Saber máis...

Introdución aos Novos Cinemas

A edición cero do festival de Pontevedra repartirá encontros, proxeccións e obradoiros polo Principal, a Casa da Luz, o Pitillo e o Museo
Anxos Riveiro, Manuel Morquecho, Suso Novás e Ángel Santos, este martes, na Casa da Luz
photo_camera Anxos Riveiro, Manuel Morquecho, Suso Novás e Ángel Santos, este martes, na Casa da Luz

Será algo máis que unha edición cero. O avance do festival de cine de Pontevedra Novos Cinemas, que se celebrará os días 11, 12 e 13 de decembro en distintos espazos da cidade, incluirá a proxección de tres películas, un clásico, a recuperación dun título recente, un seminario e dous encontros. Os cineastas Javier Rebollo, Lois Patiño, João Pedro Plácido e o actor francés Rémi Taffanel serán algúns dos protagonistas dun evento que pretende "ofrecer unha síntese da liña editorial dun festival que se marcou como obxectivo a detección e difusión de novos talentos fixándose en primeiros ou segundos títulos dun cineasta", explicou un dos directores do festival, Suso Novás, este martes, na presentación da edición cero, que tivo lugar na Casa da Luz. "Trataremos de fomentar o encontro entre a cidadanía e a xente do medio e faremos extensivo o festival a diferentes nacionalidades focalizando o interese no que se fai en Galicia, en Portugal e en Latinoamérica". Xunto a Novás estivo este martes o outro director da programación, o realizador Ángel Santos (‘Las altas presiones’). "Neste avance de contidos só proxectaremos tres películas, pero na primeira edición do festival, en primavera, haberá unha sección competitiva de dez ou doce títulos", avanzou.

Dúas das tres películas que se poderán ver no Teatro Principal son estreas en Galicia: ‘Un poeta novo’, de Damien Manivel, "que será presentada polo actor Rémi Taffanel", e ‘As amigas de Ágata’, "un traballo colectivo ligado á Universidad Pompeu Fabra, que dirixen catro creadoras que estarán en Pontevedra", explicou Santos. O terceiro título é unha estrea en España, o documental portugués ‘Volta á Terra’, de João Pedro Plácido, "porque neste festival non vai haber diferenzas nin barreiras entre ficción e documental".

CLAUSURA. A edición cero clausurarase cun acto protagonizado por Lois Patiño, o cineasta que coordinará o proxecto audiovisual que realizarán alumnos universitarios o ano que vén, dentro das actividades do festival. "Proxectaranse tres pezas súas, unha delas estrea total, acompañadas da música do dúo coruñés de música electrónica Esquelas".

Un dos protagonistas centrais de Novos Cinemas será o realizador Javier Rebollo. Ademais de conducir o seminario ‘Só se fai unha primeira película unha vez’ (previa inscrición na web do evento), proxectarase a súa ópera prima, ‘O que sei de Lola’, participará nun dos encontros co público e será o encargado de abrir a sección adicada aos clásicos comentando a película ‘Os 400 golpes’, de François Truffaut, que a continuación se proxectará para o público nunha sesión de entrada libre. "Ademais este título serviranos para inaugurar un apartado do festival dirixido aos escolares, +Novos, no que será unha proxección concertada con colexios".

Finalmente, a programación da edición cero incluirá dous coloquios abertos ao público. No primeiro falarán de ‘Filmar como respirar’ Rebollo, as directoras de ‘As amigas de Ágata’ e o cineasta pontevedrés Mario Iglesias. No segundo, sobre formas de exhibición e distribución de cine, intervirán Felipe Lage (Zeitun), Ramiro Ledo (Numax), Dolores Meijomín (Agadic) e María Yáñez (Screenly).

As entradas para a proxección das películas do festival están á venda en ataquilla.com.

Comentarios