José Luis Gómez: "Afrontar a dixitalización é inevitable para todos"

Nado en Brión (A Coruña) en 1958. Foi director editorial do Grupo Z e estivo á fronte de La Voz de Galicia e Xornal de Galicia. Colabora en varios medios, entre eles TVG, Radio Galega,Radio Coruña, La Región e El Progreso. Este martes recibe en Santiago o Premio Diego Bernal
José Luis Gómez. XURXO LOBATO
photo_camera José Luis Gómez. XURXO LOBATO

O periódico dixital Mundiario celebrou o xoves a festa do seu décimo aniversario na que se fixo entrega ao alemán Carsten Moser do I Premio Mundiario de Periodismo, subliñando o carácter "global" do xornal que fundou José Luis Gómez, "nun momento complicado, entre 2012 e 2013, cando estabamos nunha destas crises", di o editor, que o vindeiro martes recibirá o Premio Diego Bernal que lle outorga a APG pola súa "fecunda labor nos medios" e a súa ampla traxectoria "marcada pola competencia, o compromiso co xornalismo e o rigor".

Cal é o xermolo de Mundiario?
Foi a raíz dunha conversa con Antonio Sangiao. En realidade, a miña aposta pola prensa dixital comeza en 1999 con xornal.com. Naquela altura apostamos por unha fórmula en clave galega; no 2013 a aposta foi por un produto de opinión, de análise.

Como é a publicación dez anos despois da estrea?
Temos unha estrutura xornalística, que é a que dá cobertura á información, mais o noso forte son os máis de 500 colaboradores en 25 países, que son analistas, economistas, profesores universitarios. Avanzamos na especialización e na diversificación. Dez anos despois, estamos consolidados. Penso que hai necesidade de explicar unha realidade que é complexa e, por veces, mesmo contraditoria.

"En Mundiario apostamos pola análise porque hai necesidade de explicar unha realidade que é complexa e contraditoria"

Especialización e diversifica­ción, como se combina iso?
No noso caso é a base da sostibilidade do medio. Xunto ás opinións e ás análises fomos desenvolvendo outra oferta. Por exemplo, sacamos adiante a edición especializada en información de cine e series, que nos dá moi bos resultados. Desde a pandemia, cando baixou moito a publicidade, exploramos outras vías de ingresos. E, dado que temos moitos autores, podemos editar libros. Así naceu Mundiediciones, a través da cal temos acordos con Amazon, con El Corte Inglés e La Casa del Libro. Está indo razoablemente ben. Ademais, empezamos a crear edicións de Mundiario noutros países; a primeira é a de Costa Rica, onde contamos cun socio. Imos seguir por ese camiño, mais con prudencia.

Seguimos en crise…
Si, unha pandemia, unha guerra, pode botar abaixo todo. Estamos pasando por iso. Sabemos que fixemos moito, pero seremos moderadamente audaces neste momento. Imos paseniño. E nos próximos anos, seguiremos indo así. Cando naceu Mundiario andabamos nunha das primeiras crises, pero seguimos nelas, si.

"Fixemos moito, pero pretendemos ser moderadamente audaces neste momento"

Que é o que vai facer Mundiario nos próximos anos?
Temos grandes analistas, pero de 50 ou 60 anos a maioría. A curto prazo, reforzaremos a nosa aposta con analistas máis mozos. En xeral, penso que os xornais precisan máis mulleres e máis xente nova. Son mudanzas que se están producindo na sociedade e ás que temos que saber responder.

Desde o punto de vista dun xornalista con experiencia de catro décadas en postos de dirección en grandes medios e con iniciativas innovadoras no mundo dixital, por onde ha de cami­ñar a prensa en papel?
No que respecta á prensa impresa, penso que quedarán medios de elite. Digamos que haberá periódicos con menos tirada e moi influentes en ámbitos como o financeiro, por exemplo. E tamén haberá periódicos locais. Os referentes en papel continuarán. Aí temos marxe. Mais afrontar a dixitalización é inevitable para todos. Estamos en procesos sociais que levan o seu tempo. Pero hoxe en día o público máis mozo xa non accede ás novas a través de webs, faino directamente a través de redes... mesmo TikTok.

Comentarios