Irus, simius e morcegos

A editorial Debate vén de sacar 'Ébola. La historia de un virus mortal', obra de Davis Quammen. A obra escribiuse en 2012, moito antes de que se desencadease a epidemia en África e a alarma en Europa

De todas as teorías da conspiración, as miñas preferidas son as que se relacionan coas enfermidades ou prácticas perigosas ou as pandemias. Xa saben: a sida non veu de África senón que o introduciron os conservadores para acabar cos homosexuais e os drogadictos e a heroína foi introducida polos gobernos para acabar co exceso de delincuencia por vía rápida. A última, que non derradeira, vítima destas parvadas é o virus do ébola, que as farmacéuticas terían deixado campar para vender máis medicamentos —ou vaia vostede saber‑—.

Nada mellor que combater a superstición con información e neste caso con lectura. E vén de sacar a editorial Debate obra sobre o tema: Ébola. La historia de un virus mortal, obra de Davis Quammen, escritor e divulgador científico estadounidense. Con tal título poderíase agardar unha árida historia médica —nada máis afastado da realidade— e con tal autor un relato novelesco e (ou) sensacionalista —tampouco—. Quammen ten escrito en medios moi prestixiosos no eido da divulgación e atopa o ton perfecto para a súa historia: serio pero áxil, profundo pero accesíbel a calquera cun mínimo de información, próximo aos feitos pero sen implicación emocional.

Unha das meirandes virtudes da obra é a súa falla de oportunismo. Escribiuse no 2012, moito antes de que se desencadease a epidemia en África Occidental e a alarma en Europa e, particularmente, en España polo caso da miña veciña Teresa Romero. Isto permite que o lector vexa os feitos relatados cun chisco de distancia, aínda que obviamente deixa coxo o contido porque, por desgraza, a maior cantidade de infectados permitirá sen dúbida algunha avanzar no máis fondo coñecemento da enfermidade.

Ébola é a historia da procura dun reservorio. Se non sabemos como loitar contra este virus é, principalmente, porque non sabemos que animal o transmite en primeira instancia aos seres humanos e se é ese mesmo animal ou outro no que se agocha cando está durminte. Hai sospeitosos habituais: simios e morcegos. Os dous virus do sida teñen orixe en simios —chimpancés congoleños e monos de África Occidental— e resulta impresionante a descrición que Quammen fai da repentina morte de miles de gorilas en Gabón, atribuída ao ébola. Os morcegos son vectores habituais de enfermidades —a rabia, sen ir máis lonxe— e teñen unha vantaxe numérica: o 25% de especies de mamíferos son morcegos. Ademais, a súa capacidade de desprazamento semella coincidir co patrón de extensión, dende Uganda a Serra Leona.

O autor fai unha interesante mestura de xéneros para contar todo isto. O libro perdería bastante forza se non describise as súas propias aventuras en África e as dalgúns investigadores arroxados —non imaxino o claustrofóbica que pode ser unha cova chea de morcegos nun lugar illado de Uganda—. Pero tampouco sería o mesmo sen a condensación de información científica e xornalística e as entrevistas a algúns dos pioneiros do avance na localización da enfermidade. Todo isto unido conforma un mosaico dun enorme interese.

Como xa dixemos a obra carece de todo sensacionalismo, e aínda así é inevitábel que deixe un rastro de intranquilidade no lector. En non poucas ocasións os seres humanos esquecemos a nosa vulnerabilidade respecto á natureza. En medio da alarma pola epidemia sucedida en 2014 poucos se decataron dun paradoxo, que Quammen si sinala: as taxas de mortalidade da enfermidade —enormes e nun prazo moi curto— eran a mellor defensa para os occidentais, a garantía de que a epidemia africana non se convertería nunha pandemia mundial. Os moribundos non viaxan en avión e todo o mundo sabe —nótese a ironía— que un morto en África vale dez veces menos ca un en Europa. Pero os acontecementos superaron ás expectativas científicas ata entón determinadas e agora está pendurada sobre nós a espada de Damocles dun virus para o que non temos cura e do que nin sequera coñecemos o reservorio: só podemos saber que hai posibilidade de infección cando xa hai humanos contaxiados. Namentres agardamos o que poda suceder na seguinte ocasión, penso que o mellor será ler.

Comentarios