Mestre e amigo

O investigador da obra de Manuel María Camilo Gómez Torres non dubidou cando tivo que decidir o tema e autor da súa licenciatura
Pablo Rubén Eyré, Manuel Anxo Taboada e Manuel María nunha xornada sobre as Letras Galegas 1983 en Monforte
photo_camera Pablo Rubén Eyré, Manuel Anxo Taboada e Manuel María nunha xornada sobre as Letras Galegas 1983 en Monforte

A COMEZO de 1959 Manuel María instálase en Monforte por mor do exercicio da súa profesión de procurador dos tribunais. Mais, como o traballo é incialmente escaso, imparte clases de Literatura nas academias que en Monforte preparaban aos alumnos e alumnas que cada mes de xuño (e tamén de setembro) se presentaban aos exames de bacharelato para alumnos libres nos institutos Masculino e Feminino, de Lugo.

Nunha das academias monfortinas coincidimos. Cando eu preparaba 4º curso de Bacharelato na academia Monforte, tiven a fortuna e o privilexio de telo como profesor de Literatura Española. E despois dos nove meses de curso, algunhas cousas cambiaron definitivamente para min. Se nos tres cursos anteriores as miñas preferencias académicas se centraban na área das ciencias e, fundamentalmente, nas Matemáticas, asignatura que me agradaba e que me custaba pouco preparar, a partires do curso no que o tiven como profesor, as miñas preferencias viraron radicalmente, centrándose xa para sempre na literatura. A paixón e mais o amor cos que Manuel María nos falaba dos escritores e das súas obras deixaron unha intensa e fonda pegada en min e, certamente, mudaron as miñas preferencias e gustos. El foi, sen sabelo, o meu mestre e guieiro nos anos seguintes na lenta pero progresiva aproximación á literatura galega.

Anos máis tarde, cando tiven que decidir o tema e autor da tese de licenciatura na facultade de Filosofía e Letras de Barcelona, na que fixen os estudos universitarios, non o dubidei: Manuel María sería o protagonista. Nas aulas de Historia da Literatura Galega, Portuguesa e Brasileira Contemporánea, que impartía o profesor Basilio Losada Castro, afirmouse a idea de estudar a súa poesía, estudo introducido por uns breves apuntes biográficos, que fun recollendo nas longas conversas que mantiven con Manuel María na súa casa e tamén súa libraría, nos períodos vacacionais de 1970 e 1971.

Por entón, Manuel María xa inaugurara e tiña aberta a Libraría Xistral, sita nas Galerías Fontecha de Monforte, libraría que se convertera no noso lugar de encontro, conversa e debate durante os meses de agosto, tempo das miñas vacacións laborais.

Por fortuna, o profesor Xosé Manuel Blecua, responsábel do Seminario de Lingua e Literatura españolas da facultade, era o titor dos meus plans de estudo e non só aceptou que o miña tese de licenciatura tivese a vida e obra poética de Manuel María como tema, senón que tamén me permitiu presentala e defendela en galego, feito que aconteceu o 23 de xuño de 1972.

E rematados os estudos universitarios, retornei a Monforte. A amizade que xa por entón nos unía medrou e acrecentouse. Durante os anos que traballei como profesor de Lingua e Literatura no Colexio dos Mercedarios, de Sarria, todas as semanas ía dúas ou tres tardes ate a libraría para conversar con el e máis con Saleta, a súa dona. Nestes encontros e xuntanzas semanais, ademais de comentar e debater os acontecementos máis relevantes do día ou da semana, el facilitábame orixinais dos poemarios que ía escribindo e das diversas colaboracións xornalísticas que ía achegar aos medios.

Mais, cando me incorporei ao Instituto Masculino, de Lugo, e me trasladei a esta fermosa e bimilenaria cidade, na que dende entón resido, os nosos encontros semanais adiáronse, pero a amizade mantívose. Na distancia, seguín a recoller datos e a traballar sobre el e a súa obra, sabedor de que no futuro centraría na súa obra literaria, preferentemente a poética, a miña tese de doutoramento.

E así foi. O día 19 de maio de 2000 presentei no Departamento de Filoloxías Francesa e Galego-Portuguesa, da Universidade da Coruña, a miña tese de doutoramento, dirixida pola profesora Mª Pilar García Negro, tese intitulada Manuel María: poesía, traballo lingüístico e traballo cultural. Varios eran os eixos da aproximación ao seu vivir e ao seu crear e laborar: o biográfico, o poético, o sociolingüístico e o da divulgación cultural.

Nos anos seguintes aos da lectura e defensa da tese, foron aparecendo publicados algúns dos estudos nela contidos: a súa biografía (Manuel María: os traballos e os días, en 2001), a súa bibliografía (Bibliografía de Manuel María, en 2003) e o estudo sociolingüístico (O tempo vital de Manuel María. Crónica sociolingüística, en 2005).

"Cando tiven que decidir o tema e autor da licenciatura, non o dubidei: Manuel María sería o protagonista"

Mais, o relatorio do seu tan inmenso como xeneroso traballo de divulgación cultural e mais o estudo da súa poesía, eixo e núcleo da tese, non atoparon editor.

Neste 2016, ano no que lle dedicamos o Día das Letras Galegas, aparecerá o estudo da súa obra poética, publicado pola Fundación Manuel María, estudo ao que incorporamos os comentarios dos poemarios que dende o ano 2000 foron aparecendo. É a nosa humilde contribución a esta homenaxe colectiva da que é verdadeiro merecedor.

Acredita nese merecemento a súa inmensa e maxistral obra poética, tanto temática como estilisticamente; as súas obras dramática e narrativa, dunha recoñecida valía e con aportacións de probada excelencia; as súas obras ensaística e xornalística, vizosas e testemuñais da súa grande capacidade analítica e da súa sabedoría e coñecemento de Galiza; o tan xeneroso como impagábel maxisterio de centos de actos culturais nos que cantou e nos achegou ás singularidades culturais, literarias e históricas de Galiza; o seu vivir, sinxelo, humilde, limpo e nidio coma un mencer primaveral ou un solpor outonal; e as excelencias da súa paradigmática entrega e amor a Galiza e a todas e todos nós, as galegas e galegos de ben, que nos recoñecemos e nos identificamos coa obra e o vivir dun home sinxelo e bo, humilde e xeneroso, demócrata e nacionalista, tolerante e comprensivo, e paradigma e símbolo dos mellores e máis dignificantes valores humanos.

Comentarios