domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

Marchas na rúa por unha 'Galicia con futuro' que empregue a súa lingua

Marcha a favor do galego en Santiago
Marcha a favor do galego en Santiago
Centenares de galegos saíron en diferentes cidades e vilas convocadas pola plataforma Queremos Galego

Centenares de galegos participaron este domingo en distintas marchas polas principais cidades e vilas, auspiciadas todas elas pola plataforma Queremos Galego, co obxecto de levar á rúa a importancia de reivindicar a utilización da lingua propia para ter unha Galicia con futuro. Unha das protestas é a que se celebrou en Compostela, onde neste Día das Letras Galegas, os participantes lembraron que sen empregar o idioma de Castelao e Rosalía "non se pode camiñar".

É o que reflectiu o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, e é este a mesma mensaxe que se repetiu en Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, así como noutros municipios, enmarcada tal reivindicación en concentracións, manifestacións e, mesmo, en actos lúdicos. Maceira expuxo en Santiago a necesidade de seguir saíndo á rúa para "defender o idioma", tras seis anos nos que "desde a Xunta de (Alberto Núñez) Feijóo" impulsáronse políticas "radicalmente contrarias á lingua".

O portavoz de Queremos Galego criticou a ambigüidade de que haxa persoas "que habitualmente atacan á lingua galega" na súa actividade institucional e, en cambio, nunha xornada como a de hoxe, reivindícana. Fixo unha alusión expresa ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "se esquece" a diario do idioma e da sociedade galega, e que utiliza, paradoxalmente, un día festivo, para "repor forzas e enerxía" e garantir cada 17-M que traballará a favor do idioma e para dar visibilidade á "literatura, o teatro e a cultura propia".

Esta acción reivindicativa, na que houbo esta chiscadela irónica, partiu da Praza de Pratarías para bordear, a continuación, boa parte da zona vella. Nela participaron membros do panorama asociativo e cultural galego, xunto a organizacións como Galiza Nova, Os Comités e a Liga Estudantil. No percorrido da protesta, que comezou pasadas as doce do mediodía, coreáronse cánticos como Na Galiza en Galego, O Galego ten futuro e Queremos Galego.

Ademais das habituais bandeiras, na concentración tamén se puideron ver pancartas cos rostros dalgúns dos máximos expoñentes das letras galegas, como Rosalía de Castro ou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Ao final, deuse lectura a un manifesto e a coral Solfa de Fontiñas interpretou pezas das obras máis representativas da literatura de Galicia. Entre os asistentes a esta protesta, contábanse representantes da política autonómica, como os deputados Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG), Xabier Ron (AGE) e Ana Pontón (BNG).

Ademais, a unha semana das eleccións municipais, tamén participaron na manifestación os candidatos á Alcaldía de Santiago Paco Reyes (PSdeG), Rubén Cela (BNG) e Martiño Noriega (Compostela Aberta). O cabeza de lista de Compostela Aberta estivo presente, igualmente, nunha solta de libros polas rúas da capital galega para reivindicar a lingua como "tradición" e "memoria do que somos todos os galegos", un idioma que hai que empregar cun "sorriso, para ser, para existir e para vivir".

Neste sentido, Noriega lembrou que o programa da súa candidatura recolle "medidas de protección e de fomento do idioma" para que, deste xeito, Santiago volva ser un "símbolo de galeguidade". Ademais, lembrou que Compostela Aberta e Anova, da que é coportavoz, defenden o idioma galego "este día e todos os días do ano". O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, acudiu á protesta que se celebrou en Vigo.

Marchas na rúa por unha 'Galicia con futuro' que empregue a súa lingua
Comentarios
ç