A mellor botica, na horta: o poder das herbas

Sabían que a tila baixa a febre, que a ortiga reduce a anemia, que o ourego sana a tos e que a alfábega espanta os ratos? As avoas eran sabias e a súa horta, a mellor botica
Herbas secas e flores. FREEPIK
photo_camera Herbas secas e flores. FREEPIK

Chega o frío e todo é pouco para combater os seus efectos. As vías respiratorias reséntense só con ver o mapa do tempo e os virus parecen despertar todos á vez do letargo estival. Tras varias visitas á farmacia, unha caixa de paracetamol e medio litro de xarope para a tos, a todos se nos vén á cabeza aquela bebida que nos daba a avoa cando eramos nenos, aquilo que nos resistiamos a beber porque sabía a raios, pero que quitaba todos os males. Quén nos dera saber a receita!

A lucense Maria Frá Bagaria leva vantaxe no tema. É a autora de Remedios da nosa horta medicinal e non hai herba nunha corredoira que non teña identificada con nome, apelidos e utilidade.

Maria Frá
Maria Frá

Ela é unha compilación de avoas. Leva dedicado moitos anos a escoitalas, a aprender delas, a gardar o saber de antes, ese que tiña remedio para case todo. Onde calquera ve herba, ela atopa un antitérmico, un desinfectante, un astrinxente...

Recorda que ata non hai moito, as mulleres de cada casa sabían usar as plantas para poñer remedio ás enfermidades comúns. A horta era a súa botica e o saber pasaba de xeración en xeración, ata que o acceso aos fármacos se popularizou e as receitas naturais se foron esquecendo.

Pero o que antes funcionaba hoxe segue valendo. Os remedios naturais son moi propicios para o inverno. Permiten combater as doenzas propias da época e axudan a reducir o consumo de medicamentos.

O mercado protexe

Maria Frá empeza polo básico. "O primeiro é a alimentación, que o alimento sexa a túa medicina. A mellor maneira de previr é alimentarse acorde coa natureza, que dá en cada época o que necesitamos. Por exemplo, os froitos do outono preparan o corpo para a chegada do frío. Para acertar en cada momento, o máis fácil é consumir o que hai no mercado", comenta.

O sabugueiro é un piar da menciña popular porque se aproveita todo e para usos diversos

Como complemento da alimentación, hai plantas que axudan a reforzar o sistema inmunitario. Maria Frá ten especial querencia polo sabugueiro, árbore á que califica de "sagrada" e da que destaca que se aproveita todo. Explica que "o xarope feito con bagos de sabugueiro e mel ou azucre é un estimulante inmunitario" moi apropiado para afrontar o inverno.

Hai herbas para case todo

A estas alturas do ano arrepentímonos de non ter alimentado mellor o noso sistema inmunitario nos tempos de bonanza. Pero a grandes males, grandes remedios. Hai herbas para case todo. 

Maria Frá advirte de que para dispoñer dunha despensa completa deberiamos ter feito a colleita no verán, pero aínda hai solución porque tamén hai plantas de inverno moi socorridas. "Estaría ben ter adiantado algo. Hai herbas do calor moi útiles, como a flor do sabugueiro, o pericón, todas as herbas de San Xoán... Esas agora en fresco non as temos, pero hai outras que medran todo o ano, como as ortigas", explica. 

Escoitando a Maria Frá ata se lle perde o reparo a esta planta. "A ortiga é astrinxente, boa para despexar as vías respiratorias nas catarreiras". E recita a receta popular de "sete cabezas de ortiga, sete folliñas de hedra e unha poliña de romeu". Tamén contribúe a reducir a anemia e a combater o decaemento.

As herbas teñen múltiples beneficios para a saúde, pero non son inocuas e hai que coñecelas

A maioría dos remedios para o inverno fanse infusionando as plantas en auga quente. "O mellor é utilizalas frescas se están a disposición, así tamén se aprende a identificalas. Se non as hai, pódense empregar en seco", apunta a experta.

En todo caso, tamén en cuestión de herbas a estacionalidade vai á par das necesidades. "En Lugo pódense atopar nesta época plantas resistentes ao frío como a herba do carpinteiro, con propiedades dixestivas, ou a lingua de ovella, moi axeitada para combater os catarros, problemas respiratorios ou das vías urinarias", comenta.

As culinarias sorprenden

Maria Frá explica que o descoñecemento das propiedades das herbas e a dificultade para identificalas suscita reparos cara a súa utilización. Neste senso, recomenda empregar plantas coñecidas e de uso común no ámbito culinario. "Ás herbas comúns non lles temos medo. Por exemplo, o tomiño, o romeu e o ourego están habitualmente nas nosas cociñas e son antisépticos, desinfectantes efectivos para as vías respiratorias e tamén útiles para combater a gastroenterite, outra doenza que tamén vén co frío". Entre os condimentos máis comúns, destaca as múltiples propiedades do tomiño.

Explica que o segredo está en saber aproveitar a sinerxia, en conseguir a combinación de plantas óptima para paliar os síntomas en cada caso. 

Pero ollo, porque tamén advirte de que "as herbas non son inocuas". Maria Fra aconsella identificalas sempre antes de consumilas. "Non é necesario coñecelas todas. Podemos empezar con unha ou dúas e ir ampliando coñecementos pouco a pouco, como se fai habitualmente cos cogomelos", comenta. En todo caso, apunta que "o máis perigoso que hai ao noso redor é o ornamental".

Esta experta afirma que "coñecer as plantas leva a un contacto distinto co noso entorno. Cando imos por un camiño e sabemos o que nos rodea cambia a percepción. Non volvemos ver a ortiga coma un problema". Ademais, lembra aquilo de "ortiguiña me picou, mentrasto me sanou", pois o remedio para aliviar as picaduras das ortigas soe medrar ao pé delas.

As hortas tiñan lóxica

Esta asociación de cultivos que se dá na natureza tamén se procuraba nas hortas tradicionais. "Tiñan lóxica. Por exemplo, as hortas estaban rodeadas de roseiras ou outras flores para favorecer a polinización e había alfábega para que non entraran os ratos. Hoxe inténtanse recuperar estas prácticas nas hortas con perspectiva ecolóxica". En opinión de Maria Frá, trátase de "desandar para recuperar o que deixamos ir".

Ela reivindica "o papel da muller meiga, que sostiña a saúde da comunidade. Esa xeración de avoas que sabía moito polas experiencias da vida e que utilizaba e transmitía os remedios, o coñecemento popular". Apunta como curiosidade a presenza de malvela nas hortas dunha zona de Galicia onde non é frecuente esta planta. "O curandeiro da zona usábaa moito e as mulleres de cada casa procuraban tela a man por se facía falta. Cultivaban o que podían necesitar", explica.

As flores nos peches das hortas tiñan como función facilitar a polinización

Galicia sempre foi terra de menciñeiros, de curandeiros e compostores, de marías e meigas. Habíaos en cada aldea e aínda queda algún. "Nós tiñámolo fácil, pero fomos dos últimos países de Europa en retomar a medicina natural", afirma Maria Frá, quen tamén constata que "vai medrando o interese por este coñecemento porque nos damos conta de que abusamos dos medicamentos". A experta aboga por "poñer o acento en previr antes que en curar".

E todo axuda. Maria Frá vén de impartir en Lugo un obradoiro de cosmética natural. Ensina a elaborar extractos e aceites a partir de plantas silvestres, que despois poden destinarse a produtos cosméticos e de limpeza, como cremas, xabóns ou champús. 

Neste programa de actividades, que ofrece baixo a marca Devagar, Maria Frá tamén organiza obradoiros sobre herbas e saídas para aprender a identificalas. O obxectivo é divulgar, polo ben da saúde e da cultura, o saber tradicional que ela foi recollendo de casa en casa, escoitando de boca e boca.

A natureza é sabia e poderosa e o ourego, o tomiño, o romeu ou a alfábega merecen ser considerados algo máis que herbas para adornar o guiso.


Herba do carpinteiro ►Resistente ao frío

herba do carpinteiro web

A herba do carpinteiro (Achillea millefolium) é unha planta moi socorrida porque resiste ben o frío e é facil atopala en calquera época do ano. Abunda en toda Galicia e adáptase perfectamente ao clima de Lugo. Ten efectos beneficiosos para a dixestión, equiparables aos da macela. Tamén se lle atribúen propiedades antiinflamatorias, polo que axuda a combater procesos de dor. Maria Frá apunta que a herba do carpinteiro está especialmente indicada para as dores menstruais.

Lingua de ovella ► Problemas urinarios

plantago-lanceolata web

A lingua de ovella (Plantago lanceolata) é unha especie común moi fácil de atopar nos prados galegos. Ten múltiples utilidades. É apropiada para as catarreiras porque axuda a despexar as vías respiratorias. Tamén resulta beneficiosa para os problemas das vías urinarias, especialmente para os cálculos. Polas súas múltiples propiedades, é unha planta moi valorada para combinar con outras, na procura de sinerxias que complementen os beneficios e aumenten a efectividade.

Tila ► Axuda a baixar a febre

tilo web

A tila é unha planta de uso común polas súas propiedades relaxantes e está presente en moitas casas en seco. Pero ten outras utilidades menos coñecidas que tamén son interesantes. A infusión de tila axuda a baixar a febre. Favorece a transpiración e contribúe a depurar o organismo nos procesos infecciosos que causan febre. Neste sentido, os efectos da tila poden equipararse aos do sabugueiro, outra planta febrífuga que medra en toda a xeografía galega.

Ourego ► Combate a tos

ourego web

O ourego medra en toda Galicia. É fácil atopalo en campos e montes, pero tamén nos supermercados porque é un condimento moi utilizado na cociña. É desas herbas consideradas familiares, con aroma e sabor facilmente identificables nun prato de carne guisada, pero con propiedades que van máis aló das puramente gastronómicas. A infusión de ourego calma a tos. É un bo aliado no tempo de catarros, pero tamén axuda a combater a tos de tipo nervioso.

Comentarios