jueves. 21.10.2021 |
El tiempo
jueves. 21.10.2021
El tiempo

A guerra do glifosato, o herbicida da discordia

O glifosato acaba de acadar unha prórroga de 18 meses na UE
O glifosato acaba de acadar unha prórroga de 18 meses na UE
O 29 de xuño deste ano a Unión Europea concedeulle ao herbicida máis empregado no mundo, o glifosato, un permiso temporal que o sitúa nun limbo. O produto está a ser observado por ter indicios de ser canceríxeno, pero mentres agardamos a unha resolución a substancia segue presente en todos os espazos das nosas vilas e corpos

Somos máquinas. Aparellos que non paran de absorber noticias. Vivimos nunha sociedade na que a sobreinformación está á orde do día. Lamentablemente isto convértenos en espectadores pasivos, que asumen e consumen sen filtro e que na maioría dos casos deixan pasar por diante das súas facianas temas que doutra maneira cobrarían unha relevancia canto menos especial. Abrirían un debate, e con el unha guerra.

Un deses temas, que pasou pola axenda mediática a fume de carozo non foi outro que o do glifosato. Chama a atención e incluso loce de xeito sospeitoso. Non tódolos días a Axencia Internacional para a Investigación sobre o Cancro (IARC) di dun produto que "hai probas convincentes de que pode causar cancro en animais de laboratorio e hai probas limitadas de carcinoxidade en humanos (linfoma non Hodgkin). Tamén causa dano no ADN e nos cromosomas das células humanas". É máis, isto dise dun activo que é o máis empregado do mundo segundo a Unión Europea (UE) e que en Galicia ten uso en estradas, forraxe, parques, espazos infantís, leiras ou colleitas.

O herbicida en cuestión sae á palestra o 15 de marzo de 2015. Momento no que a IARC decide incluílo, logo da revisión de numerosos estudos, no nivel 2A da súa lista de elementos canceríxenos. Un nivel que comparte por exemplo coa carne vermella e que atende a substancias que “se clasifican coma probablemente carcinóxenas para os seres humanos”, das cales se recomenda un cesamento no seu uso. Dende ese momento comeza un debate no Parlamento Europeo. O glifosato abre a súa particular guerra.


A Comisión Europea outorgoulle ao glifosato unha prórroga que comezou o 29 de xuño deste ano e rematará o 31 de decembro de 2017


Até ese momento o seu historial estaba limpo. Descuberto nos anos 50, patentado nos 70 por Monsanto e dominando o mercado desde os 90, era o herbicida máis eficiente e menos perigoso, ou polo menos así se vendía. O principio activo foi unha auténtica revolución, acababa con todas as malas herbas, era barato —en especial despois do ano 2000, cando expirou a patente da súa empresa creadora e comezouse a comercializar de xeito masivo— e non daba problemas.

Non obstante, logo do suceso e debido á presión dalgúns grupos no Parlamento Europeo e de organizacións ecoloxistas, decidiu someterse a debate se o contrato do emprego de glifosato en solo europeo debía ser prolongado. O Comité Permanente de Plantas, Animais, Alimentos e Pensos, un grupo de expertos a nivel UE, foi quen levou a iniciativa da decisión. O asunto rematou ca Comisión Europea outorgándolle ao unha prórroga que comezou o 29 de xuño deste ano e rematará o 31 de decembro de 2017. Un contrato que non deixou contenta a ningunha das partes, que están á espera do informe definitivo da Axencia Europea de Produtos Químicos. Ese documento, do cal non sabemos nada polo de agora, será o que dea o veredicto final.

DEBATE. Se hai debate é porque as mesmas institucións, políticos e axencias de investigación non se poñen de acordo, porque hai razóns polas dúas bandas. Quizais un dos casos máis chocantes que hai neste sentido sexa o da Axencia Europea de Seguridade Alimentaria, que pouco despois da decisión da Comisión Europea, decidiu declarar sobre o produto en cuestión que é máis que “improbable que calquera dos usos actuais supoñan un risco para os humanos”.

A guerra comezou. Verbas van, verbas veñen. Namentres, unha substancia que probablemente sexa canceríxena segue actuando masivamente nas nosas vilas, comida e corpos. Lidia Senra, eurodeputada por AGE e unha das maiores opositoras ao glifosato, pensa que esta situación de impunidade cara un elemento que, polo menos temporalmente debería estar en corentena, débese a “que as administracións que velan pola saúde das persoas e do planeta están máis interesadas en salvagardar os intereses do negocio dos pesticidas e das farmacéuticas que a saúde”. Mentres, dende o Sergas aseguran que “a actuación respecto as restricións do uso do glifosato é coherente coa levada ao cabo en todo o Estado e na Unión Europea, polo que se está á espera de que remate o proceso de renovación da materia activa por se se produce unha variación da súa condición”.


En Arxentina rexistráronse numerosas malformacións en fetos humanos, problemas no sistema nervioso, a destrución da hormona reprodutiva feminina e o linfoma non Hodgkin nunha zona exposta masivamente ao glifosato


Non obstante tamén existe a parte que defende o herbicida a ultranza. Monsanto, a empresa que posúe unha maior comercialización de glifosato defende o seu produto. Á publicación da resolución da IARC responden argumentando que o documento da Axencia “non inclúe novos estudos, que datos científicos relevantes foron excluídos, que a conclusión non se apoia en datos científicos e que non se establece unha relación entre o aumento do cancro e o emprego do noso principio activo”. E a pesares de non estar de acordo co novo permiso e ter que agardar por un verdadeiro contrato, saben que teñen moitas posibilidades de continuar ca súa actuación. Phillip W. Miller, vicepresidente de asuntos globais, declarou ante os medios despois da conclusión que a prórroga “asegura que os agricultores, os municipios, os xardineiros e outros usuarios sigan tendo acceso e garantías no seu traballo, mentres se consegue unha reautorización”.

Dende a propia páxina web da empresa explican que a substancia non pode ser prexudicial para animais e humanos xa que unicamente inhibe a ruta de biosínteses das plantas, ao que engaden que o elemento ten unha vida corta e é biodegradable.

Neste aspecto a batalla abre outra fronte. A organización Greenpeace levaba tempo denunciando unha situación en base a estudos do profesor Andrés Carrasco nos que parecía que o glifosato non era como se presentaba. Nestes traballos atopábanse indicios de que o herbicida non só inhibía a ruta das malas herbas, senón tamén das plantas que non estaban preparadas por Monsanto para resistir o seu produto. Unha cadea que continuaba até os animais. En especial isto era observado nos cágados, que mostraban malformacións provocadas pola substancia.

Ao parecer a promesa dun principio activo biodegradable era verdade ao 50%, e é que cando este se descompón da lugar a uns restos chamados AMPA, un ácido do que a Organización Mundial da Saúde (OMS) di que “se atopa en augas superficiais", e do que Greenpeace engade que a súa presencia está "a niveis superiores aos permitidos pola lexislación da UE”. Aínda que o máis alarmante son as mostras tomadas da provincia de Chaco en Arxentina, unha zona exposta por riba da media ao herbicida. Nela rexistráronse numerosas malformacións en fetos humanos, problemas no sistema nervioso, a destrución da hormona reprodutiva feminina e o xa mencionado linfoma non Hodgkin.


O espectáculo está fabuloso, pero mentres, non sabemos se estamos a tragar cada día o que pode ser a nosa sentenza de morte e a de todo o ecosistema


GALICIA. En Galicia son moitos os concellos que de xeito formal lle declaran a guerra ao glifosato, destacan o de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Ourense. O problema reside en que este é máis un xesto de cara á galería que unha actuación en contra da substancia. E é que o seu uso nos espazos privados queda na man do dono, nunca do concello, e nos espazos públicos acaba quedando na man da empresa que ten a contrata, como no caso dos parques infantís. Polo que ao final as cidades que se permiten declarar libres do herbicida, realmente o son en espazos moi limitados.

O motivo da persistencia deste principio activo é aportado por fontes doa Xunta de Galicia, que reiteran que é o método máis eficaz e menos custoso, supoñendo un aforro, ademais de non contar con alternativas. Os opositores en cambio si ven outra vía, eles apostan pola agricultura ecolóxica, que a pesares de estar cuestionada polo seu rendemento e por necesitar un camiño custoso até implantala, vai gañando forza. Lidia Senra indica que “coa agricultura ecolóxica todas e todos sairiamos gañando e ademais habería un importante aumento dos postos de traballo, algo fundamental nestes momentos de crise que estamos vivindo”.

Ataques, defensas, propostas e respostas. Debate e guerra. O espectáculo está fabuloso, pero mentres, non sabemos se estamos a tragar cada día o que pode ser a nosa sentenza de morte e a de todo o ecosistema. Mais aquí xa entramos nun debate moral, agardar ou non ao informe final? Beneficio ou saúde? Acaba dando o beneficio a saúde? É lícito que as empresas e os políticos se enriquezan a costo dos cidadáns? Moitas preguntas e todas abren un debate e unha guerra.

A guerra do glifosato, o herbicida da discordia
Comentarios
ç