"Fun feliz cando escoitei unha orquestra de verbena tocar ‘Galicia caníbal’"

Os Resentidos publican por primeira vez desde 1993 un disco con cancións novas, o directo ‘Fai un sol de carallo suite’. O grupo vigués acompáñase de A Lira, a Banda de Música de Ribadavia, lendas como Sito Sedes e novas referentes como Sés

Conta Antón Reixa que regresar ao local de ensaio vinte e pico anos despois foi "duro". Logo de xuntar Os Resentidos en 2012 para un disco homenaxe, a banda vén de gravar por primeira vez desde 1993 media ducia de temas novos que se poden escoitar no directo Galicia caníbal suite (Warner).

Os Resentidos de 2016 son sete. "Os catro fundadores somos Rubén Losada, Xabier Soto, Alfonso Torrado —que non volveu con nós, pero mandou cancións— e máis eu", explica Reixa. A eles sumánse Xabier Camba, Pablo Vidal, Anxo Graña e o lugués Piti Sanz, "que arranxou as cancións co seu curmán Rafa Muñoz".

A formación acompáñase para esta nova aventura discográfica da big band de A Lira e a Banda de Música de Ribadavia. Como encaixa a urxencia punk, que case rexeitaba o saber tocar ben un instrumento a principios dos 80, con tocar cunha banda de música?

Reixa é tallante: "Tocar ben estaba desterrado, condenado. Nós eramos catro músicos con pouco máis ca unha caixa de ritmos e uns sintetizadores. Para min é moi importante esta nova idea, xa que ao igual que eramos moi transgresores coas letras e as músicas, eramos moi dogmáticos e conservadores ao tocar sempre os temas do mesmo modo".

Entende o ‘resentido’ que, para punkis, aqueles labregos que hai 175 anos formaron a Banda de Música de Ribadavia para facer unha música "culta, académica". "É punki canto tivo e ten de autoorganización e de empoderamento", asegura e desvela que está a traballar nun documental sobre as bandas populares en Galicia.

De todas formas, o cantante e letrista engade que a comuñón de big band e rocanrol vén de vello e que, neste caso, a eles lles permitiu achegarse a un sonido "máis balcánico", que tamén é moi punki e que "ten sentido".

Os temas novos foron gravados en directo en Ourense a carón dos vellos. Sostén Reixa que a carraxe nace do mesmo lugar cá das clásicas Sector naval, Economía sumerxida ou Galicia caníbal. "As cancións que mellor aguantaron o paso do tempo foron as máis rabudas, as máis protestonas e as máis políticas. Coas novas non tiñamos nada premeditado, pero tamén saíron así".

E así, mentres o Zoo-lóxico dos oitenta, coas súas referencias ao Fondo Monetario Internacional e ao Banco Mundial, "case se entende mellor agora", a nova lírica resentida é tamén "antisistema": "Ironizamos sobre un encontro entre un grego e un galego nun caixero automático". Danlle tamén unha volta á célebre frase de Warren Buffet: "É unha loita de clases e os ricos imos gañando".

Os Resentidos aproveitan este regreso á composición de cancións para fabular sobre a posibilidade de ter unha impresora na casa que tirase diñero de curso legal e lle poñen letra a un mambo de Xavier Cugat que é agora un Mambo galego e que, no retrouso, berra: "Coidado coas mans, que logo van ao pan". No capítulo das audacias, unha versión dos Beastie Boys coa letra de A xustiza pola man, o máis punki dos poemas de Rosalía de Castro, "e tamén tan de actualidade", apunta Reixa.

Outros aliados que acompañan a Os Resentidos na súa nova xeira son figuras tan consolidadas na música galega do século XXI como a cantautora Sés, tamén sobrada de actitude, e Roberto Sobrado, un dos grandes artífices da homenaxe á banda viguesa en 2012.

Xunto a eles, un histórico da música galega, o que foi vocalista de Los Satélites Sito Sedes. E outra vez a pregunta: Que fan os punkis a carón das orquestras de verbena? Sería pensable en 1986?

Antón Reixa dise un "mitómano da verbena" e sinala que eles foron "moi snobs", con todos eses referentes de Inglaterra e Estados Unidos, pero ao ser os únicos da Movida galega que cantaban en galego, "había conexión".

Neste punto, confesa que dous dos momentos máis felices da súa vida son verbeneiros. "A primeira vez que escoitei unha orquesta a tocar ‘Galicia caníbal’ e cando me dedicaron unha actuación desde o palco", desvela.

Os Resentidos vense en forma para como para iniciar unha xira logo do verán. Aínda que Reixa chancea: "Ás veces penso se non tería sido mellor non sacar o DVD, xa que no disco canto igual de ben ou mal ca sempre. Escóitasenos con enerxía. Pero logo, ao vernos, estamos máis vellos e fondóns"

Comentarios