Mein Kampf

Este libro consiste nunha combinación de escrito autobiográfico —cheo de lagoas e falsidades— até 1918, de crónica da andaina do NSDAP durante os seus primeiros anos, e de libelo político, cuxas pretensións teóricas se ven desmentidas, ao longo das súas páxinas, por un estilo pouco coidado, leituras pouco sistemáticas e un ton, desleixado e panfletario
Adolf Hitler e Helga Goebbels
photo_camera Adolf Hitler e Helga Goebbels

LOGO DE ser xulgado por sedición e condeado a unha lene condea de cárcere pola súa participación no tento de golpe de Estado de novembro de 1923 en Múnich, o excombatente, antigo soplón da policía muniquesa e despois carismático líder político Adolf Hilter concibiu a idea de elaborar unha ambiciosa obra onde expór o programa político do seu Partido Nacional-Socialista Alemán dos Traballadores (NSDAP), aínda minoritario, e mais a súa biografía. Para iso, aproveitando as benignas condicións da súa curta estadía na cadea de Landsberg, escribiu a máquina o primeiro volume do libro que se habería chamar finalmente ‘A miña loita’ (‘Mein Kampf’), que sería editado no xullo de 1925. O segundo volume, que ditou ao editor Max Amann, foi elaborado pouco despois, ao ser ceibado antes de tempo, e apareceu no decembro de 1926 na editorial de Amann. Hitler chegou a escribir no 1928, o rascuño dun segundo libro do ‘Mein Kampf’, que porén non chegou a ver a luz na súa vida, o ‘Segundo libro de Hitler’.

Nesa obra, a que xa era a grande promesa política da nova dereita radical antisemita alemá, marcaba o seu territorio fronte aos seus competidores nese ámbito, sentaba os alicerces do que sería unha forte ascensión cara ao poder, e expuña nun estilo direito e agresivo a doutrina do NSDAP; tamén incluía a súa propia cosmovisión persoal. E, non menos relevante, o primeiro volume expuña sobre todo a súa autobiografía, que presentaba como unha sorte de camiño de descoberta da nación, destinado a ceibar Alemaña dos seus inimigos internos e externos e soerguela da postración da derrota de 1918. Ao pouco tempo da súa aparición, ‘Mein Kampf’, nomeadamente o seu primeiro volume, habíase converter nun éxito de vendas, que acadou un notábel eco durante os anos da República de Weimar. Logo de conquistar o poder e ser nomeado chanceler o 30 de xaneiro de 1933, a obra coñecería varias reedicións, deviría en libro de leitura case obrigada para millóns de familias alemás, moitas das cales conservaron o libro nas súas bibliotecas privadas. O propio Hitler acugulou unha fortuna persoal grazas aos dereitos de autor da obra, coa que eran dotadas bibliotecas públicas e agasalladas as parelllas recén casadas.

‘Mein Kampf’ é unha sorte de palimpsesto multiforme. Basicamente, consiste nunha combinación de escrito autobiográfico —cheo de lagoas e falsidades— até 1918, de crónica da andaina do NSDAP durante os seus primeiros anos, e de libelo político, cuxas pretensións teóricas se ven desmentidas, ao longo das súas páxinas, por un estilo pouco coidado, leituras pouco sistemáticas e un ton, adoito, desleixado e panfletario. No segundo volume sobrancea o contido político-doutrinal sobre o autobiográfico. Entre outros obxectivos, Hitler debulla nel a súa pretensión de incorporar Austria ao imperio alemán, a demanda dun espazo vital para o pobo alemán que se habería concretar no Leste e na destrución da URSS, a crítica do marxismo, por ser, coma o grande capital financeiro, un produto dunha conspiración xudía cuxo fin sería o dominio do mundo, e nomeadamente o seu antisemitismo de raíz cultural e fundamentación biolóxico-xenética. A alternativa habería ser un "socialismo nacional", onde a nación, coma en Mussolini, devén en suxeito da revolución; mais era, a diferenza do italiano, unha nación definida en termos biolóxicos. A comunidade nacional, baseada no principio do liderado, nunha estruturación xerárquica e orgánica, e na volta ás raíces da civilización xermánica, habería substituír á utopía da sociedade sen clases.

‘Mein Kampf’ non é, nin podía ser, un libro de doada leitura, e xamais se converteu nun ‘libro pardo’ ao estilo do ‘Libro vermello’ de Mao, isto é, nunha biblia citada a xeito de Evanxeo polos propios seguedores nazis, que non sempre citaban o libro do líder e preferían as citas dos seus discursos, máis direitos e electrizantes. Porén, o certo é que se trata da máis completa e detallada exposición dos principios teóricos do nacionalsocialismo, xunto co ‘Programa dos 25 pontos’ do NSDAP e mais a obra do nazi baltoalemán Afred Rosenberg, nomeadamente o seu ‘O mito do século XX’ (1930). No libro de Hitler áchanse expostos, de maneira meridiana, varios dos obxectivos expansionistas e imperialistas do futuro III Reich, que foron aplicados durante a II Guerra Mundial, así como os fundamentos teóricos do posterior exterminio dos xudeus europeus.

Logo de 1945, a reedición da obra foi prohibida na República Federal de Alemaña. Varios ditames xudiciais apoiaron a decisión: ‘Mein Kampf’ era unha obra que incitaba ao odio racial e atentaba contra dos principios da Lei Fundamental alemá de 1949. Hitler estaba domiciliado oficialmente en Múnich, e en aplicación das Leis de Desnazificación após 1945 as súas posesións foron expropiadas polas autoridades de ocupación norteamericanas, primeiro, pasando despois a súa titularidade ao Estado Libre de Baviera; iso incluía os dereitos de autor da obra, que segundo a lexislación alemá expirarían setenta anos despois da morte do seu titular orixinario, isto é, o día 1 de xaneiro deste ano 2016. Só os dereitos na Grande Bretaña e nos EUA fican fóra desa cobertura legal, pois o editor orixinal os cedera denantes de 1939 para o mercado anglófono. Iso, porén, non autoriza a reedición na Alemaña da obra por calquera editor e formato, xa que incorrería en delicto por incitar ao odio racial, á xenofobia e atentar contra os valores constitucionais alemáns, prohibición que se estende a todo material de contidos nacionalsocialistas. En teoría, calquera reedición de Mein Kampf entraría nese suposto; porén, esa opinión non é partillada por todos os xuristas, que en parte opinan que a intención do editor é o criterio fundamental para ter en conta, nomeadamente no caso da reedición de obras históricas ou de interese bibliográfico e historiográfico.

O certo é que a idea de reeditar o ‘Mein Kampf’ como proxecto académico é xa antiga. Dende hai case unha década, o Instituto de Historia Actual de Múnich (Institut für Zeitgeschichte, IfZ), instituto de pescuda vencellado á Universidade Ludwig-Maximilian e dirixido na actualidade polo noso colega Andreas Wirsching, acariñaba o proxecto dunha reedición comentada e anotada da obra. O obxectivo era historiográfico, mais tamén de formación da cidadanía: podería ser un material pedagóxico para utilizar nos institutos e nas escolas, como ilustración comentada dunhas ideas que levaran Alemaña e Europa á catástrofe. A polémica político-xurídica inzou, porén, dende 2013, pois logo de apoiar o proxecto, o Goberno bávaro virou de parecer e acordou prohibir a reedición baixo calquera forma; mais varios xuristas e políticos de diversas tendencias expresaron a súa opinión favorábel ao proxecto do IfZ: ao ser unha edición comentada e anotada, e por tanto contextualizada, o seu obxectivo non era a difusión da ideoloxía nazi, senón servir de educación cívica para as xeracións actuais e vindeiras, razón pola que non debían existir impedimentos para autorizala.

Finalmente, o 6 de xaneiro de 2016 saíu á rúa a reedición. Trátase dunha edición comentada, anotada e contextualizada, de considerábel volume, que malia o seu prezo coñeceu até o de agora un éxito editorial considerábel (24.000 exemplares), mesmo sen chegar a ser un best-seller. A polémica non desapareceu: Non se corre o risco de, aínda que ese non sexa o propósito da reedición, relexitimar indireitamente unha obra responsábel dunha monstrosa catástrofe? A ese obxeición poderíanse contrapoñer tres argumentos. Primeiro, ‘Mein Kampf’ está dispoñíbel na rede para calquera consumidor en moi diferentes idiomas e de balde: quen o quixer ler para inspirarse nel, xa o pode facer; as leis e prohibicións han afacerse ao século XXI. Segundo, se non trata dun libro de doada leitura; unha edición comentada como a que nos ocupa é de pesada dixestión, e diríxese cara a un público especializado e formado. Terceiro, precisamente ao se tratar dunha edición comentada, determinados capítulos ou apartados, co seu aparello crítico, poderán ser utilizados con fins educativos no sistema de ensino. Con todo, nun intre de recrudecemento do debate verbo da integración dos estranxeiros e da cuestión dos refuxiados na Alemaña actual, moitos tamén se preguntan se é oportuno reeditar Mein Kampf, aínda que sexa nun formato académico. Nos convulsos meses que levamos deste ano 2016, a polémica non amainou. Mais todo o relacionado co pasado nazi é obxecto, na Alemaña, dunha intensa deliberación pública. Algo que, de seu, xa constitúe unha proveitosa lección para outros países con pasados recentes incómodos.

Comentarios