A luguesa Melania Cruz será Rosalía nunha nova serie de ficción da TVG

A produción, xa en fase de rodaxe, completa os filmes dedicados a mulleres célebres galegas
Melania Cruz
photo_camera Melania Cruz

Esta semana comezou a rodaxe na Coruña da miniserie Contou Rosalía, unha nova produción para a Televisión de Galicia, inspirada na figura da autora galega.

Ambientada no Madrid de mediados do século XIX, a propia Rosalía contará como foi a súa vida social, como viviu a súa paixón de escritora e o seu reencontro co historiador Manuel Murguía. Trátase da primeira ficción sobre a súa vida.

Dirixida por Zaza Ceballos, Contou Rosalía ten un equipo técnico principalmente galego e un reparto encabezado nos papeis principais pola luguesa Melania Cruz, interpretando unha Rosalía apaixonada e namorada, e por Fran Lareu, como Manuel Murguía, un personaxe de gran forza e carisma. No elenco interveñen amais Ledicia Sola, Alejandro Jato, César Cambeiro, Pepo Suevos, David Perdomo ou Celso Parada.


A serie presenta a unha escritora apaixonada e namorada do historiador Manuel Murguía, que encarna Fran Lareu


AMBIENTACIÓN. A ambientación desta miniserie, que amosa o lado máis íntimo da escritora, desafiando limitacións de todo tipo e en medio do clima conspiratorio do final da era absolutista, sitúase na Coruña, grazas a súa conservación de espazos arquitectónicos que permiten recrear espazos como o Pazo do Señor de Muros, o café do Oeste e as casas de Carmen e os irmáns Chao.

Contou Rosalía completa así un ciclo de ficcións producidas pola Televisión de Galicia protagonizadas por catro grandes figuras femininas da historia de Galicia: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e Juana de Vega.

Así, por exemplo, no ano 2012 a Televisión de Galicia estreou a tv movie A condesa rebelde, cinta baseada na figura de Emilia Pardo Bazán; intelectual, escritora e xornalista que abandeirou unha vida en igualdade de condicións que os seus coetáneos.A vida de Emilia Pardo Bazán estivo chea de escándalos e polémicas.

Amante dun grande da literatura, Benito Pérez Galdós, gozou da amizade de Víctor Hugo, de Unamuno e de Clarín, entre outros coñecidos escritores. Pioneira en case todas as facetas da súa vida, xa que foi a primeira muller en España que desenvolveu unha cátedra universitaria.

A miniserie sobre Rosalía é unha produción de Zenit Televisión, que conta coa participación da Corporación Radio e Televisión de Galicia e coa axuda da Agadic.

Comentarios