Kike Perdomo e Ariel Bringuez actuarán no ciclo 'Jazz no Principal'

Os dous saxofonistas ofrecerán obradoiros abertos ao público no Antigo Conservatorio da man do Seminario Permanente de Jazz
Unha foto promocional de Kike Perdomo
photo_camera Unha foto promocional de Kike Perdomo

Kike Perdomo e Ariel Bringuez son os artistas que participan este ano no ciclo Jazz no Principal, "unha proposta única que permite a novos músicos galegos actuar xunto a estrelas do xénero enriba do escenario", lembraba o xoves o coordinador do Seminario Permanente de Jazz (SPJ) da cidade, Luís Carballo. "Moitos dos músicos que un día acompañan a estes grandes intérpretes despois convértense en referentes". Carballo, que foi o encargado de presentar os concertos xunto á concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, tamén insistiu en que, entre as particularidades da proposta, está a celebración de obradoiros, abertos ao público en xeral, a cargo dos músicos convidados, desta vez dous saxofonistas.

O tinerfeño Kike Perdomo será o primeiro en actuar. Farao o sábado, xunto a un grupo do SPJ formado por Miguel Ponce (saxo alto), Pedro Falcón (guitarra), Víctor Camacho (piano), Alberto Rial (contrabaixo) e Paio Xosé (batería). Carballo explicou o xoves que Perdomo, que foi director durante dez anos do Festival Internacional de Jazz de Canarias, "traerá unha proposta moi diferente ás que acostumamos a ter, moito máis ‘fusioneira’". Compositor, produtor musical e enxeñeiro de son, formado, entre outros lugares, no Berklee College (Boston), Perdomo "é un dos saxofonistas de máis pedigrí do jazz español". Ten traballado con xente como Bill Evans ou Chano Domínguez, ademais de colaborar con estrelas como Joaquín Sabina ou Luz Casal.

O sábado 25 de marzo será a vez do cubano Ariel Bringuez, que estará acompañado no Teatro Principal, sede dos concertos, por Rosendo Torres (trompeta), Óscar Presa (trombón), Javier Abraldes (guitarra), Carlos Gil (piano), Lois Carlín (contrabaixo) e Eloi Pascual (batería). Profesor, compositor e arreglista, traballou na Escola Nacional de Arte de Cuba. Foi integrante da banda de latin jazz Maraca & Otra Visión, dirixida por Orlando del Valle. "Estamos ante un referente do jazz cubano, que na actualidade é membro da banda que puxo en marcha Chucho Valdés, Irakere, que está a celebrar o seu 40º aniversario".

Os dous concertos complementaranse. Como é habitual no ciclo Jazz no Principal, con cadansúa master class, que se celebrará os mesmos días das actuacións, de 11.00 a 14.00 horas, no Antigo Conservatorio. Estes obradoiros son abertos a todo o público interesado e de carácter gratuíto. "De feito, é moi habitual que participe persoas alleas ao Seminario de Pontevedra".

Comentarios