Juan Taboada: "Os fenómenos extremos serán frecuentes"

No Día de Acción fronte ao Quecemento Global, o coordinador de Meteogalicia lembra que a solución está na nosa man
Juan Taboada, coordinador de Predición de Meteogalicia.EP
photo_camera Juan Taboada, coordinador de Predición de Meteogalicia.EP

Deixar de emitir gases de efecto invernadoiro é urxente porque a atmósfera vai conservar cen anos o que reciba. O mal está feito e, por moito que axilicemos a solución, haberá que adaptar o xeito de vida para paliar as consecuencias do cambio climático, imparables polo menos no vindeiro século. O meteorólogo Juan Taboada explica o noso papel nesta loita, que condicionará o mundo dos nosos netos.

Tardamos en convencernos de que o quentamento global ía en serio e agora parece imparable.
É un fenómeno que ten explicación científica. Os humanos estamos introducindo gases na atmosfera que impiden que o calor que emitimos a atravese. O calor volve contra o chan e a terra non consegue enfriarse tan rápido como debera. De aí sae o quecemento global, que ten consecuencias.

Que consecuencias?
As temperaturas ascenden uns 0,2 graos por década, o nivel do mar tamén sobe uns tres centímetros cada dez anos. Pode parecer pouco, pero se o combinamos cunha oleaxe forte causa problemas. O xeito de chover tamén cambiou. En termos de acumulación non chove máis nin menos, senón diferente, máis concentrado e, polo tanto, pode ter outras consecuencias; hai períodos de seca, logo fortes borrascas, inundacións...

Nós provocamos o cambio climático. Iso é malo, pero o bo é que tamén temos a solución

No 2022 houbo diversos fenómenos extremos. Secas, temporais, temperaturas altas...
Foi o ano máis cálido desde que se traballa con rexistros, desde 1961. Xa desde xaneiro houbo temperaturas altas e en xullo, un récord absoluto. Arrastramos a seca ata outubro e, a partir de aí, borrasca tras borrasca. Se sumamos as precipitacións pouca diferenza se apreza, foi un ano lixeiramente seco, pero o reparto da chuvia foi moi diferente ao que estamos acostumados.

E iso é o cambio climático.
No 2022 vimos claramente un exemplo do cambio climático, unha sucesión de acontecementos previstos desde hai décadas. Non é un cambio brusco, pero si que estamos notando fenómenos extremos que nos demostran que algo está cambiando. Non quere dicir que vaia haber sempre grandes secas ou borrascas fortes, pero si que serán frecuentes fenómenos aos que non estamos afeitos.

Haberá que adaptar hábitos, cultivos...
Habería que facer dúas aproximacións: unha de mitigación e outra de adaptación. Por un lado, hai que deixar de emitir gases de efecto invernadoiro porque iso é o que dana a atmosfera e provoca estes cambios. Non é doado porque supón cambiar o xeito de producir e de consumir enerxía e iso está moi relacionado co modelo económico. Non depende só de nós, da nosa conciencia ecolóxica, senón que é un problema a nivel global que require solucións conxuntas en todo o planeta. E por outra banda hai que adaptarse ao cambio evidente. Iso implica que cada especialista deberá tomar medidas na súa área, sexa urbanismo, agricultura... ata está cambiando o patrón dos incendios forestais. 

Cada década, a temperatura sobe 0,2 graos e o nivel do mar tres centímetros

Como?
Este ano víronse grandes incendios en zonas pouco habituais, como aconteceu no Courel. O foco inicial foi provocado por unha tormenta seca. Hai que adaptar a loita contra o lume ás novas observacións meteorolóxicas. Os incendios van afectar zonas máis amplas e nunha época do ano máis longa do habitual.

O río Miño acaba de rexistrar un incremento de caudal enorme por uns días de chuvia nada excepcionais no mes de xaneiro.
Un día de chuvia con 70 litros por metro cadrado non é raro en xaneiro, pero catro ou cinco en menos dun mes si e xa se viñan rexistrando choivas intensas desde finais de decembro. Iso é o que provoca a enchente dos ríos.

Con canta antelación se pode previr o tempo?
Hai que ser rigurosos. Podemos facer previsións ao detalle con tres ou catro días de antelación. Podemos falar de probabilidades para dez ou quince días, pero non temos capacidade para prognosticar máis aló. Outra cousa é se falamos de décadas porque nos movemos noutro tipo de observacións e traballamos con promedios.

Supoño que lle terán preguntado de todo. Datas para casamentos, que tempo fará nas vacacións...
Si, de todo, pero máis aló de nove ou dez días non podo dar información útil. Traballamos con datos científicos, con series longas de observación que nos permiten establecer uns modelos e extraer conclusións.

É dicir, nada de témporas, só observación científica.
Non quero ir contra as témporas, pero iso é antropoloxía, non ciencia. Co variable que está o clima nestes momentos vexo difícil que observar a dirección do vento un día poida indicar o que vai acontecer o resto do mes.

O vento dá moitas pistas.
Si, pero non para predición a longo prazo. O vento indica o que está a punto de acontecer. Por exemplo, Galicia está no camiño das borrascas que veñen de oeste a leste. Se entre outubro e marzo sopra o vento do suroeste vai achegar esas borrascas. Iso trae auga. O nordés fai o efecto contrario. Quedan as nubes no norte de Lugo e no resto haberá sol.

Canto lle queda ao mundo tal e como o coñecemos?
Depende das tarefas de mitigación. Estamos na inercia do cambio climático. É imposible deixar de emitir gases de efecto invernadoiro inmediatamente e o que soltamos hoxe vai estar na atmósfera cen anos, así que é imposible unha freada en seco. O que si depende de nós é a intensidade do cambio. Depende do que tardemos en reducir as emisións.

Non é un escenario optimista.
Tampouco hai que ser pesimistas. O cambio climático está provocado polo noso comportamento. Iso é malo, pero ten unha parte boa, que non é un fenómeno natural incontrolable. Hai solución e depende de nós.

Comentarios