A mala historia

Cada vez máis materias de Humanidades vencellan os seus desenvolvementos á estatística. É o caso da Historia, tal e como defenden Jo Guldi e David Armitage nun 'Manifiesto por la historia' que vén de editar Alianza Editorial

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

Os críticos literarios somos xente rara, tanto que de cando en vez nin sequera temos afeccións relacionadas cos libros. A miña é a estatística. A dos números é a eterna maltratada do mundo das ciencias, a pesares de ser instrumental para todas elas. Sen estatística non existiría a medicina tal e como a coñecemos, tampouco a física. Non falemos da socioloxía ou a economía. E tampouco do deporte, onde só os ignorantes se empeñan en negar a súa capacidade para interpretar a realidade. O meu bo amigo —literario— George Bernard Shaw fixo moito dano con aquilo de que era a disciplina que di que se eu comín un polo e vostede ningún, os dous comemos medio polo.

A novidade coa estatística é que cada vez máis materias do mundo das Humanidades vencellan os seus desenvolvementos a ela, soa ou na compaña de arquivística, informática, etc. É o caso da Historia, tal e como defenden Jo Guldi e David Armitage nun Manifiesto por la historia que vén de editar Alianza Editorial.

Non é a primeira vez que len como me laio da deriva dos estudos históricos nas últimas décadas, atados a unha microhistoria absurda que en moi poucas ocasións logra acadar as alturas intelectuais dun Ginzburg, por poñer o exemplo máis senlleiro. Penso que ao lector pouco lle ler sobre mosteiros ou cabaleiros ignotos se iso non se relaciona con algo máis xeral. Se a iso sumamos o terríbel papel en España do relativismo cultural, capaz mesmo de evitar a construción dun relato consensuado sobre eventos do noso pasado recente, enténdese o desprestixio no que caeu a Historia.

Por sorte hai solucións e levan practicándose décadas: son as que os autores reivindican. Podemos dicir que a Historia será de "longa duración" ou non será. Ninguén pode escapar xa a Fernand Braudel e á necesidade de regresar aos grandes relatos para entender o noso pasado. Illar calquera acontecemento do seu contexto e afondar nel ata o exhaustivo só conduce á esterilidade intelectual.

E a carón da longa duración sitúase a estatística. Estamos a entrar na época do que se coñece como big data. No só cada vez temos máis números á nosa disposición senón que a nosa capacidade de procesamento está a piques de aumentar de xeito exponencial. Cada día saen mellores motores de busca e novas bibliotecas están á nosa disposición. Xa hai aplicacións que axudan a ler ao investigador e procuran a información que precisa, uns datos que ata hai ben pouco só se podían conseguir a base de horas e horas de lectura, normalmente co apoio dalgún esbirro ou secuaz se un era catedrático, xornalista prestixioso ou home/muller de posíbeis.

Coas dúas ferramentas, segundo Guldi e Armitage, a historia entra no século XXI mellor armada ca nunca e pode axudar á nosa civilización en distintas áreas: a económica, a ecolóxica e a social. Coa axuda da historia podemos evitar grandes crises económicas, moitos problemas climáticos e facer minguar as desigualdades económicas. Pero todo iso só será posíbel se os historiadores se unen e loitan contra un dos grandes males do noso tempo: o cortopracismo que invade as nosas tomas de decisións.

Os manifestos adoito son contundentes e breves: unha chamada á a acción sen moitas máis explicacións. A contundencia deste libro está fóra de toda dúbida pero o molde utilizado dificilmente coincide co do manifesto. Demasiado longo, coas súas notas a pé de páxina e quizais dirixido a un colectivo demasiado pasivo. Os homes (e mulleres) de letras, por moito que non nos guste escoitalo, andamos lonxe de saír das bibliotecas (os que aínda van a elas) e cambiar o mundo. Nin sequera somos parte dos aldraxados, humillados e ofendidos.

Poucos aprenden e utilizan as leccións da historia e aínda que estas cambiasen é probábel que esa situación non se modificase. En realidade o papel social do historiador pode chegar a ser moi politicamente incorrecto e, con manifestos ou sen eles, o longo prazo, a estatística e a estratexia non están de moda nin semella que o estarán nestes tempos convulsos.

Comentarios