TEST. Pecados confesables. "Non me arrepinto, aprendo. E pido perdón se é necesario"

María Solar: "Chegar ós lectores sen renunciar ó galego é o máis bonito do universo"

A escritora, Premio Lazarillo 2015, vive con ilusión a traducción de 'O meu pesadelo favorito' ó castelán e catalán
María Solar, escritora
photo_camera María Solar, escritora

A historia de Manuel, o protago nista de O meu pesadelo favorito, xa se pode devorar en castelán e dentro de moi pouco chegará ás librarías tamén en catalán, da man da editorial Gromera. Cóntao ilusionada a súa autora, para quen 2015 é o ano das traducións. ''Eu vivo isto cunha ilusión tremenda. Os escritores que apostamos por escribir en galego temos complicada a traducción. Non é fácil abrir portas'', explica María Solar. ''Ademais de O meu pesadelo favorito, saíu A verdadeira historia da mosca da tele con Anaya en castelán e vai saír tamén en catalán. Que poidas chegar a moitos lectores sen ter que renunciar ó galego é o máis bonito do universo'', engade.


Como se le sendo traducida?
Estou moi contenta da tradución que fixo Mercedes Pacheco ó castelán, da edición de Siruela. É unha editorial moi especial, coida moitísimo o produto. Na colección das Tres Edades están títulos como El mundo de Sofía, Caperucita en Manhattan... Simplemente poder estar con eses nomes, co meu libro aí, é moi emocionante. Di que escribe en galego porque non lle sae doutra maneira. Si. Por algunha razón que se me escapa éme moito máis doado escribir en galego. Ó final o que ten que primar é a literatura, o idioma é o de menos. Eu escribo en galego, que logo che traduzan a outros idiomas ou te lean noutros idiomas é perfecto. O que ten que primar é o produto que estás escribindo. Logo temos grandísimos tradutores. Creo que é mellor que che traduza algunha persoa porque ó ser linguas en contacto podes ter dúbidas. Por outra banda, léome en castelán e léome feliz.

''Por algunha razón que se me escapa éme moito máis doado escribir en galego. Ó final o que ten que primar é a literatura, o idioma é o de menos''

Seica foi o Premio Lazarillo o que lle abriu esas portas a outras linguas.
O Premio Lazarillo é coñecido en Galicia, pero cando chegas a Madrid ves a importancia que se lle dá alí. Gañárono autores como Ana María Matute. E si, o Lazarillo abre moitas portas. Deseguida chámante as editoriais para publicar o libro. Eu puiden escoller entre varias. Logo convidáronme os reis á comida do Cervantes deste ano. E eu pensaba, que leven un autor dunha lingua do estado que non é o castelán, que ademais fai literatura infantil, coido que é un recoñecemento importante, para a literatura galega, para a literatura infantil... Precisamente, en O meu pesadelo favorito rende homenaxe á escritora Ana María Matute. Cando morreu Ana María Matute cheguei a casa esa noite e púxenme a escribir. Creei un personaxe que era o vendedor de olores e chameino Arsenio Matute. Fíxeno coma unha humildísima homenaxe á autora. Despois entereime de que este ano cúmprense cincuenta anos desde que Ana María Matute gañara o Premio Lazarillo. Pareceume que quedou todo tan redondo! Que 50 anos despois de que ela gañara, e cando acaba de falecer, haxa un personaxe dedicado no novo Lazarillo... Creo que é unha desas cousas máxicas que acontecen ás veces.

A historia de Manuel, como os seus libros anteriores, non é só para nenos.
No audiovisual está absolutamente superado todo iso. Ti vas ver unha película para todos os públicos e non llo explicas a ninguén. Vas ver unha peli dirixida a distintas xeracións e punto. Eu sempre traballo con niveis de lectura. Se o teu neno le contigo un libro meu el vai ver unha aventura máis ou menos divertida e ti collerás outras claves en distintos momentos que te achegarán máis o mundo dos adultos, ós sentimentos... Sempre xogo con iso. Hai que volver ver a literatura infantil como algo para todos os públicos.

Inspírase nos seus nenos ou en rapaces e rapazas do seu entorno para crear os seus personaxes?
Funciono moito por instinto do que lle pode gustar ós nenos e logo todo o que me pasa na vida me serviu para algo. Cando escribín A verdadeira historia da mosca da tele acordeime da miña viaxe de lúa de mel a Cuba. Lembro que había unha mosca no avión. Cando se abriu a porta do avión e a mosca saíu, do golpe de calor deu a volta para atrás. E fixen un conto sobre iso. Miña nai contábame un montón de historias de meigas, lendas... E escribín As meigas de Lupa. Cando visito os coles sempre lles digo ós nenos que teñen que ter coidado co que lle contan ós escritores, porque logo o contamos todo nos nosos libros. Lembro a noticia do nacemento de dous cans verdes en Valladolid. En Mi pesadilla favorita hai dous cans verdes... Todo serve.


Aí saca a xornalista que leva dentro...
E á bióloga! Todo o que viviches está en ti. Na historia de Manuel falamos de personaxes especialmente tenros. Cando empecei a escribir este libro tiña moi claro que quería facer unha historia con dous planos, un que se refire ós soños e outro á realidade. Eu quixen crear unha realidade moi absurda e o plano dos soños o que me permitiu foi ter moita liberdade no plano da fantasía.


Hai en O meu pesadelo favorito unha repartidora de bicos moi especial...
Practicamente en todos os meus libros hai unha clave de humor, pero cando vas aprendendo a escribir vaste soltando no plano dos sentimentos. Quería levar á xente a que dentro deste riso lles estrañaran un pouco os sentimentos. Creo que pasa co vendedor de olores e coa repartidora de bicos. Cando a traduciron ó castelán, Mercedes Pacheco chamoume para dicirme que chorara nese capítulo, e cando María Lires fixo as ilustracións, igual. Un adulto fai unha lectura aí un pouco máis intensa que os rapaces. O que queres conseguir é que a xente leve un sorriso co libro pero que nun determinado momento se emocione tamén. Esa é a literatura grande.

''Son moi pouco mitómana. O que si me pasa é que me gustan moitos autores e incluso se me olvidan moitos, pero quedo cos sentimentos que che producen os contos''

Que hai de María Solar nestes personaxes?
De todo. A ciencia está presente, a curiosidade... Eu son moi curiosa. Ese espertar dos sentimentos... Eu son unha persoa cariñosa. Hai moito de min. Ó mellor é o libro no que hai máis de min.


Que libros lle marcaron a vostede na nenez, ou que autores son os seus referentes?
Son moi pouco mitómana. O que si me pasa é que me gustan moitos autores e incluso se me olvidan moitos, pero quedo cos sentimentos que che producen os contos. Encantoume de pequena O Principiño, e algúns libros de Verne. Fun lectora de pequena de literatura infantil en galego. E despois inflúenme desde os xornais ata unha conversación.


Tamén fai referencia a Alicia no país das marabillas.
Fíxena adrede, pero esta Alicia ela mesma di que non é como a outra. A outra é unha nena ben, esta é unha nena pobre, vítima de explotación infantil, é unha nena cariñosa que está protexendo a Manuel. Coido que Alicia é unha das obras máis grandes da fantasía. Esa homenaxe si o ten, pero Alicia é diferente. Este libro, que ten ese humor, ese absurdo, eses soños e ese sentimento, ó mesmo tempo non é un libro que evita as cousas malas: fala de morte, da ausencia dos seres queridos, de nenos que se senten diferentes e están sendo tratados como raros. Creo que hai que ser valente e enfrontarse tamén os temas ‘feos’.


É licenciada en Xornalismo e en Bioloxía e tamén fixo Maxisterio. Que está a estudar agora?
Agora non estou estudando. O que estou facendo é documentarme para unha novela que quero escribir. Son unha persoa moi cabezona e moi ríxida comigo mesma e dáme medo meter a pata. Levo demasiado tempo documentándome para unha novela que espero escribir este verán.


Para nenos tamén?
Esta teño moi claro que é xuvenil. Teño unha para adultos que espero que vexa a luz o ano que vén. A min o que me pide a idade para a que van é a historia. Esta historia na que os protagonistas son nenos e que conta un feito histórico moi relevante quero rescatala para os adolescentes. Teño só oito páxinas escritas pero aí estamos... De todas maneiras non sinto a necesidade de pasarme á literatura para adultos. Estou feliz na literatura infantil.

''Para min a vida é o xornalismo e a comunicación. O que me pasou é que encontrei outra vía de comunicación nos libros. Pero é todo o mesmo. Na radio, na prensa, na tele... O que fas é relacionarte cos demais contándolles historias''

Non podemos esquecer a súa faceta de comunicadora. É un dos rostros habituais da Galega e ten importantes premios.
Para min a vida é o xornalismo e a comunicación. O que me pasou é que encontrei outra vía de comunicación nos libros. Pero é todo o mesmo. Na radio, na prensa, na tele... o que fas é relacionarte cos demais contándolles historias. Nos libros fas historias que son inventadas, pero esa comunicación dalgunha maneira é a mesma. Hai parte que se estuda e parte que non. Ou a tes ou non a tes. Ou comunicas ou non. Eu non entendo un libro como contar unha historia e queda aí. Cando falo na tele fálolle a persoas e na radio igual. Incluso busco unha intención. É como eu o vivo. Ó final son todo facetas de algo moi próximo.

Agora mesmo está facendo a Revista da fin de semana na TVG, un programa que lle permite coñecer a personaxes distintos e profundizar nas súas historias, non si?
É moi bonito. E, sabes que pasa? que che abre as portas a darlle tempo a cousas que igual nun informativo non ten encaixe. Na Revista entran todos eses temas, podes coñecer a moita xente. Eu levo 18 anos dedicados ó xornalismo, teño chorado, emocionado, teño rido... Ó final non son mitómana das grandes figuras pero si quedo coas historias persoais. Dúas veces cheguei a emocionarme pero de que me caeran as bágoas, cun home que estaba agardando un trasplante e cunha das fundadoras das nais da Praza de Maio. Hai historias que te axitan.


Se non fose xornalista, a que se dedicaría?
Bióloga, case seguro. Ou investigadora. Bióloga máis que de dar clase de estar en laboratorios. Ser mestra é outra maneira de comunicar. Si. É certo. Eu sempre estudei e traballei. Empecei de actriz de dobraxe estudando Maxisterio. Din clase unhas semanas nun cole por unha substitución. Logo metínme en Bioloxía e cando estaba rematando entrei en Radio Compostela. Despois chamáronme para facer unha proba na Galega. Cando fixen Xornalismo levaba anos como xornalista.


Como xornalista, que lle preguntaría a María Solar?
Un mesmo non se ve coa distancia suficiente como para autoentrevistarse pero si sei o que non me preguntaría... Iso de cando vas dar ó salto á literatura para adultos?

Comentarios