martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

URXENCIA: DOUS ANOS VARADOS EN GRECIA SEN NADA

María Santiago: "Os refuxiados viron tres mortes: en Siria, no mar e aquí en Europa"

María (segunda pola esquerda), con varios voluntarios e unha familia de refuxiados sirios
María (segunda pola esquerda), con varios voluntarios e unha familia de refuxiados sirios
Estudante de Medicina, esta moza burelá de 22 anos traballou no verán como voluntaria no campo de refuxiados das Termópilas gregas

"Alí vives unha situación de urxencia, sintes a frustración de saber que pode que estean anos sen lograr continuar coa súa vida. Eles sempre din que acaban de ver tres mortes: unha en Siria pola guerra, outra no Mediterráneo e outra en Europa. E só piden volver comezar". Así define a situacións dos refuxiados sirios María Santiago, unha burelá que axudou durante este verán nun dos campos instalados en Grecia.

"Levaba todo o ano vendo as noticias e sentía a necesidade de poder ir alí e acompañar esa xente, intentar poñer un pouco a balanza cara o outro lado", conta esta estudante de medicina que volvía en xuño dunha estadía Erasmus en Bruselas. 

Por moi complexo que semelle o proceso para ir ata alí axudar, María resúmeo rapidamente. "É moi fácil. Simplemente entras na páxina de Facebook ‘Bienvenidos Refugiados Voluntariados Grecia’. Alí publican todas as noticias do que fai falla en cada momento e onde. Simplemente é estar ao tanto e mirar os billetes con antelación", explica.  No seu caso contou coa orientación de SOS Dreams, unha das moitas asociacións que axudan a xestionar o voluntariado. "Permitiunos o acceso ao campo, mais tamén podes rexistrarte como voluntaria independente como fixen eu", apunta. 

"Neste caso, o campo era un dos máis afortunados. Foi curioso porque é un sitio moi turístico e cando viña xente non sabían que iso existe. Está illado de todo"

DESTINO. O campo de refuxiados ao que asistiu ela era un habilitado nas Termópilas gregas. As instalacións ocupan dous edificios dun hotel abandonado que foi reformado para acoller familias de nove membros en cada un dos cuartos. Os residentes durmen e comen dentro destas antigas habitacións de hotel, reconvertidas en fogares improvisados. O campo contaba con baños públicos para as 400 persoas que viven alí. 

"Neste caso, o campo era un dos máis afortunados. Foi curioso porque é un sitio moi turístico e cando viña xente non sabían que iso existe. Está illado de todo para que molesten o menos posible dentro da organización da cidade, para que ninguén saiba que están alí agochados" , indica a burelá. 

Aparte da vintena de voluntarios, o estado grego asigna persoal para que custodie o campo e xestione a parte burocrática do mesmo. "En última instancia son eles os que permiten ou denegan permisos e organizan o reparto de comida e roupa. De vez en cando tamén viñan médicos, que fan moita falla", destaca Santiago. 

TAREFAS. Durante un mes, o día a día desta moza galega comezaba sempre por unha reunión matutina co grupo de voluntarios para poñer en común o plan diario. Logo, e debido á súa formación sanitaria, acudía á consulta médica do campo para axudar ao doutor. "A miña función era, sobre todo, elaborar as historias clínicas. Falabamos coa xente e intentabamos rexistrar que enfermidades tiñan e que tratamento había que subministrarlles porque pararan de tomalo ao deixar Siria.Teciamos o vínculo entre eles e o estado grego", comenta. 

"A miña función era, sobre todo, elaborar as historias clínicas"

Ademais da falta de recursos, un dos maiores problemas no campo, habitado na súa grande maioría por cidadáns sirios de etnia chiíta, sunita ou kurdos, eran as barreiras lingüísticas. "Non teñen nin idea de grego ou inglés. Só saben árabe", afirma María.

É por este motivo polo que, durante a tarde, a súa principal tarefa consistía en axudar a construir unha comunidade autoxestionada entre os refuxiados. "Creamos unha pequena escola onde eu ensinaba francés e tamén inglés. Ao final dinlle o relevo a unha moza siria porque os voluntarios vimos e vámonos e trátase de que perdure no tempo", narra. 

Respecto aos residentes do campo, María só garda boas palabras. "A xente alí era súper aberta, humilde e hospitalaria. Non tiñan absolutamente nada e dábannos de comer co pouco que lles daban os gregos. Ao final, os refuxiados son cos que faciamos o día a día, compartiamos vida con eles. Moita era xente da miña idade que tivo que deixar de estudar pola guerra e ao final decátaste de que son igual ca ti se pasases por unha situación similar", recoñece. 

"Moitas veces pensamos que os gobernos teñen todo o peso, mais nós tamén podemos marcar a diferencia"

VOLTA. Unha vez de novo na casa, Santiago admite que o retorno non foi fácil. "Parece que estás vivindo en Matrix. Alí vives unha realidade e, unha vez de volta, é difícil transmitir a urxencia da situación porque o tempo mídese doutro xeito aquí", explica. 

"A xente non é mala, mais non coñece o que pasa nin sabe como axudar. Por iso diríalle a todo aquel que queira axudar que non se resigne porque é fácil e calquera pequeno xesto xa é moito para eles. Moitas veces pensamos que os gobernos teñen todo o peso, mais nós tamén podemos marcar a diferencia e darlles voz, que se saiba que seguen alí, agardando", conclúe a voluntaria.

María Santiago: "Os refuxiados viron tres mortes: en Siria, no mar...
Comentarios