugo, amenceron cubertas de branco por segunda vez neste outono, pero na provincia de Pontevedra caeron onte as primeiras folerpas. Co inverno aínda ás portas, o Monte do Faro, en Rodeiro, tamén se tinguiu de branco.

Ata as zonas máis altas do Deza achegáronse durante este mércores numerosas familias e grupos de amigos para lanzarse pola neve coas súas zorras e facer bonecos, unha típica estampa invernal que se adianta neste ano aos últimos días do outono.

Ata 29 máquinas quitaneve traballaron na rede viaria

Ata setenta estradas víronse afectadas polo temporal de neve. Un dispositivo especial traballou despexando o asfalto e atendendo as diferentes incidencias provocadas polos efectos de Barra. 44 operarios e 29 máquinas quitaneve e vehículos de apoio foron precisos para a intervención na rede de estradas provincial.

Os concellos que se viron sorprendidos pola neve foron Baleira, Becerreá, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Cervantes, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Ribas de Sil e Samos, en Lugo; A Gudiña, O Barco e A Veiga, en Ourense; e Rodeiro na provincia de Pontevedra.

Neve en Pedrafita do Cebreiro

A situación muda este xoves e, segundo MeteoGalicia, prevese que unha fronte algo máis cálida afecte á comunidade desde primeiras horas deixando ceos cubertos e chuvias máis febles que as dos días pasados. Porén, contra a noite achegarase unha fronte fría que podería deixar de novo chuvias máis intensas. As temperaturas ascenderán, de maneira máis acusada nos valores máximos. En Pontevedra agárdanse entre 9 e 13 graos.

E aínda que é cedo para facer predicións fiables, non se descarta que de seguir así, de borrasca en borrasca, este ano remate cun Nadal moi branco.

Comentarios