Lisboa, unha final a 'Fuego'

A organización do Festival de Eurovisión, cuxa final terá lugar este sábado pola noite (La 1, 21.00), supón todo un reto para a televisión pública RTP e, por extensión, para Portugal, que acolle por primeira vez o meirande de todos cantos eventos musicais se celebran no mundo

 

Eleni Foureira, durante su actuación en la primera semifinal de Eurovisión. TWITTER
photo_camera Eleni Foureira, durante su actuación en la primera semifinal de Eurovisión. TWITTER

Na noitiña do mércores, a Orquestra Metropolitana de Lisboa e o coro Voces Caelestes interpretaron na Eurovillage da Praça do Comércio a Sinfonía número 9 en re menor, opus 125, coñecida polas adaptacións de Herbert von Karajan —e Miguel Ríos— e himno da Unión Europea. A organización do Festival de Eurovisión, cuxa final terá lugar este sábado pola noite (La 1 de RTVE, 21.00), supón todo un retro para a televisión pública RTP e, por extensión, para Portugal, que acolle por vez primeira o meirande de todos cantos eventos musicais se celebran no mundo.

No entanto no Altice Arena a canción Fuego de Eleni Foureira (Chipre) se foi afianzando como favorita a forza de foguetería nos ensaios e na primeira semifinal, os gobernos progresistas da República e da súa capital promovían actividades culturetas. As etiquetas sobre Eurovisión pesan a cotío como unha lousa. Mentres os países nórdicos fan esforzos por argallar cada ano candidaturas que amosen o máis potente da súa creativa industria musical e as televisións dos estados que asinaran o Pacto de Varsovia agoiran a oportunidade de entrar unha vez ao ano na maquinaria pop occidental, a Europa de vello hai anos que semella ter recluído Eurovisión no caixón dos praceres culpables que dan algo de vergoña.

Das candidaturas do Big Five, as televisións públicas de Italia, Francia, Alemaña, Reino Unido e España, que pasan directamente á final debido a que lles corresponde maior cota de participación na Unión Europea de Radiodifusión —arredor de 450.000 euros, a metade do que supón un episodio dunha serie—, a que mellor responde nas casas de apostas e nas preferencias dos fans é Mercy de Madame Monsieur (Francia), que podería facer un top 3.

A prensa internacional aínda defende que ‘Lo malo’ era unha candidatura con máis pegada que a canción de Alfred e Amaia

O Reino Unido do Brexit hai lustros que non convence a Europa malia ser a factoría de boa parte dos éxitos radiofónicos e Alemaña viviu un espellismo en 2010 co ‘Satellite’ de Lena. Italia e España, pola súa banda, quedan nos inquéritos en terra de ninguén, entre o duodécimo e o décimo quinto postos e polo que atinxe a Tu canción, os xornalistas internacionais acreditados aínda defenden que malia a química que zumegan Alfred e Amaia e o bonitas que quedan xuntas as súas voces, Lo malo era unha candidatura con máis pegada.

Fans galegos veteranos de Eurovisión, que estes días se deixan notar en Lisboa, explican que os últimos dez anos trouxeron a eliminación do factor sorpresa que adoitaba acompañar a gran cita da canción. Eurovisión xa non é impredicible e as propostas que se van consolidando como favoritas na semana anterior adoitan certificar as súas opcións con moreas de puntos dos xurados e o televoto. Desta volta, a israelí Netta viña da casa como gran favorita co seu Toy, que vai pola liña de mandar os “chicos malos” a pastar. Unha vez en Lisboa, o Fuego de Foureira, o seu pelazo, os sintetizadores, a pirotecnia, foron gañando enteiros. "As bandeiras de Chipre están esgotadas e a xente encárgaas por Amazon", confesan os seareiros galegos.

Eurovisión defínese como un evento “apolítico”, pero todo é xeopolítica, máis aló dos votos

Mentres se escoitaba o mércores o Himno da alegría na Eurovillage, dúas mozas repartían pasquíns que pedían “zero points” para Netta no televoto. Trátase dunha campaña iniciada por cidadáns israelís que se opoñen “á ocupación e ao apartheid” en Palestina e que consideran que o Estado de Israel emprega Eurovisión para branquear a súa imaxe apropiándose de causas como os dereitos LGTBi ou das mulleres. Varios eurofáns consultados confirman que as mellores festas nos días previos en Lisboa foron as de Israel.

Eurovisión defínese como un evento “apolítico”, pero todo é xeopolítica, máis aló dos votos. A desta noite será unha final sen Rusia, un dos anatemas dos eurofáns occidentais. Nunca tal se vira desde que o xigante participa no certame. As friccións eurovisivas foron, son e serán e transcenden os “téñennos manía” ou “vótanse entre veciños” de rigor. O xoves á medianoite a Unión Europea de Radiodifusión (UER) anunciou que bloqueaba as emisións en China debido a que se censuraron as cancións da primeira semifinal de Irlanda —por un baile de dous homes— e de Albania —polas tatuaxes—. En décadas anteriores, países como Marrocos xa renunciaran a participar porque a UER non lles permitía aforrarlles aos seus televidentes as actuacións de Israel.

As apreciacións de Salvador Sobral, gañador de 2017, teñen enfadado a boa parte da parroquia festivaleira

O xornalista portugués Nuno Galopim está certo de que o festival da canción ten feito máis pola converxencia europea que as institucións. O festival é, di, unha “diplomacia de cancións” que conta a historia de Europa, do Tratado e Roma ao de Maastricht e máis aló. Mesmo lembra que E despois do adeus, a peza coa que concursou Paulo de Carvalho en 1974, foi a primeira seña da radio que desencadeou a Revoluçao dos Cravos. Neste 2018, Francia concorre cunha canción sobre o drama dos refuxiados.

Os eurodramas son o material do que está feito o alimento dos eurofáns e non hai edición sen eles. Estes días, as apreciacións de Salvador Sobral, gañador de 2017, teñen enfadado a boa parte da parroquia festivaleira: “Semella que nada mudou desde que dixen o ano pasado que a música é algo máis ca fogos de artificio”. Hai quen lle recoñece a Sobral que é un intérprete privilexiado que defendeu cunha personalidade inimitable unha exquisita composición da súa irmá, Luísa, mais insiste en que antes de ‘Amar pelos dois’ houbo gañadoras sobrias, especiais e cantadas con moito gusto. Que esa redución de Eurovisión a un ‘continuum’ de mamarrachadas non é senón prexuízo e certo clasismo.

Hai teimas que veñen de vello: as queixas de TVE cara á televisión organizadora á hora de afinar tecnicamente a actuación e as críticas dos medios especializados á delegación española,xa que —defenden— deberan chegar aos ensaios coa proposta máis definida; o monocultivo do inglés, a ditadura dos compositores e as producións escandinavas…

O xornalista Clas Svahn, da revista sueca Dagens Nyheter, preguntaba o xoves na sala de prensa por este último tópico. Canto mandan o suecos en Eurovisión? Como encaixa a comunidade de seareiros a existencia dun lobby que vende eurofórmulas a distintos países desde a Suecia de ABBA, Carola, Loreen ou Måns Zemerlow? Pois o certo é que hai quen bota de máis certa uniformidade de europop de marca branca cantado en inglés que podería proceder de calquera parte do mundo. É así coa canción ‘Bones’ de Equinox, por Bulgaria, ou a agora favorita ‘Fuego’ de Eleni Foureira, por Chipre.

Pola outra banda, tamén hai quen defende que Europa é precisamente iso: que unha cantante nacida en Albania e criada en Grecia, que inventou un apelido de sonoridade galegoportuguesa para evitar o estigma da súa procedencia e que é parella do futbolista murciano do Olympiacos Alberto Botía, poida gañar o Festival de Eurovisión cunha canción en inglés de produción sueca e título en castelán. Puro Fuego.

Comentarios