"Fun os ollos e oídos para os meus veciños desde Ucraína e iso éncheme de orgullo"

O xornalista lucense Marcos Méndez vén de ser galardoado pola Ami pola cobertura da guerra de Ucraína que fixo para este xornal
O xornalista lucense Marcos Méndez, en Ucraína. M. MÉNDEZ
photo_camera O xornalista lucense Marcos Méndez, en Ucraína. ALBERTO HUGO ROJAS

Xa hai dous meses que regresou a Galicia, á súa casa, pero a cabeza de Marcos Méndez segue estando alí, en Ucraína. Máis ben, aínda que volveu fisicamente, este xornalista lucense nunca abandonou o campo de batalla. Foron 120 días "duros", "difíciles", onde viviu cousas que xamais imaxinaría, e nos que se converteu nos ollos da súa xente a través da crónica "Sobre o terreo" que diariamente enviaba a este xornal. Agora, a súa indispensable labor vén de ser galardoada pola Asociación de medios da Información (Ami).

"Fun os ollos e os oídos para os meus veciños e iso éncheme de orgullo. Fixen as miñas crónicas dun xeito cercano porque eu estáballe falando á miña xente. A eles contáballes o que estaba a pasar a miles de quilómetros", di Méndez, quen recibe o galardón con humildade: "Unha das cousas que máis ilusión me fai é ver o nome de El Progreso entre o resto de grandes medios nacionais. Representar a este xornal e que se valore o esforzo que fixo por ter unha testemuña directa no lugar do conflito é de salientar", comenta o profesional, que foi galardoado xunto a outros 53 correspondentes.

E é que cando o pasado 24 de febreiro Marcos recibiu unha chamada para propoñerlle cubrir o conflito bélico tívoo moi claro. "Isto é algo vocacional, sintes que tes que facelo porque como profesional é importante estar alí. É fundamental que existan sobre o terreo xornalistas independentes para que poidan contar o que verdadeiramente está pasando alí".

A pesar da súa experiencia en outros conflitos e que foi testigo directo de eventos históricos como a erupción do volcán Cumbre Vieja, recoñece que cubrir unha guerra é máis duro, porque as situacións de perigo son inevitables. "Poden caer mísiles preto de ti como nos pasou en Nicolaiev ou que estés facendo unha entrevista e comece un ataque", recorda. Pero máis aló do perigo, o verdadeiramente difícil é o impacto psicolóxico. "As peores situacións son sempre as persoais, intentar axudar á xente e non dar... Ti sabes que tes que facer o que ías facer, que é informar, pero inevitablemente implícaste e a sensación de impotencia é brutal", rememora.

Na retina de Marcos Méndez están gravadas a lume imaxes que xamáis pensaría que ía presenciar. "É duro, sobre todo mentalmente. Todas as noites tiña que facer un traballo de limpeza para poder enfrontar o día seguinte. Senón non podería seguir".

E a pesar de todo, a decisión máis difícil para este xornalista foi a de ter que volver á casa. "Deixas a amigos, a compañeiros, á xente coa que compartiches tanto... Pero hai que parar. Se estás alí tes que estar ao 100% e chega un momento en que non podes máis".

Marcos responde ao outro lado do teléfono desde A Coruña, onde dá clase de Linguaxe Audiovisual. E aínda que volveu en setembro, unha parte del segue estando a miles de quilómetros. "Nunca marchei dalí. A miña cabeza seguiu sempre estando en Ucraína". De feito, no seu horizonte agarda a chegada do ano que vén, cando volverá ao pé do terreo para ser a voz dos que máis o necesitan.

Comentarios