"Manuel María tíñase por labrego con algo de poeta"

Mercedes Queixas publica para a editorial Galaxia unha biografía do autor de Outeiro Rei a quen se lle dedican as Letras de 2016. A súa viúva, Saleta Goi, o crego Alfonso Blanco, Margarita Ledo, Lois Diéguez ou Luz Pozo Garza participan neste ensaio "coral"
Manuel María
photo_camera Manuel María
Cantas veces terá alguén cantando un poema de Manuel María crendo que é unha copla popular e non obra de autor? Sucede a cotío con pezas musicadas como O carro ou O aradiño de pau e a autora Mercedes Queixas, que vén de publicar para Galaxia unha biografía do autor de Outeiro de Rei, considera que é unha mostra de que Manuel María, foi "un autor asimilado e querido".

Queixas sitúa a pegada de Manuel María —a quen este ano a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras— a carón dalgúns dos máis importantes autores de Galicia, como é o caso de Rosalía, cuxas composicións pasaban tamén por populares, e despois "Curros Enríquez e Celso Emilio".

Esta autora acolleu o convite da editoral Galaxia para compoñer unha biografía de Manuel María logo de se ter achegado á súa obra, sobre todo á lírica, como investigadora, co propósito de buscar as temáticas e "concretar ideas" sobre un corpus poético inxente, con máis de 50 volumes publicados "en vida e post mortem".

Nesta viaxe, Mercedes Queixas quixo reflectir máis voces cá súa. Así, acudiu a Saleta Goi, viúva de Manuel María, "a muller que se sacrificou para que el escribise, viaxase e participase en foros", e para quen a ensaísta só ten boas palabras. Están tamén os pensamentos de Alfonso Blanco Torrado, o crego de Xermolos de Gutiriz, amigo e colaborador; amais de Lois Diéguez, compañeiro nos anos de Monforte; Pepe Estévez, profesor na Universidad del País Vasco e esencial na "fortísima ligazón con Euskadi" do poeta; Pilar García Negro, "compañeira no compromiso político", e Margarita Ledo Andión e Luz Pozo Garza, dúas autoras que comezaron a publicar en galego grazas a man que lles tendeu Manuel María.

"Pretendo que sexa este coro o que nos conte quen foi Manuel María", sinala a biógrafa.

Para Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004), no principio foi a orixe e a súa está nun fogar labrego "de bon (sic) pasar", dicía el da casa de Hortas que agora funciona como sede da fundación que leva o seu nome. "Malia que despois non tivo un traballo de ter as mans na terra, para el esta sempre foi a súa identidade", apunta Mercedes Queixas.

"Manuel María era un labrego con algo de poeta", enfatiza Queixas, que cita un verso do propio autor, tirado do poema ‘Carné de identidade’ —"é toda unha declaración de intencións"— que ela escolleu como título para a biografía que está xa nas librarías.

Nos anos de formación destaca a figura dun tío cura —párroco en San Froilán de Lugo e profesor de Filosofía no Feminino— que se erixe no seu protector logo de finarlle o pai e que posibilita que Manuel, o máis vello, sexa o único dos irmáns que puido estudar.

A educación relixiosa frutificaría máis adiante nunha colaboración cos movementos cristiáns de base e as romarías labregas. "Asume unha relixiosidade popular, máis próxima ao panteísmo e relacionada co culto á terra".

Nos anos de Lugo o mozo axudaba como sancristán e tivo acceso á biblioteca do tío, "inzada de obras teolóxicas e filosóficas" e tamén "ás tertulias do Méndez Núñez", nas que coincide con personalidades que o marcarán como Luis Pimentel.

Logo de ter que frustar o desexo de cursar Filosofía e Letras segue estudos por libre ata que acada a praza de procurador en Monforte. Aínda así, a familia vive con restricións e a posta en marcha da librería Xistral na cidade do Cabe supón "un sustento fundamental". É Saleta Goi quen se fai cargo do negocio. "Aínda hoxe lle leva a ela toda a idea; di que cando pasea pola Coruña só ten ollos para os escaparates das librerías".

Queixas sostén que a forza de Manuel María, "o seu amor á terra, á tribo, á lingua" se exemplifica no feito de que a súa obra resistiu importantes contratempos. "Foi un autor que tivo que recorrer aos galegos do exilio para publicar, porque aquí non podía, e que despois foi minusvalorado polo seu compromiso político frontal, partidario [foi edil da AN-PG en Monforte], e por ser considerado demasiado popular".

Comentarios