''Declarar públicamente mi condición sexual ha sido la mejor decisión que he tomado nunca''

Jesús Vázquez presentouse a un cásting e alí deuse de conta de que aquilo era o que estivera buscando o veterinario frustrado, o camareiro, o modelo e o actor recentemente saído da Real Escuela de Arte Dramático y Danza.

P: ¿Cales son as diferenzas entre a persoa e o presentador?

R: Somos a mesma persoa, non o podería entender doutra forma. Quizais en privado sexa un pouco máis tranquilo, máis tímido.

P: ¿Como cambia a vocación de veterinario pola televisión?

R: A carreira non me gustaba. Aos 19 anos ofrecéronme un traballo como modelo e aceptei. Aos poucos fun entrando no mundo da moda, gañando diñeiro, coñecendo xente... así que en terceiro de Veterinaria decidín cambiar e presenteime ás probas de acceso á Escuela de Arte Dramático y Danza de Madrid. Aceptáronme e, cando ía terminar, foi o salto á tele.

P: Eran os anos da Movida madrileña. ¿Que lle achegou esa etapa?

R: No 80 eu tiña 15 anos e proviña dun ambiente pijo, pero chegábanme os aires frescos de liberdade da Movida. A min servíronme para escapar daquela contorna asfixiante que me rodeaba e descubrir un mundo e unha forma de entender as cousas nova.

P: Ademais de modelo, ¿traballou noutras cousas?

R: Tamén fixen de camareiro porque a profesión de modelo era bastante inestable. Cando o traballo escaseaba, púñame detrás da barra ou coa bandexa nas terrazas de verán.

P: ¿Como chegou o seu primeiro traballo televisivo?

R: A través dun cásting, como a todo o mundo. Entereime de que realizaban probas para Telecinco, que entón comezaba as emisións. Sen dubidalo, presenteime. Estudaba para actor, pero necesitaba o diñeiro. Cando pisei o estudio e comecei a falar á cámara, sentín que atopara o meu camiño.

P: A súa carreira foi meteórica. ¿Que parte do éxito logrado atribúe ao seu atractivo persoal?

R:
Nunca fun moi consciente diso do atractivo persoal, ¡incluso non sei se o teño hoxe! Cando empecei era moi novo e non sei por que, pero gustei. Eu miro aquelas imaxes e non podo entendelo. ¡Véxome horrible! (risas).

P: ¿Que programa lle deparou máis satisfaccións?

R: La Basca, El Debate de Gran Hermano, Allá tú, Supervivientes, OT... Todos me fixeron e me fan moi feliz. Pásoo bomba traballando.

P: Contribuíu á normalización da homosexualidade coa declaración pública da súa condición en Zero. ¿Carrexoulle algún problema?

R: En absoluto, ao contrario. Foi a mellor decisión que tomei nunca.

P: O seu foi un dos primeiros matrimonios homosexuais de España. ¿Casou por convicción ou por exercer un dereito polo que loitara?

R: Casei por amor. Porque quería estampar a firma do meu compromiso ante todos e ademais gozar dos dereitos do matrimonio.

P: O seguinte chanzo na súa loita será lograr a paternidade, á que aspira coa adopción dun fillo...

R: Esa loita está feita. A adopción por parte de parellas do mesmo sexo é xa un dereito e unha realidade da que gozan todos os cidadáns españois, non só os gais.

P: ¿É na vida real o enfant terrible que vemos na televisión?

R: Gústame facer tolemias e fun moi fedello –agora estou máis acougado–, pero o neno dentro de min segue moi vivo. O día que morre o neno que levamos dentro, nós morremos con el.


''Son galego de sangue, madrileño de adopción e vivo en Barcelona''

P: Tras unha primeira fase de éxitos viviu un momento difícil, ao verse implicado no 'caso Arny'. Moitos compañeiros de profesión non o apoiaron. ¿Reconciliouse con eles?

R: Eu nunca vivín moi pegado á xente da profesión, souben levar a miña vida persoal bastante aparte. Non teño moitos amigos famosos nin vou a demasiadas festas, así que non había moito co que reconciliarse.

P: ¿Como ve agora as declaracións que fixo pouco despois de todo isto: “Vivín un golpe de fama, subín a unha nube e despois estreleime”?

R: En realidade non foron esas as miñas palabras exactas, pero, si, é verdade, a fama pódeche facer perder a cabeza se non estás preparado para ela. É un monstro que o devora todo e se non lle dás para comer co teu traballo, acaba por devorarte a ti mesmo.

P: Apoiou a Zapatero. Na actual situación, ¿que opina da súa actuación?

R: Cometeu erros pero, en liñas xerais, o Goberno tomou as decisións correctas para facer fronte a esta terrible crise.

P: De Galicia, ¿nin o po ou sente morriña da terra?

R: Nin unha cousa nin a outra. Son galego de sangue, iso sen dúbida, pero aos dez anos funme a Madrid e son madrileño de adopción. Londres ensinoume moito do que sei, en Barcelona paso parte do ano –vivo e traballo alí, ¡e adoro o catalán!– e en Estremadura atopei un fogar e unha familia sen os que non podería vivir. Non teño morriña de ningún sitio e téñoa de todos.

Comentarios