María Rúa: "O éxito do consumo rápido é algo sobre o que debemos reflexionar"

A inclusión de realidades non novas, senón descoñecidas para o grande público, así como a utilización da lingua galega nos novos formatos serán as dúas grandes temáticas da última charla de En3vistas deste ano. E Nee Barros, Éric Dopazo e María Rúa, as persoas elixidas para poñer voz –e luz– sobre elas.
María Rúa. TWITTER: @rua_prado
photo_camera María Rúa. TWITTER: @rua_prado

María Rúa, coñecida como Prado Rúa nas redes, é unha das –por sorte– tantas novas comunicadoras en galego que están a traer consigo formatos de rigurosa actualidade como Tiktok ou Youtube. Porque a lingua, claro, necesita referentes en todos os eidos.

Recibiu con ilusión esta invitación?
Si, por suposto. Todas as propostas que me fan sempre as acollo con moita ilusión. Ademais, ao Concello de Pontevedra quérolle ben.

Comentou nalgún vídeo que recibiu algunhas críticas por parte dalgúns galeguistas polo uso dos novos medios.
Tiven algunha mala experiencia. Pensas que ese tipo de xente está do teu bando, pero hai que ter en consideración que non todo o mundo está aberto a novas formas de comunicación. Consideran que as redes sociais, en concreto o Tiktok, son menos importantes. Se menosprezas á xente nova que está intentando facer cousas diferentes, chegar a máis persoas, deberías revisar o teu discurso.

Hai que ter en conta que non todo o mundo está aberto aos novos medios de comunicación

Sempre tivo claro que o seu salto aos novos formatos, ás redes sociais, ía a ser en galego ou axudou ese afán por reivindicar a propia cultura?
Eu son galegofalante, entón non lle vería sentido a facelo noutra lingua. É parte da miña identidade. Para min, é un signo moi importante desta identidade, e pola cuestión reinvidicativa penso que tamén van da man. Eu fago os vídeos en galego porque son galegofalante, é a miña lingua materna, pero si que é certo que é unha das cousas que quero reivindicar.

O seu maior éxito é en Tiktok. Isto foi unha cuestión casual ou causal? Xa decidira apostar máis por Tiktok antes deste éxito ou foi consecuencia del?
No Tiktok síntome máis cómoda, digamos que é máis rápido. Ten os seus pros e os seus contras. Pero si: é certo que no Tiktok chego a máis xente. No Youtube penso que chegaba máis a xente do meu círculo, ou da miña ideoloxía. Creo que son dúas opcións que dependendo do contido que queiras crear, do formato que queiras seguir, pois están ben, pero agora penso que está máis de moda o Tiktok pola rapidez do seu formato e da propia sociedade.

O éxito do consumo rápido.
Si, tamén habería que reflexionar sobre o ben que nos fai. Porque eu tamén considero que boto demasiadas horas no Tiktok e xa non por buscar ideas, senón por aburrimento. Debería haber un control.